miércoles, 20 de enero de 2021

O PORCO DE PÉ de Vicente Risco - RESEÑA

 
O libro de Vicente Risco é un destes libros que non sabes moi ben se ler ou non ata que por fin o colles na man e principias a facelo. E xa non podes parar porque O PORCO DE PÉ é un libro que te fará rir e mesmo ás veces ás gargalladas. A edición  do ano 1993 da Biblioteca Básica da Cultura Galega da editorial Galaxia consta da novela curta que da nome ó libro, da historia que lle ocorreu ó doutor Alveiros (unha das personaxes da novela curta), o conto "Os europeos en Abrantes" e dúas lendas galegas: "O lobo da xente" e "A trabe de ouro e a trabe de alquitrán".
Vicente Risco naceu a finais do seculo XIX e morreu xa pasada a primeira metade do seculo XX, no ano 1963. Pero o que escribiu é tan actual como se tivese rematado agora mesmo de facelo. O PORCO DE PÉ fala dun home, D. Celedonio, un castelán que chega a Galizia para establecerse e medrar. É un home sinxelo, coa cultura precisa para facer diñeiro coa sua pequena tenda e que debido ás circunstancias vese metido en política. Non parece un grande argomento pero Vicente Risco coa sua maneira de escribir, a súa ampla cultura e a súa ironía que non ten fin, fai un retrato dos pobres homes que medran en política porque outros queren que medren. É un retrato da Galiza da primeira metade do seculo vinte mais é tamén a imaxe dalgúns políticos do noso tempo. Para mostra este parágrafo da páxina 22 da dita edición: unha comisión de persoeiros reúnense para falar das beirarrúas da cidade:
"A sesión foi magna. Houbo fermosos e atinados discursos onde o progreso dos pobos modernos foi posto no lugar que merecía, onde os exemplos de Londres, Berlín, Lyon, Melbourne, Tokio, Milán, Ottawa, Nova York, Chicago e San Francisco de California animaron ós congregados a traballar polas aceras con entusiasmo e con fe; houbo luminosos e documentados informes de enxeñeiros e arquitectos; houbo presupostos cheos de cálculos comparativos, dos secretarios das Corporacións; houbo eruditas disertacións históricas sobre o pasado e o porvir da cidade; houbo lunch; recuncaron unha e outra vez, e na terceira sesión, despois de maduro exame, remataron por nomear unha comisión para que fose a Madrid a falar co Ministro de Fomento".
Xa imaxinamos todos como acabou a cousa: coma sempre.
Se queredes saber o porque do título, lede o libro: non vos arrepentiredes.