O castelo
converteuse nunha gaiola de grilos, o primeiro en aparecer foi o seu home a
quen tentei rexeitar do lugar, pois sabía canto a amaba e non ía a atura-lo
espectáculo da súa dona morta estrangulada e das paredes cheas de sangue, non
sabía se dela ou do asasino.
Pronto o
corredoiro encheuse de xente que desexaba saber que pasara; eu tamén estaba
consternado pero alguén tiña que mante-la calma e, sobrepoñéndome ós meus
sentimentos persoais, asumín o meu papel de médico e non deixei que ninguén
pasase máis aló da porta. Pecheina e fun a chamar á policía; logo, mentres
esperabamos falei co conde Pietro na biblioteca e dille a desafortunada nova, ó
pobre deulle un ataque de nervios como non vira nunca nun home.
Como sabe
todo o mundo a policía estivo meses tentando descubrir ó asasino e non logrou
nada: interrogou ós 250 invitados, ós fillos do matrimonio, ós 100
traballadores que durmían no castelo, ós meus pais e irmáns, á cociñeira e ós
seus axudantes, ós serventes da casa, e mesmo ó fillo dun veciño que estivera
polón serán para pedirlle ó conde un libro prestado. Tamén investigaron o
pasado de todos eles pensando, se cadra, que alguén non era quen dicía ser e
entre eles podería atoparse algún inimigo de Isabella. ¿pero como ía ter
inimigos Isabella se era a muller máis amable do mundo?
O que
máis me estrañou de todo foi a actitude de Estefanía, disque non a coñecía
moito, case toda a súa infancia estivo separada dos seus pais en internados de
Inglaterra ou Suíza, e só viña cando as vacacións: é dicir, un mes ó ano. Os
pais de cando en vez ían a visitala estivese onde estivese, pero eu
intercambiara moi poucas palabras con ela, aínda que sempre pensei que adoraba
ós seus pais. O que estaba a pasar é que nos derradeiros días atopeina moi
cambiada. Coidei que era polos nervios do compromiso e polos preparativos que
quedaban por facer ata o momento da voda, seica xulgara mal o seu carácter. De
calquera xeito non me parecía moi natural o seu comportamento; chorou e todo
iso cando se apercibiu da morte da súa nai pero presentía que aquelas bágoas
non eran sinceras, que mesmo sentía alivio pola morte de Isabella. Non podía
ser, debía estar confundido, e en certo sentido o estaba.”
-A verdade é que polo de agora non vexo moita emoción neste
asasinato- dixen, parando de ler- calquera novela ten máis acción que isto.
-Aínda non chegaches ó mellor, e lembra que isto non é ficción senón
un caso real. Vas ter que deixalo para mañá, senón imos ter que xantar aquí e
estou máis que farto dos bocadillos. Levo catro días tomándoos e gustaríame ter
un coitelo e un garfo entre as mans para variar- respondeu Roberto, mentres
recollía o derradeiro informe e o deixaba nunha bandexa cun letreiro que dicía
“revisados”. Este home tiña a mente cuadriculada, quería levalo todo con tanto
orde que ás veces perdíase nunha morea de carteliños por tódolos caixóns, xa
fose na súa casa ou na comisaría.
Mentres
xantabamos non falamos máis do abraiante suceso, segundo el, que fora resolto
dun xeito tan estraño ó atopa-los papeis ó home do Retiro. Falamos sobre os
seus fillos e sobre a miña compañeira; aínda que eu non tiña nin a máis remota
idea sobre o agasallo que ía mercar, Roberto xa llo comprara. Pero non quixo
dicir que era.
O resto
do día transcorreu sen novidades; cheguei cedo a casa. Carme estaba poñendo a
mesa. Preparara un rolo de carne esmiuzada e pastel de chocolate con marmelada
de cereixas. Estaba moi leda. Gustáballe moito celebra-lo seu aniversario, e se
dous días antes xa estaba a traballar deste xeito na cociña non podía imaxinar
o que tería preparado para ese día.
-Non te molestes en buscar un sitio para cear- dixo Carme mentres
servía a carne coas patacas ó forno,- imos facer na casa unha pequena festa, xa
chamei a uns cantos amigos.
-¿E non preferirías que fóramos só nosoutras dúas?- dixen, pois non
me atopaba con moitas ganas de troula.
-¡Veña, ho! ¡Imos ser só media ducia de amigos! ¡Xúrocho!
Non sabía
se crela, a derradeira vez que fixo unha festa non houbo que chamar á policía
porque estaba eu na casa para pór un pouco de orde, e xuntara a case trinta
persoas e tamén xurara que só ían vir media ducia de amigos.
Sempre
acababa facendo o que lle petaba, non podía negarlle nada, era a miña
debilidade. Ben, ¿por que non?, Roberto tamén estaría e seriamos dúas as
persoas sensatas na reunión de tolos que se aveciñaba.
