O segredo de Marco Polo é un libro un pouco raro, o que non
significa que a historia que conta non sexa interesante. Polo pouco
que teño lido de Francisco Castro as súas historias son moi
interesantes. Endexamais sabes cando comezas a ler un dos seus libros
por onde vai sair.
Seica porque o espírito galego é así e Castro é
galego ata a medula.
Mesmo, aínda a súa novela estea ambientada en
Venecia, un dos seus protagonistas sexa o famoso Marco Polo e a
historia de amor entre un soldado e unha principessa (Castro
utiliza a forma italiana da palabra) queren ser tipicamente
venecianas, mesmo así, é unha historia moi galega.
O tema subxacente na novela é o do poder
tiranico, o poder de quen sabe que por nacemento pode telo todo e
tenta asoballar ós máis débiles; isto vese tanto na relación do
pai de marco, un sinxelo soldado do exército do Dogo, como no
matrimonio forza da principessa Naia cun nobre español.
Tamén está o tema da rebelión contra a figura
do pai, contra o mesmo poder inxusto e cruel do que comecei a falar
neste parágrafo. O pai de Marco, o Primo Xeneral de Venecia, o home
máis importante despois do Dogo, é unha figura odiosa dende o
momento en que aparece no libro, e con cada páxina lida a
animadversión contra esta personaxe aumentará no lector do mesmo
xeito que fai con Marco. Xa que logo, o lector non ten outra que
identificarse con este marco novo, que un día, de súpeto, coñece ó
outro Marco, o famoso Marco Polo.
O libro xoga ó despiste con este nome, Marco. Non
debemos esquecer que San Marco é o patrono de Venecia e unha época
tan ligada á Igrexia como a Medieval que describe Francisco Castro
no libro, era caseque unha norma común poñer ós nenos o nome do
Santo Patrono ou de calquera outro santo.
Eu que lin O Milione, en italiano, e tamén El
libro de las maravillas, en castelán, do mercador e viaxeiro Marco
Polo, cando comecei a le-lo libro de Francisco Castro, que inicia
describindo un rapaz chamado Marco, que é soldado, pensei ¿Que
raios me está a contar este home? ¿Estase a inventar unha nova
historia de Marco Polo? Seguín lendo.
Esta foi unha xogada moi
intelixente: xogar cos coñecementos previos do lector e darlle unha
reviravolta.
¿Seica vai dicir que Marco Polo é unha personaxe
ficticia, que nunca saíu de Vencecia e non coñeceu a Kublai Kan?
¡Non!
Menos mal porque estaba a piques de choromicar
cando no libro aparece o vello Marco Polo que se achega a falar co
Marco, o soldado que está mirando o mar sentado no peirao de
Venecia, triste polo seu amor non correspondido. É o que ten o mar,
que vai moi ben para as tristuras dos amantes non correspondidos, o
mesmo que falar cun vello mariñeiro o que lle sucedeu o mesmo. O
mesmo, o mesmo, non, que nunca é o mesmo, se cadra parecido.
E agora que xa esbardallei dabondo coa historia da
que non quero contar máis para non estraga-lo final, vou da-la mia
opinión sobre a maneira de escribir deste autor galego. En O segredo
de Marco Polo apenas hai diálogos, pódese dicir que é unha novela
introspectiva, o diálogo máis longo é o do soldado Marco consigo
mesmo. A través do pensamento Marco cóntanos as súas angustias, a
súa opinión sobre unha vida que non lle presta, aínda que non sabe
que vida lle prestaría, so sabe que esa que leva non lle gusta
nadiña. Francisco Castro fai un uso moi preciso dos diálogos, so
nos momentos importantes, cando realmente as personaxes teñen algo
que dicir que vai influír no resto da historia e na comprensión do
lector sobre aquilo que está lendo, entón, usa un diálogo. En caso
contrario, as descricións dos sentimentos e das accións sen máis
explicacións abondan para que o lector saiba que está a suceder e
porque.
Os diálogos máis longos son aqueles onde aparece
Marco Polo, o vello mariñeiro, porque ten diante del a outro Marco
que pensa, como o resto da cidade, que é un vello tolo. So a palabra
axudada polos obxectos que enchen a casa do ancián mariñeiro serán
capaces de que Marco, o soldado, esperte e comence a soñar. Porque é
nese soñar onde está a forza para a liberación que busca. O vello
fai o papel de mentor, de persoa que axuda ó novo Marco a saír da
escuridade na que viviu dende que era cativo, dende a morte da súa
nai, a única luz na súa vida. Logo a escuridade, representada polo
pai, e isto da moito medo: non poder saír da escuridade, non ter
unha razón para vivir e un pulo que te axude a realiza-los teus
soños.
Se o consigue ou non... iso non vou escribilo,
teredes que le-lo libro.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Podedes deixar aqui os vosos comentarios, ideas e suxerencias.
Podéis dejar aquí vuestros comentarios, ideas o sugerencias.
Spazio per scrivere le vostre osservazioni e idee.