domingo, 11 de febrero de 2018

Belinda

Belinda

Cada vez que Rosario entraba no portal da súa casa e encomezaba a subi-las escaleiras coidaba ver unha figura que a vixiaba dende detrás da porta; máis dunha vez tentou albiscala pero non o conseguiu. Durante moito tempo pensou que a súa imaxinación estaba a facerlle unha mala xogada. Pero un bo día, revirou as costas e puido ve-la figura dunha rapaza cunha saia vermella e unha camisa branca. O seu nome era Belinda e era unha pantasma.Pero isto e a súa historia non o souben ata pasadas algunhas semanas.
Primeiro só a entrevía se reviraba as costas rápido, porque no caso contrario a súa figura se desvanecía; logo, xa deixou que a mirase un anaco para desaparecer ós meus ollos ó cabo duns segundos. Tivo que pasar un mes para que a pantasma de Belinda deixase que me achegase ata el, pero cando xa estaba a piques de poder tocala desaparecía de novo.
Outra persoa máis inqueda ca min non aturaría esa forma de comportarse nunha pantasma e seguro que o mandaba á merda por vacilar ás persoas desa maneira, pero eu sentía tanta curiosidade, tiña tantas ganas de sabe-lo seu nome e de coñece-la súa historia que, seguindo os consellos do “Principiño”, fun achegándome cada vez máis a ela e falando dun xeito suave, tentando agasallala co que pensaba podía gustar a unha pantasma coma ela: un pano de man bordado, unha flor, un tarriño de marmelada,...cousas pequerrechas que eu deixaba cada vez máis preto dela e que logo tiña que recoller do chan do portal, porque, claro está, a pantasma non podía levalas con ela. Máis que nada o que estaba a facer era amosar que cara a ela non tiña máis que boas intencións e que, se tal era o seu desexo, poderiamos falar ou, se cadra, encomezar unha boa amizade. A min, que teño tantos amigos e coñecidos, presentábaseme a oportunidade de trabar amizade cunha pantasma, e eu, que son tan curiosa, estaba anhelosa porque aquilo puidese suceder.
A miña paciencia tivo a súa recompensa catro meses despois do meu primeiro encontro con Belinda. Regresaba de clase de informática; divertírame moito facendo probas coas figuras predeseñadas e tiña ganas de proba-los meus coñecementos no ordenador da miña casa. Ía tan emocionada que case non lle fixen caso cando pasei preto dela no portal.
-Rosario- case murmurou unha voz cun doce acento coruñés.
Quedei por un intre abraiada, parei de súpeto, temía volve-la cabeza, non podía estar sucedendo, non podía ser que a pantasma me chamase polo meu nome.
-Rosario-repetiu a voz.
Non había dúbida. Volvinme e vin como a pantasma sorría e volvía a dici-lo meu nome.
Esta vez si que deixou que me achegase a ela, ata tan preto dela que case podía tocala, o que impediu cun xesto.
-Non, non o fagas. Aínda non. Tes que facerme un favor; sei que estás interesada en coñecer quen son e porqué me aparezo a ti así que escóitame con atención. Heite conta-la miña historia. Mañá, ó solpor, achégate ata o muíño que hai en Santa Margarida, alí, no único anaco que queda do que fora o meu fogar, heite conta-la miña historia, e logo pedireite un favor. Deica mañá-dixo a pantasma desaparecendo a continuación.
O día seguinte fixen o que me pedira a pantasma: fun a Santa Margarida. O que non sabía era como ía aparecer en medio de tanto neno e tanta avoa, e, se como imaxinaba, só eu ía a vela, ían a pensar que toleaba se me vían falando co aire. A cousa resolveuse da mellor maneira. O sitio, como eu coidara, estaba cheo de xente; de súpeto escoitouse un altofalante chamando a no sei que leria de xogos que ían ter lugar nos arredores da Casa das Ciencias. Foi coma unha desbandada, case tódolos nenos acompañados pola súa persoa maior correspondente foron cara á Casa das Ciencias, momento que aproveitei para entrar no muíño, procurando acocharme o mellor posible en tan reducido espacio na espera de Belinda.
