lunes, 20 de marzo de 2023

NA PROCURA DE BALMUNG de María Acosta Díaz - Primeiras páxinas


Prólogo Arredores da cidade de Coruña, ano 1337 da Era Hispánica 1 
O monxe percorrera un longo camiño dende o seu país natal e estaba moi canso. Durante unha chea de meses camiñara por vales e montes, atravesara cidades e aldeas e cruzara ríos en total soidade. Dende o alto daquel outeiro adiviñaba a pequena cidade que era o seu destino ó lonxe. Unha cidade preta do mar. Era un home alto e forte pero xa non era un mozo. Debería de estar polos corenta anos, pouco máis ou menos. A súa tonsura estaba rodeada por unha morea de cabelo gris e a súa cara estaba cuberta por unha longa e mesta barba da mesma cor. O único trazo salientable do seu rostro eran os seus ollos, dun azul escuro. Sentara enriba dunha rocha ó carón da porta do muíño e estaba a xantar un anaco de pan e un pouco de queixo que lle dera o amable muiñeiro. Tiña tamén unha xerra de fresca auga do río. Ós seus pés, un longo paquete formado cunha vella manta e rodeado de cordel agochaba as súas poucas pertenzas. O monxe mirou contra ó ceo, o sol estaba no máis alto, aínda lle quedaba unha longa camiñada ata chegar ó Convento dos Dominicos de Coruña, un edificio fundado apenas había uns setenta e cinco anos. Despois de remata-lo seu xantar e beber un grolo de auga o monxe ergueuse e achegouse ó muíño: 
Grazas pola túa amabilidade. dixo o home, cun forte acento estranxeiro, entrando no muíño. Que Deus te axude e te colme de bendicións. 
¿Non quere quedar un pouco máis? preguntou o muiñeiro sen deixar de traballar. 
Non podo, meu fillo, non podo. Pero agradézocho. respondeu o monxe erguendo a súa man dereita cos dedos índice e anular xuntos e facendo o sinal da bendición por todo o recinto e logo na cabeza do muiñeiro. Debo marchar. 
O muiñeiro, que tiña a cabeza agochada mentres o monxe falaba, fitouno e sorriu agradecido polo que o estranxeiro acababa de facer. O monxe tamén sorriu e de seguido saíu do muíño e comezou a baixa-la costa ata os prados que había cerca do mar. 

Dous horas despois desta conversa o monxe atopábase xa preto das murallas da cidade. Rodeounas e seguiu camiñando ata que viu o convento. Mirou o sol, que xa comezara a baixar no horizonte, axiña os monxes serían chamados á vésperas.2  
Antes de chamar á porta o monxe acariñou, case con amor, o fardo que levaba pendurado das costas, como se desexase comprobar que aínda o tiña alí e non desaparecera. Levaba tanto tempo con el, dende que saíra de Alemaña, que ás veces esquecíao. De seguido turrou da campá que tiña á dereita e agardou pacientemente. Non pasaran nin dez minutos cando a pequena abertura que había na porta, e que servía para indagar na identidade de quen chamaba antes de deixarlle franquea-la entrada, se abriu e dende o outro lado un freire moi novo, case un rapaz, segundo pensaba o monxe estranxeiro, fitouno sen dicir un chío. 
Son o irmán Tifer, e veño dende Alemaña. Desexo ver ó prior. 
A pequena apertura pechouse e Tifer quedou agardando. A porta non tardou en abrirse, e o mozo coas roupas de novicio fixo un xesto dándolle a entender o recentemente chegado que podía pasar. Tifer así o fixo, logo agardou a que o novicio pechara a porta. Sempre por medio de xestos o mozo foi guiando ó monxe ata a cela do prior. Petou na porta e agardou pacientemente a obte-lo permiso para entrar. 
Adiante. dixo unha voz dende detrás da porta. 
O novicio abriuna e botouse a un lado para deixar paso ó monxe estranxeiro. 
¡Irmán Tifer! ¡Agardábamos a túa chegada dende hai tanto...! dixo o prior, un home un anaco máis baixo que o seu hóspede e un pouco gordecho, tamén máis vello, achegándose e dándolle unha aperta. Podes marchar. Segue así, irmán, segue así. seguiu a falar fitando para o novicio que, despois de facer unha pequena inclinación de cabeza, saíu da cela e pechou tras el. É un bo rapaz, pero fala de máis, por iso debe pasar un tempo sen facelo para que aprecie o valor da palabra e o valor do silencio. Senta, irmán Tifer, senta, debes estar canso. ¿Traes novas dos nosos irmáns de Alemaña? ¿Están todos ben? ¡Estamos todos tan contentos de que por fin esteas con nós! 
O irmán Tifer, que sentara na cama do prior, pois a única cadeira que había estaba ocupada por este, fitaba para o seu vello amigo sorrindo. A pesar dos anos e do seu cargo conservara a súa alegría xuvenil. 

¿Hai moitos alumnos xa? 
Uns poucos. respondeu o prior fitando primeiro para Tifer e logo para o paquete que o monxe deixara ós seus pés. 
Quedará comigo. respondeu o monxe alemán. É o máis seguro. ¿Fixeches o que che pedín? 
Fíxeno. Ninguén máis o sabe. 
É mellor deste xeito. 
Seino. dixo o prior erguendo de seguido. Axiña seremos chamados á vésperas. Estou certo que desexarás ve-la túa cela e cambia-lo hábito. Acompañareite. 

Ámbolos dous amigos saíron da cela. Polo corredoiro os monxes ían camiñando a modo contra a capela do convento, xa por parellas, xa en soidade, pero todos, absolutamente todos, miraban con curiosidade ó freire recentemente chegado. Tifer e o prior apresuraron o paso. Pouco antes das seis da tarde entraban na capela, xa chea de monxes, para comeza-las vésperas. Tifer mesturouse co resto dos monxes. Conseguira acada-lo seu destino sen problemas, o que non significaba que estivera fóra de perigo. O obxecto que trouxera dende Alemaña non sufrira dano ningún, agora só había que procurar que non caese nas mans inadecuadas, aínda non chegara o momento en que os homes soubesen aprecialo. Era un obxecto demasiado poderoso, non podía caer nas mans de calquera. Ninguén posuía as calidades axeitadas para posuílo, non nestes tempos, se cadra nun tempo futuro, pero non agora. Os monxes que tiña ó seu redor semellaban ignoralo, pero o alemán sabía que morrían coa curiosidade. Cando estivesen todos reunidos no refectorio para a cea, só entón o prior falaríalles del e diríalles que era un dos novos profesores, pois non había moito anos que no convento instalárase unha casa de estudios. Isto era unha verdade a medias e a razón exacta da súa chegada ó convento só era coñecida polo seu amigo. E así debería seguir sendo.

1 1299 da Era Cristiana

2 Trala posta de sol, sobre as seis da tarde.

Ir a MIS LIBROS

Ver en Amazon

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Podedes deixar aqui os vosos comentarios, ideas e suxerencias.
Podéis dejar aquí vuestros comentarios, ideas o sugerencias.
Spazio per scrivere le vostre osservazioni e idee.