Páginas

sábado, 4 de abril de 2020

O crime da princesa, segunda parte

PRINCESA ASASINADA NO SEU CASTELO DE IVREA, NO PIAMONTE (ITALIA)

Turín, 20 de outubro.- Hai dous días a princesa María Isabella Bergonzi dálla Fiori apareceu asasinada no seu dormitorio do seu castelo de Ivrea, no Piamonte (Italia). A víctima que foi estrangulada, tiña preto de sesenta anos e, ese mesmo día, ía da-la nova do compromiso da súa filla Estefanía, de vintetrés anos, co fillo dun importante home de negocios de Turín. A policía non atopou pegadas que poidan resolver dun xeito rápido o crime agás dun cepillo para o cabelo e un colar de diamantes que pensan poden se-las armas co que tivo lugar o espantoso e abraiante suceso; ámbolos dous obxectos tiñan sinais de sangue: o primeiro, achado ó carón da princesa asasinada, puido se-la arma con que a deixaron inconsciente; o segundo, espallado por todo o cuarto, puido se-la arma con que foi estrangulada, xa que o fío do colar tamén ten restos de sangue. Ninguén se explica como puido ocorrer.

-Xa me lembro, daquela estaba lendo novelas de Agatha Christie e pensei que era un caso axeitado de abondo para Poirot; ¡que mágoa que só sexa un personaxe de ficción! ¿verdade?
-As cousas non son tan doadas na realidade- dixo Roberto levantando a vista dos seus papeis- senón fose polo manuscrito encontrado agora no Retiro sería un de tantos crimes sen resolver, de calquera xeito quedei moi abraiado cando rematei de lelo, ni os mellores escritores de novela negra poderían conseguir escribir un argumento tan embarullado como este crime da princesa italiana.
-Non sei se me dará tempo de lelo todo- dixen, vendo a cantidade de folios que tiña ante min.
-Coido que non- dixo o meu amigo mirando ó seu reloxo- pero podes tornar mañá por aquí.
-Iso farei- respondín ó tempo que me enfrascaba na lectura daquela morea de papeis.

“Estou canso de fuxir, canso de percorre-lo mundo tentando esquecer a Isabella e a súa espantosa morte, canso de levar sobre as miñas costas o incrible segredo do seu asasinato, un segredo que non comparto con ninguén, non sendo co seu asasino. Durante moito tempo crin que estaría a salvo por mor desa información pero agora temo pola miña vida; volveuse moi poderoso e non permitirá que siga vivindo mentres haxa unha posibilidade, aínda que sexa remota, de que alguén poida facerme falar sobre aqueles feitos ocorridos hai tanto tempo no castelo do Piamonte.
Teño medo, moito medo, pero este temor non é tanto por perde-la miña vida como por pensar que pode volverse a repeti-la historia agora que el se cre inalcanzable, máis aló da xustiza, e xa fixo dano de abondo hai dez anos: esnaquizou unha familia e fixo tolear de dor a un bo home.
Neste intre vou descarga-la miña alma de tódolos desacougos que levo agachando dende aquela; milleiros de veces repasei a historia na miña cabeza e milleiros de veces desexei escribila pero non atopaba o momento axeitado e cría que podería se-la causa da miña morte se o asasino se decataba de que fixera algo semellante. Pero iso agora xa non importa, sei que de calquera xeito vou morrer e non podo permitir que o asasinato da fermosa Isabella quede sen castigo.