Non tardou en chegar a escuridade a aquel recuncho, e só entón apareceu a miña amiga, ou mellor dito, a que ía a ser, co paso do tempo, a miña amiga. Sentou fronte de min e comezou a falar:
-Aínda que este non sexa o meu antigo fogar si forma parte del o monte que ten arredor e algunhas das árbores. Dende a miña morte estou vivindo, por expresalo dun xeito coñecido por ti, neste anaco que deixaron do antigo monte, a túa casa tamén foi parte del, e mesmo alí había un fermoso carballo onde ía a xogar coas miñas amigas, por iso tamén me está permitido aparecer por ese sitio, porque forma parte da miña historia e da miña morte.
A miña perdición comezou nese carballo.
Alí ía xogar coas miñas amigas, e alí coñecín ó rapaz que sería a causa involuntaria da miña perdición.Tiña a mesma idade ca min; se cadra era un pouco máis alto, moreno e cos ollos verdes. Semellaba moi tímido. A primeira vez que o albiscamos estabamos a recoller flores para poñernos guapas pois esa noite ía haber baile no pobo; de súpeto apareceu e quedou parado mirándonos un anaco, logo, sen dicir nada, marchou tan calado como viñera. Non sabiamos quen era, parecía dunha boa familia pois o seu traxe non era como os dos rapaces da nosa aldea, e ía ben peiteado e moi limpo. A todas nos gustou o rapaz. Entrounos curiosidade por esculca-lo seu nome e a súa procedencia pero non estaba ben que unhas mozas pobres coma nos tentasemos falar con alguén superior á nosa clase, tiñamos que esperar a que el nos dirixise a palabra. Dende aquela viña tódolos días e sempre facía o mesmo: chegaba, quedaba a uns metros de nós mirándonos, estaba un anaco, e logo marchaba.
Un día as miñas amigas non apareceron, espereinas moito tempo pero non daban chegado, quen si apareceu foi o rapaz, e desta vez falou. Eu non tiña medo, xa me acostumara á súa presencia, así que cando rompeu a falar tiven unha grata sorpresa, porque o fixo no mesmo falar ca min: nun galego doce, cunha voz moi fermosa. Non tardei en namorarme del. Era evidente que lle gustaba, pois estivo comigo un bo anaco, aínda que, a diferencia doutros da súa mesma ralea, non tentou forza-la situación nin me tratou con desprezo nin foi desconsiderado coa miña persoa. A partir daquela aparecía tódolos días. Eu fun separando das miñas amigas e en canto chegaba corría cara á el e poñiámonos a falar: el preguntábame os nome das árbores, das flores, dos animais que viamos nos nosos paseos polo bosque; eu contestaba a tódalas súas preguntas e contáballe tamén lendas e historias ocorridas nos sitios onde nos parabamos a descansar. Nin un bico nos dimos en todo ese tempo, ó máximo que fixemos foi collernos da man e camiñar deste xeito, falando e rindo polas súas ocorrencias ou as miñas.
De súpeto desapareceu. O día de San Xoán estíveno esperando case toda a mañá, pero non chegou. Eu ía tódolos día ó vello carballo para ver se o vía, pero as miñas esperanzas non se materializaban; as miñas amigas intentaban consolarme pero eu tiña unha tristura moi fonda por non velo e ningunha das parvadas de Maruxa ou de Uxía conseguían facerme sorrir. Pasaran dúas semanas dende o noso derradeiro encontro, xa pensaba que era como tantos outros que cando se fartaban dunha rapaza déixana sen máis explicacións; estaba esperando a Maruxa e Uxía sentada debaixo da árbore cando escoitei que alguén dicía o meu nome: era el. Estaba moi delgado e triste. Erguín de contado e pregunteille se estivera enfermo. Non, non ocorrera nada diso. Colleume da man e sentamos debaixo da árbore. Contoume, case a piques de chorar mentres o facía, que o seu pai decatouse do que estaba a pasar, dos nosos encontros e a nosa amizade e que lle prohibira volver a verme. Como el non quería facelo castigouno e pechouno na súa peza durante todos estes días ata que hoxe, nun descoido, puido fuxir e chegar ata min.
