viernes, 3 de abril de 2020

O crime da princesa: primeira parte

A tanda de día adoita ser tranquila de abondo no parque, polo menos acotío; os domingos, que é cando máis xente hai no Retiro, xa para facer footing, andar na bicicleta ou simplemente pasear ou deitarse na herba, son os máis conflictivos aínda que case sempre todo se reduce a discusións entre peóns por mor dos cans ou cousa semellante. Quedábame pouco tempo para a xubilación como policía local; tivera relativamente boa sorte no traballo pois, anque era muller, non tiven demasiados conflictos cos meus compañeiros cando ingresei no corpo. En canto os veciños, tocaranme sempre barriadas que coñecía por moitas razóns e nas que xa era moi popular antes de desempeña-lo meu actual traballo. Agás algún borracho que me soltaba ás veces algunha inconveniencia e que acababa cos seus ósos na comisaría, non tivera problemas máis serios.
A miña compañeira sentimental, que no meu traballo pasaba por unha curmá do pobo, pois, aínda que levabamos moi ben a nosa relación dende hai máis de dez anos e os nosos parentes comprendían o noso xeito de pensar e vivir, non ocorría o mesmo cos meus compañeiros de destino. Preocupábase moito polo meu traballo e se chegaba tarde de máis á casa xa a estaban a come-los nervios.
Aquel venres de mediados do mes de agosto presentábase como calquera outro día da semana, se cadra un pouco máis fresco cós anteriores xa que sobrepasaramos a primeira quincena do mes e os días encomezaban  a acurtar a pasos axigantados; nas noites notábase máis a friaxe e a xente xa empezaba a pensar en saca-la roupa de inverno dos armarios e na volta ó traballo. Patrullaba co meu compañeiro, un novatiño encantador ó que estaba aprendendo o barrio, cando albiscamos un vulto que flotaba no estanque, demasiado grande para que fose calquera das porcalladas que bota a xente á auga, como botes de coca-cola ou bolsas de lixo; así que decidimos informar do que viramos. Pedimos unha barca a Robustiano, o encargado do aluguer das mesmas, e dirixímonos cara ó vulto que, a medida que nos achegabamos, ía crecendo de tamaño. O meu compañeiro, Luís, empezou a pórse nervioso e eu, para que agochalo, a pesar de tódolos meus anos de experiencia, tamén. Ó fin logramos chegar ata el e puidemos entón ver con claridade que aquilo que flotaba nas augas era o corpo dun home. Entre os dous logramos subilo á embarcación aínda que nos arriscabamos a que voltease.
-É o corpo dun home- informei pola radio.
-Miren se posúe algún tipo de información enriba das súas roupas, de contado mandamos axuda.
Os compañeiros da Policía Nacional non tardaron en aparecer, mentres eles se facían cargo do corpo nosoutros colaboramos na busca dalgunha pegada que puidese axudar a aclara-lo suceso. De seguido atopamos Luís e máis eu unha mochila preta da estatua de Alfonso XII, case semiagochada entre os matos.
Contiña unha camisa, roupa de baixo, unha carteira cun carné de identidade estranxeiro, italiano, e unha pequena bolsa de plástico semitransparente e pechada dun xeito hermético con papel celo na totalidade da súa superficie. Con todo isto fomos onde os compañeiros e entregámolo. O home resultou ter unha ferida de bala no peito. A miña curiosidade era enorme pero non podía de ningún xeito acceder ó contido do paquete, era unha falta moi grave a que pasara por un intre pola miña cabeza.
A curiosidade matou ó gato, di o refrán; tal como achei o paquete entregueino ós meus compañeiros. Ó pouco chegou o comisario encargado da investigación. ¡Vaia sorte a miña! Agora estaba segura de poder coñecer o seu contido xa que era un bo amigo dende hai moitos anos e confiaba na miña discreción. Roberto coñecía a miña paixón polas novelas policíacas e polos feitos escabrosos. Alguén podería pensar que se tanto me gustaban os crimes podería haber ingresado na Policía Nacional e non na Municipal; a verdade é que non aturaba moi ben a visión do sangue, mesmo a máis pequerrecha ferida producida por un coitelo pelando patacas poñíame o borde dun estado de ansiedade. Pero imaxinativamente o soportaba de marabilla.
Ámbolos dous eramos do mesmo pobo, unha pequena poboación do interior de Galicia, foramos compañeiros de colexio, aínda que el era un pouco maior ca min e polo tanto finalizara primeiro os seus estudios e marchado a Madrid. Ó chegar decidiu pórse a traballar e estudiar ó mesmo tempo para Policía Nacional. Eu seguín o mesmo camiño cá el dous anos despois. Aínda tardamos bastante tempo en atoparnos casualmente, un día de inverno en que facía moito friaxe, nunha manifestación convocada polo SUP, pero aledámonos do noso encontro.
Sempre fora boa gardando segredos así que, de cando en vez, acostumaba informarme polo miúdo dalgún caso especialmente interesante. Albisquei que non se atopaba de bo humor polo que tan só saudei regulamentariamente; xa o chamaría máis tarde á súa casa, agora non era o momento axeitado. Endexamais tiveramos problemas con estas confidencias, ata certo punto era normal o intercambio de información entre compañeiros de profesión, sempre que se gardase a debida discreción ou que fose fundamental para a investigación, pero o préstamo dunha proba ou da súa copia non sabía se entraba no que se consideraba un comportamento admisible ou non. O que si sabía era que Roberto era moi legalista e non faría ren, nin sequera por min, que comportase unha reprimenda dos nosos superiores, e non falemos de que fose considerado un delicto aínda que na realidade puidese ser visto como unha falla leve.