Estivera
no ximnasio esa tarde e invitara a un par dos seus compañeiros, se cadra virían
coas súas mozas. Non falamos moito máis durante a cea. Logo estivemos a ver un
pouco a televisión. Eu estaba cansa e fun a ler á cama; ela quedou un anaco
máis.
Cando
saín da casa ó día seguinte pola mañá díxenlle que non ía vir a xantar, que
vería outra vez a Roberto e que non fose curiosa que xa lle contaría a que viña
tanta reunión. Estaba intrigada por como continuaría a historia do crime da
princesa. Ía ser unha mañá tranquila, seica tranquila de máis, pois tiña que
escribir uns cantos informes que tiñamos atrasados o meu compañeiro e máis eu;
era o que menos me gustaba do meu traballo e sempre estaba propoñéndome ir
facéndoos a cotío pero o meu carácter preguiceiro podía máis que tódalas miñas
boas intencións en canto a levar unha orde no meu traballo. Sempre se me
acumulaban unha morea de papeis e logo tiña que estar dous días dálle que te
pego coa máquina de escribir, e non era precisamente rápida con ela.
Así que
pasei a mañá máis aburrida que imaxinarse poida, desexando que chegase o
momento de ver a Roberto; e, como sempre adoita ocorrer, canto máis queres que
o tempo pase rápido máis lento vai. Foi xusto cando estaba a pasa-lo informe
máis divertido de todos, aquel que trataba da señora de sesenta anos que
mordera a un can que gruñiu ó seu neto, algo incrible, ¿non si?, cando me
decatei que xa chegara o momento de ir a ver ó meu amigo.
Hoxe
estaba de moito mellor humor que onte; polo menos non berraba a ninguén nese
intre, nin en persoa nin por teléfono. Petei na porta e sen espera-lo seu
permiso entrei de seguido.
-Hoxe non imos poder xantar fóra pero un compañeiro traerá dentro dun
anaco comida chinesa, sei que che gusta e a min tamén. Polo menos non serán
emparedados nin bocadillos. O informe téñoo gardado, non tardará en chegar e
non quero que vexa que alguén alleo a esta comisaría o está a ler. Isto que
estou a facer é un favor persoal e fágoo porque sei que es unha persoa moi
discreta.
-Roberto, non fai falla que digas iso, xa sabes que non vou contar a
ninguén nada disto. Falando doutra cousa, xa sabes que Carme quere facer unha
festa polo seu aniversario coa “media ducia de amigos” de sempre.
-Sí, seino –dixo dando un suspiro- e espero que esta vez non monten
ningunha lea importante.
Petaron
na porta e, despois de da-lo seu permiso Roberto, entrou un compañeiro con dúas
bolsas cheas de caixas do restaurante chinés da esquina; Roberto pagoulle e o
xove policía marchou pechando a porta. Primeiro xantámo-la comida que consistiu
en “tenreira con brotes de xudías”, “polo con améndoas”, “porco agridoce”,
“arroz tres delicias”, “rolos de primavera” e algunha cousa máis que esquecín.
O
aniversario de Carme foi tan rechamante como temía; a “media ducia de amigos”
non chegaron a vintecinco pero semellaron un batallón de infantería, pois os
amigos do ximnasio, que eu non coñecía, resultaron ser uns rapaces deses que
lles gusta a música de Deep Purple e demais, trouxeron, non só ás súas mozas,
senón a uns cantos amigos da súa mesma ralea, no bo senso da palabra, e acabou
tronando dentro da nosa casa. A cousa non pasou a máis porque aí estabamos
Roberto e máis eu para impedilo pero non por falta de ganas. Nós faciámo-los
cegos cando algún deles fabricaba un porro, pero non estabamos dispostos a que
a cousa fose máis aló duns sinxelos canutos e dun pouco de barullo coa música.
O que non puidemos evitar foi que emporcallaran a casa de tal xeito que o día
seguinte non a recoñecía de puro porca que estaba: queimaduras na alfombra,
vasos de plástico ata no cuarto de baño,( o cal foi víctima dunha inundación
por mor dunha topada dun dos invitados co lavabo, o cal saíu do seu sitio e
deixou o chan que semellaba a piscina municipal ata que logramos atopa-la chave
da auga e pechala), o sofá do meu estudio manchado dun líquido moi sospeitoso (
preferín non indagar na súa natureza) cunha morea de cabichas de cigarro
molladas ó seu carón, as poucas plantas que había na terraza cheas de cinza dos
cigarros e o chan pegañoso de ron e outras bebidas de alta gradación, anacos de
empanada e de bocadillos nos sitios máis insospeitados (non sei que faría un
longueirón debaixo da almofada do meu dormitorio porque coidara que pechara ben
esa porta), ata uns calcetíns no microondas, e non eran de ningunha de
nosoutras dúas. Recollín todo como puiden e saín para o choio. Durante uns días
Roberto non podería verme pois os compañeiros italianos viñan esta mañá e tiña
que facerse cargo deles mentres arranxaban
tódolos papeis para a extradición do cadáver e tamén estaba o asunto de
investigar quen puido asasinar ó home atopado por min e mailo meu compañeiro.