Contoume que era o único fillo dun médico de moita sona en Coruña e que non vía con bos ollos a súa relación cunha rapaza aldeán, por moi fermosa que fose, porque el dixéralle que eu era moi bonita e doce. Non podía aturar estar separado de min e propúxome que fuxisemos xuntos a algún lugar onde o seu pai non nos puidese atopar. Aínda que a min a idea de estar ó seu carón sempre me atraera tamén coidaba que non era posible facer realidade o noso soño de estar sempre xuntos. Quiteille semellante idea da cabeza; se cadra se eu falaba co seu pai e lle prometía que a nosa relación era só de amizade nos deixase facer o que nos petase. Volveu á súa casa e contoulle todo o que falaramos ó seu pai, que, por suposto, non quixo saber nada de proposta tan desatinada, e mandou ó seu fillo a vivir fóra. Non sei como soubo o sitio  concreto dos encontros que tiña co seu fillo, se cadra el mesmo llo dixo. O caso é que un día apareceu por alí é, desde o primeiro momento, decateime das súas malvadas intencións, pero ¿que podía facer unha rapaza nova contra un home grande e forte? Despois de facer o que desexou comigo deixoume no chan, debaixo do carballo, ensanguentada e case inconsciente. Cando cheguei a casa xa era de noite; a miña nai decatouse de contado do que ocorrera, e non dixo ren ó meu pai ata que foi evidente, co paso dos meses, do que pasaba. O meu pai tivo que tragarse o seu orgullo, ¿que podía facer un pobre muiñeiro contra un médico de sona da cidade? Só meterse en leas que non lle ían beneficiar. É tan normal nas aldeas as rapazas con fillos e sen marido por mor destes señoritos da cidade que ninguén soe pensar mal delas non sendo que xa pillaran fama aínda antes do sucedido.
Tiven un fillo pero morrín nada máis parilo. Quero que pescudes que pasou con el e tamén desexaría, para poder descansar en paz, que os descendentes do home que me fixo mal atopasen a miña tumba e pedisen perdón polo feito, xa que o seu devanceiro endexamais pensou que fixese ningún mal, pois a miña alma non descansará ata que me reconcilie coa familia do meu asasino.
-¿E logo?¿Non sabes onde estás soterrada?
-Os pobres non tiñamos cemiterios, calquera lugar era bo para nós, sei que estaba debaixo do carballo, pero a árbore desapareceu e non recoñezo o lugar. ¿Farás estas cousas por min?
-Claro, non o dubides, pero tés que darme tempo; non sei nin o nome do home que te fixo mal.
-Chamábase Eduardo Couceiro é era, como xa che dixen, un médico con moita sona.-dixo Belinda  esvaecéndose pouco a pouco.
-¡Espera!¿Canto tempo teño para facer o que me pides?
-Todo o que cumpra, se puiden esperar ata agora poderei agardar un pouco máis-dixo, desaparecendo de súpeto.

¡Vaia papeleta me quedaba a min agora! Non ía a resultar tan doado como pensaba Belinda. Tiña ó meu favor os meus estudios de Socioloxía, que me permitiron un ano estudia-los métodos de investigación da Demografía Histórica e máis ou menos sabía por onde tiña que empezar a investigar: polos rexistros parroquiais. Se vivía en Coruña tería que estar adscrito a unha parroquia das que había naqueles tempos na cidade, e seguramente se non naceu nin casou aquí, pode que o seu fillo nacese na cidade ou que a súa muller fose de aquí, ou que morrese ou se cadra fose o beneficiario dalgunha asociación ou calquera cousa semellante. Se cadra, uns rexistros tan antigos xa non estaban na parroquia orixinal e tería que preguntar no Bispado.

Non me resultou difícil atopa-la información que desexaba xa que, en previsión das dificultades que poderían aparecer, pedín a un curmán da miña nai que era sacerdote que escribise unha carta de recomendación para que puidese ler os arquivos parroquiais das igrexas da cidade e tamén dos arredores dicindo que estaba a investigar que pasou cos descendentes dos homes e mulleres máis importantes da cidade a fins do século XIX. O meu título de licenciada tamén axudou nesta labor. Foi doado atopa-los primeiros datos pois o famoso médico casara na parroquia de Santa María do Campo, é dicir na Colexiata, como case tódolos ricos tanto daquela época coma desta. En Oza, que era a parroquia a onde pertencía o matrimonio, atopei a partida de bautismo do fillo e tamén a de matrimonio. Aquí leveime unha boa sorpresa pois o apelido da noiva era o meu apelido.
¿Estariamos relacionadas aquela rapaza do fins do século XIX e máis eu?Se era así as pescudas ía ser máis doadas de realizar do que coidara ó principio; pode que a miña nai soubese algo da historia.