Deixei pasar uns días antes de chamalo; os periódicos tan só foron informados dos feitos máis xerais e ningunha das teorías que lle estaban a pasar ó meu amigo pola súa cabeza saíu á luz. Nin “O Caso”, un periódico especializado en crimes e que eu mercaba con asiduidade, logrou máis información cá que el quixo dar; e iso que os seus reporteiros eran xente especializada en lurpiar información ás pedras. Como non puideron publicar nada sensacionalista non publicaron nada sobre o feito do Retiro. Coñecían a Roberto moi ben e ningún dos trucos utilizados polos seus traballadores para conseguir datos resultaran xamais con el. De cando en cando mandaban a algún novatiño acabado de saír da facultade de Ciencias da Información para gastarlle unha broma e coa esperanza, coidaba eu, de que calquera día aquel comisario tan hermético, (“Mudiño” fora o alcume que lle puxera un da redacción ó inicio da súa carreira), ía atopa-la forma do seu zapato.
Contactei con el, aínda que non me puxo trabas para que me informase do contido do paquete, díxome que se desexaba pillarlle o tranganillo tería que ir á súa casa pois dada a gravidade do caso non podía arriscarse a que unha copia do manuscrito puidese perderse.
-E estou a pensalo mellor; o máis sensato é que veñas a comisaría e alí mesmo o leas, non podo permitir que saia das nosas dependencias.
-¿Tan importantes son eses papeis?-preguntei, pois tíñame estrañada tantas precaucións.
-Moito, resolven un misterioso crime ocorrido en Italia hai dez anos; xa nos puxemos en contacto coas autoridades italianas e mañá, pasado mañá como moito, chegará un compañeiro daquel país para axudarnos na resolución do asasinato. Espéroche pouco antes do mediodía no meu despacho, poderás ve-los papeis e xantaremos xuntos.
Case non puiden durmir dos nervios esa noite, non me ocorrera nada semellante nas outras ocasións, pero tamén é verdade que o caso non se parecía a ningún dos que ata agora vira. O traballo da mañá foi rutineiro, nada especial, un par de rateiros nun supermercado e a rolda polo barrio foi todo o que fixemos o meu compañeiro e máis eu antes da hora do xantar.Escuseime con el por non ir xuntos ó burguer e marchei á comisaría do meu amigo. Poucas veces ía a casa despois de remata-la quenda da mañá, era un costume que me servía para falar coa xente que pasaba a súa vida nas rúas e darme de conta, deste xeito, de moitas cousas que ocorrían no barrio e que doutra maneira pasaríanme inadvertidas. Ás veces xantaba con Roberto, xa fose como hoxe para intercambiar información xa porque só nos apetecese estar un anaco xuntos. Carme, a miña compañeira, coñecíao e aínda que ó principio da nosa relación sentiu celos, logo comprendeu que era unha idea absurda de abondo, que eu non podería rexeitar unha amizade do meu pobo dende que era unha rapariga por estar vivindo con ela; eu non era bisexual, era lesbiana, e para min Roberto só era un bo amigo, máis nada. Custoulle un pouco de tempo acepta-la idea porque ela tiña un fondo noxo ós homes por mor das relacións desastrosas que tivera na súa mocidade, moito antes de coñecerme. Un día inviteino a cear e, para a miña sorpresa, conxeniaron dende o primeiro momento. Mesmo de cando en cando saíamos xuntos ó cine; Roberto estaba divorciado e tiña dous fillos, unha rapaza de catorce anos e un rapaz de oito, cos que pasaba as vacacións de verán e cada dous anos as de Nadal. Levábase ben coa que fóra a súa muller porque a causa da súa separación non foi o desamor senón que ela non podía atura-lo desacougo de estar a esperalo tódolos días sen saber a que hora chegaría ou se podían ferilo ou matalo calquera día. Víanse a miúdo aínda que ela xa estaba con outro home cun emprego moito máis axeitado ó seu carácter: un empregado dun banco. Roberto coñecíao inda que non lle caía en gracia pero non lle dicía ren á súa muller pois decatábase de que ela estaba fondamente namorada del e podería pensar que non desexaba vela feliz, cousa que ó meu amigo endexamais lle pasara pola cabeza.
Na comisaría estaban xa co cambio de quenda, dirixinme cara ó despacho de Roberto, escoitábalo falar moi enfadado polo teléfono, petei na porta e ó pouco el mesmo abriu.
-Pasa, ¿asustouse moito o novato co encontro doutro día?-dixo mentres sentaba na súa cadeira e amosábame un recorte de periódico e unha morea de fotocopias engadidas cun clip.
-Un pouco, e non é para menos, eu tamén levei un bo susto aínda que tentei mante-la calma para non asustalo dabondo- respondín mentres botaba unha ollada por enriba ós papeis que me dera.
-Aí tes toda a información: o recorte é dalgúns anos atrás, de cando sucedeu todo, tíñao gardado na miña casa porque foi un caso rechamante que me tivo preocupado durante semanas, aínda que eu non puidese facer nada para resolvelo tentei seguilo polos periódicos que me mandaba de cando en vez un amigo italiano; esa foi a noticia tal como apareceu nos xornais españois, as fotocopias son unha traducción do que escribiu o home do Retiro. Primeiro tes que le-la noticia porque doutro xeito non vas comprende-lo resto; quizabes cando empeces a lela che decates de habela visto publicada nos xornais hai tempo. Mentres ti les eu vou poñe-lo día uns cantos informes, logo podemos ir a xantar, se te peta facelo comigo.
-Por suposto que sí, Carme sabe que vou estar contigo e pediume que che preguntase se queres ir ó cine ó sábado.
-No vou poder, teño que quedar cos rapaces esta fin de semana, dentro de dous sábados é posible que poida.

-Xa llo direi entón- e sen dicir máis nada púxeme a ler.