Xa chamaría cando puidese verme.
Os
italianos tiveron ocupado ó meu amigo toda unha semana, tempo que aproveitei
para xantar a metade dos días na miña casa e o resto para falar coa xente da
rúa, a quen ultimamente tiña esquecida por mor do misterioso acocho do Retiro.
E digo misterioso porque ninguén soubo darme razón do que puido ocorrer, e iso
que falei coa maioría dos homes e mulleres que dormen nos arredores do parque,
e mesmo algúns deles dentro del, agás un medio tolo que me dixo que vira a
estatua do Anxo Caído zurrándolle a badana a un home.
Faltaban
poucos días para que rematase o mes o que significaba que pronto cobraría o meu
soldo e que mercaría unhas cantas cousas para a casa e algunhas novelas de
crimes nalgunha librería de vello; pero os meus plans se estragaron por mor dun
paspán que tiven que perseguir por Callao por roubarlle o bolso a unha muller:
quixen derrubalo e saltei ás súas pernas; batino pero tamén rompín un nocello
por caer dun mal xeito. Agora tería que estar na casa unha longa tempada e non
podería continuar lendo “O crime da princesa”. Xa lle puxera título e todo;
semellaba un deses reporteiros que tan pouco lle gustan a Roberto.
Agora ía
ter que estar na casa todo o día, tombada no sofá lendo ou vendo a televisión,
soa case todo o tempo porque Carme, e díxenllo eu, facía a súa vida normal indo
o seu traballo nunha gardería, ó ximnasio e a clase de informática, e só estaba
as horas das comidas e pola noite a partir das once. Levaba xa dous días
dándolle ó mando do televisor e aburrindo coa miña inactividade cando chamou
Roberto, collín o teléfono e contoume que os italianos xa marcharan, que o caso
estaba resolto e que pasaría esa noite a verme xa que Carme hai días que o
chamara ó traballo para contarlle o que pasara pero que non puido antes falar
comigo porque estivo moi ocupado cos policías estranxeiros.
Estiven
toda a tarde desacougada pensando en cal sería a solución o crime, tanto o da
princesa como o do home de Madrid, e comíanme os nervios vendo que non chegaba
a hora en que aparecese Roberto para contarmo todo.
Collín un
libro de encrucillados e púxeme a facer un moi longo. Cando estivese a piques
de rematalo seguro que chegaba Roberto. Ás oito e media soou o timbre e, pouco
a pouco, axudándome cos mobles cheguei ata a porta e abrin ó meu amigo. Logo el
axudouna a deitarse de novo onde estaba a pasa-los dous últimos días. Puxo unha
butaca preto do sofá e dixo ela:
-Se cadra, poderías face-la cea; morro de fame, non me podo mover do
sofá porque aínda non trouxo Carme as muletas.
-Farei o que poida, e ¿como vas ó baño?
-Saltando, co pé en alto. Non sei como non caio e manco a outra
perna.
-Imaxino que tolearás por coñece-lo final da historia da princesa e a
identidade do asasino-dixo Roberto mentres ía a cociña.
-Será dos asasinos: o da princesa e mailo do home do Retiro.
-Non, só é un asasino. Eu, que sabía o final da primeira historia,
quedei moi abraiado ó descubrir que era a mesma persoa, pois non seguiu a mesma
pauta nos dous crimes, e non é moi normal iso. Pero claro, a primeira víctima
foi producto dun arrouto que lle deu de súpeto, xa que non desexaba matala
senón asustala. A segunda vez que actuou o fixo premeditadamente. ¿Paréceche
ben un ovo fritido con patacas e touciño entrefebrado? É todo o que podo atopar
nesta neveira.
-Esta Carme é tremenda, outra vez esqueceu ir ó mercado; que lle imos
facer, o que sexa pero axiña.
-Os compañeiros italianos deixáronme a traducción que fixemos; aínda
que por agora non podemos facela pública ata que o asasino estea na cadea, o
que será moi pronto, sí te podo xa mostrar con total impunidade o relato. Así
que, para que non aburras, tróuxencho. Aquí o tes. Vou a cociña, a ver se xa
están as patacas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Podedes deixar aqui os vosos comentarios, ideas e suxerencias.
Podéis dejar aquí vuestros comentarios, ideas o sugerencias.
Spazio per scrivere le vostre osservazioni e idee.