 Ela non, pero si unha irmá da súa nai que vivía nun pobo da costa, e alí fun, a ver a Balbina. Era unha muller moi velliña pero que conservaba unha memoria excelente e que ademais tiña no seu poder o diario da muller do médico xa que fora unha curmá da súa nai. Sabendo como eran nos pobos pensei que se lle contaba a verdade das miñas pescudas sobre o matrimonio sería moito máis doado que me dese a información que se lle ía con lerias dun traballo para o periódico ou calquera outra cousa que argallase para acochar os meus verdadeiros motivos. E efectivamente así foi: deixoume o manuscrito. Esa mesma noite, nunha cama antiga de madeira de carballo, lino; nel mesturábanse as confesións do médico á súa muller no se leito de morte coas respostas da mesma a el. Escribira toda a historia un mes despois de enviuvar e case parecía un relato máis cun diario dunha muller de fins do século XIX.
A historia foi como sigue:
Logo que o pai mandara o fillo fóra da cidade entroulle a teima de querer coñecer a Belinda. Aínda non sabía como era e xa se puxera en contra das relacións, por outra banda totalmente inocentes, do seu fillo coa rapaza. Pero el era un home moi ocupado e non tiña tempo, nin ganas, para argallar unha escusa que lle permitise achegarse ó muíño para ver a Belinda.
Non  podía ir sen máis. ¿Que facía un avogado nun muíño? Os muiñeiros, daquela, non necesitaban avogados e os avogados non coidaban que os muiñeiros puidesen desexa-los seus servicios. Se tivese unha casa no monte de Santa Margarida seica podería visitalo coa escusa de que á súa don cumpríalle ter un pouco de fariña. Pero tampouco podía facer iso, os homes non ían merca-la comida, iso era cousa de mulleres. E non ía a pedir á súa dona que fose alí para contarlle como era Belinda. Poñeríase fóra de si. ¿Que lle importaba a el como era a filla do muiñeiro?¿Para que o quería saber?¿Non pretendería volver ás andadas?¿Non tería a desvergonza de facelo e, por enriba, pretender que ela facilitase as cousas? Xa sabía o que arriscaba se volvía a collelo nunha infidelidade. Por suposto que o sabía: a súa dona era unha muller moi rica que casou con el, un guapo mozo, cando rematou á súa carreira. Daquela el só tiña un título e a súa persoa; os seus pais tiñan un ultramarinos e como tamén fóra o único fillo puideron darlle estudios.
Marchou a Madrid e, como era ambicioso, dedicouse só a estudiar, desprezando o comportamento dos seus compañeiros estudiantes e o seu vivir alegre. El tiña moi claro o que desexaba: ser rico. E isto podíao conseguir sendo o mellor da súa promoción e traballando arreo ou casando cunha rica herdeira. Conseguiu ámbalas dúas cousas.
Ela, cando o coñeceu na festa de presentación en sociedade da súa amiga Isabel, namorouse no mesmo intre  no que dixera o seu nome: Francisco. El notou de contado os sentimentos que espertara na rapaza e, sen un chisco de remordementos, fíxolle ás beiras aínda que a el non lle gustaba. Co tempo acabou aturando á súa forma de ser pero endexamais a quixo. Por iso a enganaba case a cotío, senón de obra, (porque traballaba moito e só podía facelo unha vez ó mes cando marchaba a Madrid por uns días pois administraba as casas que unha tía da súa nai tiña alí), si co pensamento posto nunha corista moi fermosa de “El molino”, na rúa de Tribulete.
Elena, a súa muller, viviu enganada cinco anos ata que un día unha amiga súa, que fora á capital a renova-lo seu vestiario, viu ó seu home ceando nun restaurante cunha fermosa muller, e non era a súa tía, evidentemente. Contoulle a Elena o ocorrido, e ela non lle dixo nada. Seguiu vivindo con el e amosándose igual de namorada que o primeiro día, pero para os seus adentros estaba comezando a odialo e a coidar un plan para se vingar do seu home ou deixalo en ridículo se el se decataba das súas verdadeiras intencións. As mulleres, ás veces, enténdense de marabilla entre elas. Elena, coa mesma escusa de renova-lo vestiario, foi a Madrid. Logrou falar coa querida do seu home. A sorte quixo que Carme, a corista, non quixese a Francisco, só buscaba o seu diñeiro. Elena non se enfadou nin deu berros nin a tratou dun xeito desconsiderado. Era, no fondo, algo moi raro naqueles tempos: unha muller cunha mente moi aberta. E comprendía o xeito de actuar de Carme. O que non aturaba era o engano do seu home, que casara con ela sen amala e que finxise facelo. Soportaría que o dixese ó principio pero non decatarse desta maneira. Por iso argallou o seguinte: cada vez que a corista escribise ó seu home debería facer unha copia literal da carta e gardalas ata que ela fose a buscalas. Por cada carta ela daríalle cen pesetas. Cantas máis cartas comprometidas escribise máis diñeiro gañaría.
