Libro estraño este do escritor Francisco Castro, non polo tema senón
pola estrutura. O tema gustoume axiña no momento que o vin e lin a
sinopse: un libro ambientado na Galicia medieval, perfecto. Son da
xeración que non puido estudia-lo galego na escola, a lingua
gustábame pero estaba o baixiño ese mandando no país e non había
xeito. E non só iso: tampouco coñecía nin pouco nin moito da
historia da miña terra nai. O libro interesoume por iso, comprado
como un auto agasallo de Reis no ano 2014 non o lin ata o de agora.
Non porque non me prestase o autor nin o libro, eu compro os libros
cando podo e os leo cando me chaman eles.
Ben, deixémonos de
lerias.
Aínda que a
estrutura do libro, sen diálogos, sen separación de parágrafos,
non sendo que o autor crese que era necesario, deixabame un pouco
despistada, despois da primeira páxina decidín que pagaba a pena o
esforzo. A forma de escribir, as palabras escollidas polo autor,
mesmo cando se mete el mesmo na historia e dá a súa opinión sobre
feitos antigos e, ás veces, os compara con feitos actuais, deume
azos para continuar a lelo. A modo, mastigando ben as palabras e as
expresións, tentando non perderme no labirinto das idas e vidas das
personaxes, no barullo infinito das descricións e dos diálogos, que
non son diálogos, mesturados dunha forma perfecta, case que
cinematográfico se podería dicir, no que as personaxes semellaban
reais e case que podían formar parte da miña familia.
Teño lido moitos
libros de aventuras, son como una rapariga, os heroes fanme tolear,
crieime con Sandokán e o Corsario Negro e esperaba atopar algo deles
neste libro que pensaba era de aventuras. Que o é pero hai algo
máis. As palabras da néboa son as palabras agochadas polos
poderosos, esas que en moitas épocas non se poden dicir, semellan
non existir, pero están aí, agochadas, esperando a ser descubertas.
As aventuras de Antonio de Outeiro, de Isabel de Portugal, de frei
Mariano, non son aventuras épicas, aínda que eles quixesen que o
foxen, son as aventuras dun pobo que quere vivir tranquilo, sen que
ninguén os asoballe, sen un don Luis fedorento, cruel, con dereito
de vida e de morte sobre os seus vasallos, un lacazán egoísta e
covarde.
A historia amosa que
de cando en vez o pobo érguese e busca a liberdade de vivir en paz.
As palabras da néboa é unha novela onde se describen
aldraxes e crueldades, ilusións, esperanzas. A néboa envolve a
todos, ós bos e ós malos, ós nobres e ós non tan nobres, non digo
pobres porque a pobreza non ten nada que ver coa nobreza, ten que ver
coa dignidade perdida. Tan nobre é Isabela, filla dun libreiro
portugués, como don Luis, fillo dun nobre; tan nobre é Tonia que
quere salvar ó seu fillo Xulio como o de Antunes. A nobreza non está
no diñeiro está na alma. É a de Tonia é tan nobre como a de
calquera dos outros personaxes, pode que aínda máis.
Podería ter feita
unha reseña con anacos de textos do libro, que é o que se adoita
facer, pero este libro non ten parágrafos, non ten unhas comas e uns
puntos que digan ó lector onde acaba unha frase e onde empeza outra,
nin onde empeza unha descrición e onde acaba un diálogo. A pauta da
lectura deixase ó arbitrio da persoa que ten o libro nas mans, case
sempre. E tomei notas, vaia se as tomei, e pensaba utilizalas para
escribi-lo meu comentario deste libro estraño pero familiar ó mesmo
tempo, cun ritmo que non se pode expresar porque cada quen ten o seu
propio ritmo e non se pode describir.
Como adoita suceder
neste tipo de libros os bos gañan. E está ben que o fagan porque ás
veces, na realidade, non o fan. Non estou a dicir nada que o lector
que se achegue á novela de Francisco Castro non imaxine dende o
principio, nos libros sempre teñen que gaña-los bos, outra cousa
non tería explicación porque cos libros aprendesen cousas pero
tamén deben entreter, dar azos á imaxinación e felicidade a alma.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Podedes deixar aqui os vosos comentarios, ideas e suxerencias.
Podéis dejar aquí vuestros comentarios, ideas o sugerencias.
Spazio per scrivere le vostre osservazioni e idee.