miércoles, 1 de junio de 2022

O SEGREDO DE MARCO POLO de Francisco Castro - RESEÑA

 
O segredo de Marco Polo é un libro un pouco raro, o que non significa que a historia que conta non sexa interesante. Polo pouco que teño lido de Francisco Castro as súas historias son moi interesantes. Endexamais sabes cando comezas a ler un dos seus libros por onde vai sair. 
Seica porque o espírito galego é así e Castro é galego ata a medula. 
Mesmo, aínda a súa novela estea ambientada en Venecia, un dos seus protagonistas sexa o famoso Marco Polo e a historia de amor entre un soldado e unha principessa (Castro utiliza a forma italiana da palabra) queren ser tipicamente venecianas, mesmo así, é unha historia moi galega. 
O tema subxacente na novela é o do poder tiranico, o poder de quen sabe que por nacemento pode telo todo e tenta asoballar ós máis débiles; isto vese tanto na relación do pai de marco, un sinxelo soldado do exército do Dogo, como no matrimonio forza da principessa Naia cun nobre español. 
Tamén está o tema da rebelión contra a figura do pai, contra o mesmo poder inxusto e cruel do que comecei a falar neste parágrafo. O pai de Marco, o Primo Xeneral de Venecia, o home máis importante despois do Dogo, é unha figura odiosa dende o momento en que aparece no libro, e con cada páxina lida a animadversión contra esta personaxe aumentará no lector do mesmo xeito que fai con Marco. Xa que logo, o lector non ten outra que identificarse con este marco novo, que un día, de súpeto, coñece ó outro Marco, o famoso Marco Polo. 
O libro xoga ó despiste con este nome, Marco. Non debemos esquecer que San Marco é o patrono de Venecia e unha época tan ligada á Igrexia como a Medieval que describe Francisco Castro no libro, era caseque unha norma común poñer ós nenos o nome do Santo Patrono ou de calquera outro santo. 
Eu que lin O Milione, en italiano, e tamén El libro de las maravillas, en castelán, do mercador e viaxeiro Marco Polo, cando comecei a le-lo libro de Francisco Castro, que inicia describindo un rapaz chamado Marco, que é soldado, pensei ¿Que raios me está a contar este home? ¿Estase a inventar unha nova historia de Marco Polo? Seguín lendo. 
Esta foi unha xogada moi intelixente: xogar cos coñecementos previos do lector e darlle unha reviravolta. 
¿Seica vai dicir que Marco Polo é unha personaxe ficticia, que nunca saíu de Vencecia e non coñeceu a Kublai Kan? ¡Non! 
Menos mal porque estaba a piques de choromicar cando no libro aparece o vello Marco Polo que se achega a falar co Marco, o soldado que está mirando o mar sentado no peirao de Venecia, triste polo seu amor non correspondido. É o que ten o mar, que vai moi ben para as tristuras dos amantes non correspondidos, o mesmo que falar cun vello mariñeiro o que lle sucedeu o mesmo. O mesmo, o mesmo, non, que nunca é o mesmo, se cadra parecido. 
E agora que xa esbardallei dabondo coa historia da que non quero contar máis para non estraga-lo final, vou da-la mia opinión sobre a maneira de escribir deste autor galego. En O segredo de Marco Polo apenas hai diálogos, pódese dicir que é unha novela introspectiva, o diálogo máis longo é o do soldado Marco consigo mesmo. A través do pensamento Marco cóntanos as súas angustias, a súa opinión sobre unha vida que non lle presta, aínda que non sabe que vida lle prestaría, so sabe que esa que leva non lle gusta nadiña. Francisco Castro fai un uso moi preciso dos diálogos, so nos momentos importantes, cando realmente as personaxes teñen algo que dicir que vai influír no resto da historia e na comprensión do lector sobre aquilo que está lendo, entón, usa un diálogo. En caso contrario, as descricións dos sentimentos e das accións sen máis explicacións abondan para que o lector saiba que está a suceder e porque. 
Os diálogos máis longos son aqueles onde aparece Marco Polo, o vello mariñeiro, porque ten diante del a outro Marco que pensa, como o resto da cidade, que é un vello tolo. So a palabra axudada polos obxectos que enchen a casa do ancián mariñeiro serán capaces de que Marco, o soldado, esperte e comence a soñar. Porque é nese soñar onde está a forza para a liberación que busca. O vello fai o papel de mentor, de persoa que axuda ó novo Marco a saír da escuridade na que viviu dende que era cativo, dende a morte da súa nai, a única luz na súa vida. Logo a escuridade, representada polo pai, e isto da moito medo: non poder saír da escuridade, non ter unha razón para vivir e un pulo que te axude a realiza-los teus soños. 
Se o consigue ou non... iso non vou escribilo, teredes que le-lo libro. 

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Podedes deixar aqui os vosos comentarios, ideas e suxerencias.
Podéis dejar aquí vuestros comentarios, ideas o sugerencias.
Spazio per scrivere le vostre osservazioni e idee.