Así ela tería algo con que chantaxear ó seu home no caso de que quixese abandonala ou facerlle algún mal. E Carme ganaría máis cartos que en moitos anos de traballo. E como ámbalas dúas ganaban co trato cumprírono ó pé da letra.Ó final da súa relación comercial, que durou pouco máis dun ano, Elena conseguiu preto de cincuenta cartas e Helena aforrara diñeiro de abondo e abriu un negocio.
Ese ano, cando o marido, que era moi cumpridor para as parvadas, a invitou a cear nun restaurante para celebra-lo seu aniversario de voda, ela pagou á súa invitación amosándolle as cartas da súa querida e dicindo:
-Seino todo, como podes ver, pero non penses que vas deixarme endexamais porque non vai ser dese xeito mentres teña estes documentos comigo. Eu son rica e a miña reputación tanto me ten pero a ti impórtate moito. Tenta enganarme outra vez e todas estas cartas irán a parar a un periódico e ó día seguinte toda a cidade saberá das túas aventuras en Madrid e de como dúas mulleres che puxeron en ridículo.
Logo colleu o seu bolso e saíu do restaurante, deixando ó seu home abraiado polo seu comportamento e as súas palabras.
Xa levaban uns cantos anos de paz; el tiña tanto medo do que ocorrería se volvía a ser infiel que nin miraba a outra muller e se algunha, nalgunha festa das que ía ou no teatro, tentaba achegarse a el fuxía dela como do demo.
Pero a curiosidade que sentía por coñecer a Belinda estaba a piques de tirar abaixo toda a súa prudencia. ¿Como podería achegarse á rapaza sen levantar sospeitas da súa dona?. Estivo cavilando máis dunha semana ata que a casualidade, que moitas veces axuda ós malvados, quixo que un amigo o invitase a ir con el de pesca; a Francisco non lle gustaba moito o campo pero ás veces ía con algún cliente ou un amigo moi especial. E alí foi, un domingo de mañanciña co seu amigo ó mesmo regato a que acostumaba ir Belinda coas súas amigas. Era unha mañá moi aburrida, non pescaran nada, nin unha troita pequerrecha, xa estaban facendo chanzas  con que terían que merca-las troitas no mercado sen que os visen se non querían que se risen deles; estaban nesta conversa cando escoitaron risas que viñan cara a eles, unhas risas de rapazas. Se cadra non pasarían preto deles, xa había pouca pesca e non necesitaban a un grupo ruidoso de rapazas e rapaces para axudar a que non aparecesen no resto do día. Pero apareceron, e o primeiro que viu Francisco foi unha fermosa rapaza saír de entre uns matos coa cara suorenta e un sorriso que, cando os veu, abriu moito os ollos e quedou tan abraiada pola súa presencia que non entendeu a pregunta del ata que a escoitou por terceira vez:
-¿Como te chamas?
-Belinda, señor-dixo facendo unha reverencia.
-Escoita Belinda...-empezou a falar Francisco.
Pero Belinda xa se perdera de novo entre os matos co obxectivo de reunirse coas súas amigas.
Así que aquela era Belinda, moi fermosa, sí, non era estraño que o seu fillo non quixese facerlle caso cando lle prohibiu vela nin a súa cara de enfado cando lle mandou á casa do seu parente para apartalo dela.
Esa noite case non puido durmir pensando en Belinda, tiña que conseguir vela de novo, tiña que conseguila. Pero non sabía como facer para volver ó sitio onde a vira. Seguiu tendo sorte e, ó día seguinte, a súa muller anunciou que marcharía por uns días a Madrid: un tío da súa nai estaba a piques de morrer e ía a Madrid con ela. Collerían o tren da noite.
