martes, 2 de marzo de 2021

A LEI DAS ÁNIMAS. A NOVELA DA SANTA COMPAÑA de Carlos G. Reigosa - RESEÑA

 

Quen se achegue a este libro coa idea de atopar unha clásica novela policial vai quedar desilusionado. Non porque non haxa un misterio, unhas mortes , uns asasinos, un policía e toda a parafernalia deste tipo de novelas. Aí están todos eles. A orixinalidade de Reigosa está en darnos o asasinato nas primeiras páxinas do libro, o lector sabe perfectamente quen son os malfeitores que mataron a Melba e Xoán. Dicir-los seus nomes aquí e agora non cambiaría nada porque o máis importante do libro está no desenvolvemento da trama e no protagonismo da Santa Compaña. 
Quen, como habitante desta terra, se achegue a este libro buscando a fantasía e o marabilloso non vai quedar defraudado pero tampouco o quedará o lector que busque feitos tanxibles. Tan reais son os feitos fantásticos como os que chaman lóxicos e tanxibles, aqueles que gustan tanto ó capitán Agapito Landín, experto criminalista da Unidade Central Operativa que volve á sua terra para pescudar este crime. Porque Galiza é unha terra onde conviven, e convivirán sempre, os mortos cos vivos, onde ver unha pantasma non ten importancia, porque é normal, porque a liña que divide o mundo dos vivos e dos mortos case que non existe nesta Galiza nostra, chea de marabillas agochadas tras un carballo, unha curva o unha corredoira tralo monte.

En apenas duascentas dezanove páxinas Carlos G. Reigosa, cunha linguaxe sinxela na mellor tradición do que se deu en chamar realismo máxico (que para min e creo que para moitos máis galegos e galegas e, sinxelamente, realismo) desenvolve unha novela redonda, onde nada sobra nin falta.