Tiña que pasarme
xustamente a min, ó longo da miña vida atopei unha morea de feitos absurdos
pero ¡o ocorrido aquela mañá...rebordaba toda lóxica! Cóntoo para desafogarme
aínda que non espero que me crean, a maioría das persoas pensarán que toleo e
estou por darlles a razón, aínda que non caiba dúbida da miña cordura entendo
que pensen deste xeito sobre min.
Aquela mañá erguinme
optimista, malia que de mañanciña tiña unha cita co meu odontólogo, unha cousa
que soe pórme moi nerviosa. A causa da miña ledicia era que estreaba coche.
Levaba unha semana esperándoo, un Porsche novo. Puiden permitirmo por mor dunha
herdanza que caera nas miñas mans hai uns meses. Almorcei de abondo e logo saín
da casa, fun ó garaxe que había en fronte, saudei ó encargado e introducinme no
coche, apertei suavemente o acelerador e, dicindo adeus, subín a costa ata a
beirarrúa. Aproveitei que era moi cedo, e tamén que vivía nunha rúa pouco
transitada, para probalo, pisei a fondo o pedal e... escoitei un lamento:
-¡Ai! ¡Non tan forte! Fasme dano.
Mirei, abraiada, á
dereita e esquerda pero non vin a ninguén, o sobresalto fixérame reduci-la
velocidade. Crendo que a imaxinación me xogara unha mala pasada, encollín os
ombreiros e proseguín a marcha, volvín a escoita-lo laio:
-¡Eh! ¡Dixen que non tan forte!
Freei. Non estaba
toleando, esta vez oíra con claridade o reproche pero na rúa non había ninguén.
-¡Aquí abaixo! ¡Estasme a pisar!
Nada.
-¡Aquí, debaixo do teu pé!
¡Incrible! Levantei o
pé e alí estaba o acelerador movendo a súa boca, se pode chamarse desa maneira
a unha fenda que había no medio da goma.
-¿De que te estrañas? ¿Seica non falas ti? Si,
son o teu acelerador, pero iso non te dá dereito a maltratarme.
-Perdoa, pero endexamais atopei un coma ti.
-Todos somos así pero gardámo-las formas, ó
menos a maioría das veces; outros compañeiros permanecen mudos toda a súa vida.
Os seus donos son demasiado irascibles como para comprendelos.
-¿E por que estraña razón ocorreu que quixeses
comunicar comigo?
-Tes boas referencias.
-¿Boas referencias?
-O Sindicato Libertario de Aceleradores, coñeces
unha morea de asociados e eles avaláronte.
-¡Recoiro! Pero se endexamais tiven un coche ata
hoxe.
-Pero os teus amigos si, e cando un deles estaba
bébedo de abondo eras ti quen conducía.
¡As sorpresas que te
depara a vida! Aquí estaba parada na metade da estrada falando cun anaco de
goma; non me entendades mal, non posúo prexuízos de ningún tipo pero, mesmo
para alguén tan aberta de mente coma min..., era algo bastante insólito. Pero
Isolda, comprensiva, díxome:
-Se estás preocupada polo convenio...
-Non, non, estou cos traballadores, por suposto.
É unha cuestión práctica, e moi importante dende o meu punto de vista. Se non
podo pisarte ¿como vou ó traballo ou ó médico?
-Si... claro, ti fuches sempre unha boa
compañeira: non podemos facer unha folga ou asociarnos coa U.A.S.F.
-¿Que é iso?
-A Unión Anarquista do Sistema de Freado; moitos
homes e mulleres despénanse por un precipicio cando o S.L.A. e a U.A.S.F.
chegan a un acordo, xeralmente son malas persoas e só chegamos a eses extremos
nunhas poucas ocasións e despois dunha longa pescuda e un xuízo previo á
sentencia.
-Pois si que estades organizados.
-Axiña coñecerá o mundo as nosas
reivindicacións, levamos tempo de abondo escravizados. ¡Basta xa de aldraxes e
malos tratos! ¡Queremos facer vale-los nosos dereitos! ¡Non a imposición dun
tipo que quere ver á súa moza, que vive a 300 quilómetros da súa casa, e
tortúranos duramente con tal de chegar nunha hora! ¡Non a existencia de
mecánicos torturadores que nos estragan a cotío para logo arranxarnos e sacar
máis diñeiro ó parvo que nos puxo nas súas mans! ¡Non ós sádicos que nos fan
traballar máis de 500 quilómetros ó día cando van de vacacións! ¡Non a...!
-¡Acouga, acouga! –interrompinlle- entendo a
vosa postura, calquera cun pouco de conciencia faríao pero vivo a 50
quilómetros da cidade e debo ir a ela tódolos días.
-Non che preocupes, axudarémoste, a ti e a
tódalas persoas coma ti, mailos demais xa poden ir tremendo pois axiña nos
rebelaremos e non teremos compaixón cos nosos inimigos ou os dos nosos amigos.
E unha nova era xurdirá...
E estivo falando
deste xeito durante horas, tanto dixo que perdín a cita co dentista e cheguei
tarde a outra que tiña para cear. Realmente Isolda comportouse marabillosamente
comigo, a partir dese día só tiña que sentar e dici-lo meu destino; ela, xunto
co resto da O.C.A (Organización de Compoñentes do Automóbil), ocupábanse de que
non chegara tarde a ningures e endexamais tiven un accidente, nin sequera unha
rozadura.
Hai moitos anos
disto; agora, a piques de morrer, aviso a todos aqueles que, dunha ou outra
maneira, demostraron un comportamento desaprensivo co seu coche. Aínda están a
tempo de rectificar, a rebelión non tardará en chegar, é practicamente
inminente, e non terán piedade.