¡Sí, fermosa, aínda que xa tivese sesenta anos! Para min seguía sendo aquela rapaza de longos cabelos negros e ollos grandes de cor verde que me enguedellou, sen sabelo, ós quince anos co seu sorriso e a súa mirada verde mar ó darlle eu unha das primeiras rosas que cultivara baixo as ensinanzas do meu pai, o xardineiro do castelo. O seu pai, don Salvatore, era un bo home que se preocupaba polos seus traballadores. Os seus devanceiros deixáranlle unha boa herdanza, tanto en cartos como en propiedades, e el, un home con vista para os negocios, aumentara considerablemente o seu patrimonio; pero era un home que gustaba de compartir con outras persoas a súa boa sorte e os seus traballadores, xa fosen os do palacio ou os das fábricas e tendas, eran, se cadra, os mellores pagados do país. Comprendendo que se non facilitaba as cousas o patrón, ou sexa el, ninguén o había de facer, construíu unha escola nos terreos do palacio para os fillos dos seus serventes e trouxo a vivir alí ós mellores mestres; fixo, tamén, garderías para os fillos das súas traballadoras das fábricas, facilitando deste xeito a famosa incorporación da muller casada ó traballo; pagaba a viaxe cando calquera persoa das que tiña ó seu cargo precisaba cambiar de localidade por un tempo, por mor da enfermidade dun familiar ou calquera outra causa, e mesmo encargábase de buscar unha vivenda onde puidese vivir mentres durase a súa estadía alí. Sempre que fose un motivo xustificado o traballador seguía percibindo o seu salario e cando algún deles se xubilaba facíano coa totalidade do salario percibido durante a súa etapa laboral máis unha bonificación durante os cinco primeiros anos que saía do peto de don Salvatore. Mesmo algúns considerábanse tan ben pagados que rexeitaron esa bonificación por máis que don Salvatore insistía sempre para que aceptasen.
As malas linguas dicían que don Salvatore facía todas aquelas cousas para se aproveitar mellor dos seus obreiros; pero non era verdade porque todos estabamos moi ledos co trato que nos dispensaba, agás os trapaceiros, pero isos non duraban moito e os seus mesmos compañeiros alegrábanse da súa marcha cando os despedían. Tamén pagou, ás veces, os estudios universitarios no estranxeiro ós que pensaba que tiñan posibilidades de medrar nesa profesión, como me ocorreu a min. Con outro patrón agora sería un sinxelo xardineiro, pero convertinme en médico e, aínda que me custou un grande esforzo, conseguín remata-la carreira de Medicina con boas notas, só para agradecer deste xeito a confianza que puxera en min don Salvatore.
Despois dos meus estudios tornei ó pazo: por unha banda, para amosa-lo título acabado de conseguir; por outra, coa esperanza de ver a Isabella. Supoñía que xa estaría feita unha fermosa muller e, de cando en vez, nas longas noites de insomnio, soñaba con que ela se convertía na miña doce dona. Soño sen esperanza porque, aínda que eu medrara por mor da miña vontade e do diñeiro do seu pai, non deixaba de ser un servente deles e sospeitaba que endexamais permitirían semellante casamento. Non tiven oportunidade de sabe-la verdade porque cando cheguei atopei os preparativos da voda de Isabella cun curmán seu. Foi un duro golpe para min, pero non tanto que impedise agocha-los meus sentimentos e felicitala polo seu compromiso dun xeito sincero.
Todos expresaron o seu contento polo meu retorno e ata fixeron unha pequena festa de benvida. Os meus pais e irmáns estaban ben, nembargantes o meu pai deixara o xardín hai uns meses por mor da artrose e agora o xefe dos xardineiros era o meu irmán Paolo. Don Salvatore propúxome que quedase no pobo xa que o médico do lugar non tardaría en xubilarse e ía facer falla un médico novo: esquecín a idea de establecerme en Milán e aceptei a proposta de don Salvatore, estaría cerca de Isabella, podería vela e, quizais, falar con ela a miúdo, e tamén coidala, xa que non como o seu home polo menos como o seu médico. E así vivín feliz todos aqueles anos, cerca dos meus amigos e parentes, permanecendo solteiro á pesar dos esforzos da miña nai e de Isabella por atopa-la muller axeitada para min. Pero eu non me deixaba convencer aínda que ás veces saín con algunha delas, para darlles gusto ás dúas mulleres que máis quería neste mundo, pero ningunha se podía comparar con Isabella.
