miércoles, 9 de junio de 2021

AS PALABRAS DA NÉBOA de Francisco Castro - RESEÑA

 
Libro estraño este do escritor Francisco Castro, non polo tema senón pola estrutura. O tema gustoume axiña no momento que o vin e lin a sinopse: un libro ambientado na Galicia medieval, perfecto. Son da xeración que non puido estudia-lo galego na escola, a lingua gustábame pero estaba o baixiño ese mandando no país e non había xeito. E non só iso: tampouco coñecía nin pouco nin moito da historia da miña terra nai. O libro interesoume por iso, comprado como un auto agasallo de Reis no ano 2014 non o lin ata o de agora. Non porque non me prestase o autor nin o libro, eu compro os libros cando podo e os leo cando me chaman eles. 
Ben, deixémonos de lerias. 
Aínda que a estrutura do libro, sen diálogos, sen separación de parágrafos, non sendo que o autor crese que era necesario, deixabame un pouco despistada, despois da primeira páxina decidín que pagaba a pena o esforzo. A forma de escribir, as palabras escollidas polo autor, mesmo cando se mete el mesmo na historia e dá a súa opinión sobre feitos antigos e, ás veces, os compara con feitos actuais, deume azos para continuar a lelo. A modo, mastigando ben as palabras e as expresións, tentando non perderme no labirinto das idas e vidas das personaxes, no barullo infinito das descricións e dos diálogos, que non son diálogos, mesturados dunha forma perfecta, case que cinematográfico se podería dicir, no que as personaxes semellaban reais e case que podían formar parte da miña familia. 
Teño lido moitos libros de aventuras, son como una rapariga, os heroes fanme tolear, crieime con Sandokán e o Corsario Negro e esperaba atopar algo deles neste libro que pensaba era de aventuras. Que o é pero hai algo máis. As palabras da néboa son as palabras agochadas polos poderosos, esas que en moitas épocas non se poden dicir, semellan non existir, pero están aí, agochadas, esperando a ser descubertas. As aventuras de Antonio de Outeiro, de Isabel de Portugal, de frei Mariano, non son aventuras épicas, aínda que eles quixesen que o foxen, son as aventuras dun pobo que quere vivir tranquilo, sen que ninguén os asoballe, sen un don Luis fedorento, cruel, con dereito de vida e de morte sobre os seus vasallos, un lacazán egoísta e covarde. 
A historia amosa que de cando en vez o pobo érguese e busca a liberdade de vivir en paz. As palabras da néboa é unha novela onde se describen aldraxes e crueldades, ilusións, esperanzas. A néboa envolve a todos, ós bos e ós malos, ós nobres e ós non tan nobres, non digo pobres porque a pobreza non ten nada que ver coa nobreza, ten que ver coa dignidade perdida. Tan nobre é Isabela, filla dun libreiro portugués, como don Luis, fillo dun nobre; tan nobre é Tonia que quere salvar ó seu fillo Xulio como o de Antunes. A nobreza non está no diñeiro está na alma. É a de Tonia é tan nobre como a de calquera dos outros personaxes, pode que aínda máis. 
Podería ter feita unha reseña con anacos de textos do libro, que é o que se adoita facer, pero este libro non ten parágrafos, non ten unhas comas e uns puntos que digan ó lector onde acaba unha frase e onde empeza outra, nin onde empeza unha descrición e onde acaba un diálogo. A pauta da lectura deixase ó arbitrio da persoa que ten o libro nas mans, case sempre. E tomei notas, vaia se as tomei, e pensaba utilizalas para escribi-lo meu comentario deste libro estraño pero familiar ó mesmo tempo, cun ritmo que non se pode expresar porque cada quen ten o seu propio ritmo e non se pode describir. 
Como adoita suceder neste tipo de libros os bos gañan. E está ben que o fagan porque ás veces, na realidade, non o fan. Non estou a dicir nada que o lector que se achegue á novela de Francisco Castro non imaxine dende o principio, nos libros sempre teñen que gaña-los bos, outra cousa non tería explicación porque cos libros aprendesen cousas pero tamén deben entreter, dar azos á imaxinación e felicidade a alma.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Podedes deixar aqui os vosos comentarios, ideas e suxerencias.
Podéis dejar aquí vuestros comentarios, ideas o sugerencias.
Spazio per scrivere le vostre osservazioni e idee.