A súa morte foi un duro golpe para todos; lembro os días anteriores ó espantoso feito como os máis felices da miña querida amiga. A casa era un barullo de xente: decoradores, cociñeiros, modistas, o señor párroco, amigos, coñecidos, familiares dos noivos, familiares dos pais dos noivos, vellas amizades, rapaces e raparigas, as damas de honra, periodistas, industriais, comerciantes..., ían e viñan continuamente traendo agasallos e unha morea de cousas necesarias para tan importante acontecemento. Isabella multiplicábase e xamais vin que tratase a ninguén dun xeito desconsiderado por mor do cansazo, tiña a vitalidade dunha rapaza de vinte anos e sempre unha palabra amable para todos, mesmo para os máis impertinentes, os periodistas, e para os máis susceptibles, os cociñeiros e os decoradores. Entendo que alguén puidese sentir envexa polo seu diñeiro e pola súa posición, pero iso debía ocorrerlles a aqueles que non a coñecían e que nunca falaron con ela, porque Isabella facía que esqueceses todo o que tiveses na súa contra en canto sorría e falaba daquela maneira tan sinxela e suave”.
-Máis que unha confesión semella unha novela romántica- dixen, ó tempo que collía un dos cigarros que tiña Roberto na tabaqueira de madeira do seu escritorio.
-Non é unha confesión; non estás a le-lo relato dun asasino arrepentido senón dunha testemuña dun asasinato.
-Entón, ¿por que non o denunciou?- preguntei estrañada.
-Ti segue lendo e non preguntes, ¿non te gustan as novelas policíacas?- dixo Roberto cunha certa retranca- ¡pois toma novela policíaca a esgalla!
Tiña razón; se cadra non estaba no mellor momento para ler eses papeis, era certo que ó principio de todo falaba de que o segredo era compartido co asasino. Tiña a mente noutras cousas como o agasallo que tiña que mercar a Carme polo seu aniversario dentro de dous días e cal sería o lugar idóneo para levala a cear. Ata que non resolvese esas dúas cousas non tería a cabeza para máis nada.
Pasei rapidamente os folios; en verdade había moito que ler: cincuenta páxinas cunha letra moi pequena e a un espacio. Quen fixo a traducción debería estar a descansar polo esforzo, pois coñecendo a Roberto seguro que non o deixou en paz ata que rematou coa transcrición do orixinal.
Tentei esquece-las miñas preocupacións e seguir coa lectura; aínda quedaba media hora ata o momento do xantar e Roberto estaba outra vez enfrascado cos seus expedientes.
“O castelo da familia é verdadeiramente enorme e non houbo ningún problema para aloxar a toda aquela xente, non sendo que se tiveron que establecer quendas ás horas das comidas para non mesturar ós traballadores cos invitados da familia. Pero todo transcorreu coa maior tranquilidade. O conde Pietro, curmán e marido de Isabella, quixo que os traballadores quedasen na casa para que non se perdese tempo acotío no seu traslado ata o castelo que se encontraba moi a desmán de calquera dos centros de traballo dos arredores.
Estefanía era a única que de cando en vez deixaba amosa-lo seu malhumor polas maiores parvadas, pero ninguén lle facía caso pois comprendían que os nervios da voda sempre afectaban de máis ós noivos e Isabella tiña que estar de contino calmándoa para que non rifase con todo o mundo, mesmo co seu noivo con quen endexamais tivera problemas nos cinco anos que levaban xuntos.
Aínda que ó día seguinte só ían a prometerse, Isabella quixo que a casa estivese adornada como se fose o día da voda e, agás uns cantos que vivían moi lonxe, asistisen a maioría dos invitados da voda, como se fose un ensaio xeral.
O día anterior a que se celebrase a cerimonia de petición de man, Estefanía atopábase de moi malhumor, ni sequera Isabella puido evitar que estivese desacougada e nerviosa, e a cousa foi tan grave que mesmo trasladou a súa intranquilidade a tódolos invitados; os traballadores falaban ás súas costas e o seu pai fechouse no seu despacho dende mañanciña pois non aturaba o seu carácter cando lle daba dese xeito, deixando a solución do problema nas mans da súa muller. Ó longo do día tiveron varias discusións pero a peor foi pola noite, en que Estefanía saíu da biblioteca dando un portazo e deixando á súa nai nerviosa e soa nun mar de bágoas. Por máis que o bo do seu home tentou indagar que pasara entre elas non logrou que Isabella falase nin un chisco, e iso que na súa vida matrimonial tiveran ningún segredo, sempre, ‘polo que me dixera ela, foron moi sinceros na súa relación e non había ningún pensamento nin desacougo por pequeno que fose que non se contasen. O conde Pietro non entendía a actitude da súa muller e estaba, evidentemente, doído por esa falla de confianza.
Non podía ser por mor da voda nin por calquera outra cousa relacionada coa cerimonia pois, aínda que os maiores segredos sempre dan lugar a rumores, non se falaba entre os invitados e amigos da familia de nada diso; tiña que ser algo moi grave para que nin a nai nin a filla contasen nada a ninguén.
O ambiente esa noite estaba moi enrarecido e se ámalas dúas non arranxaban as súas diferencias antes do xantar, todo ía a resultar un auténtico fracaso. Eu, no meu cuarto, dáballe voltas ó asunto tentando buscar unha explicación pero non se me ocorría ningunha. A casa estaba en completo silencio. Durmín a ratos e crin escoitar uns ruídos nunha das veces que espertei pero non les fixen moito caso, pensei que, xa que o castelo era moi antigo e algunhas das súas partes estaban construídas de madeira, sería algunha táboa do tellado ou do chan.
Estaba amañecendo cando conseguín por fin concilia-lo sono, pero durou pouco o meu descanso xa que espertei por mor dun fondo berro que fixo que saíse correndo, xa que recoñecín a voz de Estefanía. Non sabía se darme presa ou non, podía ser algo grave o que estaba a suceder ou ser unha parvada coma unha catedral, coas noivas nunca se sabe, se cadra rompera unha unlla. Por iso non me din presa en acudir onde estaba ela; non podía imaxinar o que ocorrera. O berro fora longo e agudo e non se repetiu, voltei ó meu cuarto e, xa que espertara, dinme unha ducha e vestinme con toda a tranquilidade do mundo.
A casa estaba tranquila, non semellaba que ninguén se erguera aínda e baixei á cociña a tomar un café, agora mesmo non me apetecía almorzar máis nada, xa tomaría algunha froita a media mañá. Ó pouco tempo apareceu Estefanía e como ela non falou do berro eu tampouco quixen facelo. Só comentou que ás nove quixo falar coa súa nai pero que a porta do seu cuarto estaba pechada e como era unha parvada o que desexaba consultarlle voltou á súa peza e durmiu un anaco máis. Eu rematei co café e díxenlle que iría a ver como estaba a súa nai. Se cadra o berro foi algún pesadelo da moza e pode que ela nin sequera se decatara del.
Subín outra vez as escaleiras e topei con dous invitados que saían a dar un paseo polo xardín, saudeinos e fun cara a esquerda, seguín o longo corredoiro ata chegar á porta de Isabella, petei nela e abriu un anaco. Non entrei de contado senón que batei de novo nela e alcei a voz para que Isabella, se estaba durmida, espertase, non quería asustala aparecendo de súpeto, pero non obtiven resposta. Quizabes non estivese dentro e estaba a face-lo parvo falando cos mobles; chameina un pouco máis alto e abrín a porta un anaco máis, foi entón cando a vin. Nese intre fun eu quen berrou o seu nome dun xeito desgarrado. Alí estaba ela, na súa cama, morta. Iso era evidente, a cara morada era suficiente, non só para un médico, senón para calquera que tivese un pouco de sentido común, para comprender que aquela muller fora asasinada.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Podedes deixar aqui os vosos comentarios, ideas e suxerencias.
Podéis dejar aquí vuestros comentarios, ideas o sugerencias.
Spazio per scrivere le vostre osservazioni e idee.