Non deu saltos de alegría de milagre: tería uns cantos días para el só e podería, cun pouco de sorte, ver de novo a Belinda. ¡Que doce soaba o seu nome! Seguro que todo en ela era doce. Non foi o primeiro día, nin o segundo nin o terceiro, senón o día anterior ó regreso da súa dona cando por fin puido vela: el chegaba pola ribeira do río, arrastrando a caña que estaba metida na auga, ela xa estaba no recuncho, estaba a recoller flores, se cadra estaba esperando ás súas amigas. A oportunidade era perfecta e el aproveitouna ó máximo, non falou, foi achegando a ela en silencio, e cando xa estivo nas súas costas puxo unha man nun ombreiro, ela sobresaltouse e tentou fuxir pero el agarrábaa con forza, deulle a volta. Era ela. El non dixo nada, ela estaba paralizada polo medo. Levouna entre uns matos e forzouna sen importarlle os seus berros e os seus golpes e mordeduras. Logo arranxou as súas roupas e, sen volver a mirala, marchou á súa casa.

 El, despois da historia con Belinda, non volveu a enganar á súa muller, aínda que non lle faltaron nin ganas nin oportunidades para facelo. A súa muller, ata que el confesou no seu leito de morte a historia, non soubo nunca o que fixera o seu marido. Isto foi o que me dixo Balbina pola mañá cando lle devolvín o diario.
-¿E ti sabes que foi do rapaz de Belinda?¿se morreu ou viviu?-dixen mentres almorzaba café con leite con sopas de pan.
-Seino, seino.
-Tes que contarmo; xa che dixen que a pantasma de Belinda quéreo saber.
-Cando o pai fixo esta confesión á súa dona o seu fillo tamén estaba presente-respondeu Balbina mentres xogaba coas migallas de pan da mesa.- Aínda que á súa muller puido perdoalo o se fillo non o fixo; marchou daquel cuarto chorando e renegando do seu pai: “¡Es un monstro, es un monstro, non teño pai!”, berraba o cuitado. A súa nai saíu detrás para falar, pero el xa marchara. Non soubo del durante anos ata que, outra vez a morte, achegouno a vella casa familiar: a súa nai estaba moi enferma e desexaba velo; sabía que non cortara tódolos canles que o unían á súa terra, que de cando en vez mandaba unha carta ou unha postal a un vello amigo da escola, un rapaz ( xa era un home, pero para as nais os homes sempre son rapaces) moi tímido e doce que traballaba nun banco da cidade. Mandouno chamar e Xosé apareceu, escoitou o que a boa señora tivo a ben dicir e díxolle que tentaría que os seus desexos se cumprisen.
Os poucos días desta fala o fillo apareceu: a nai tiña que comunicarlle un segredo. O fillo que tivera Belinda non morrera senón que fora a vivir cos seus avós a un pobo da costa, moi o sur, case na linde coa provincia de Pontevedra. Se quería repara-lo dano que fixera o seu pai aí tiña unha boa oportunidade. Ós poucos días a súa nai morreu. Xosé xa tiña unha nova misión na vida. Endexamais esquecera a Belinda, se podía facer algunha boa cousa polo seu fillo, faríaa.
Xosé medrou moito en América, cando regresou a Galicia xa era un home moi rico, agora, coa herdanza da súa nai, xa era un home sen problemas. Xosé tomou para si a misión de axudar ó seu irmán, aínda que el non soubese do seu parentesco. E foi a velo onde lle dixeron que estaba: en Corrubedo.
-Ou sexa: aquí.
-Sí, aquí.
-¿Iso significa que coñezo ós descendentes de Belinda?
-Por suposto que os coñeces, xogaches con eles de rapariga moitas veces. Son moi boa xente e vante a axudar moito. Pero espera que remate coa historia: os pais de Belinda chegaron, despois de moito camiñar e moito chorar a perda da súa filla, ata Corrubedo, cun bebé. O pai aínda era xove, a xente antes casaba moi xove, tiña pouco máis de trinta anos, non quería saber nada dos muíños, facían que lembrase á súa filla a cotío, e non podía aturalo. Fíxose mariñeiro. Tiña maña e era moi destemido. A súa dona era moi hábil coa agulla e facía uns bordados ben fermosos, tan fermosos que colleron fama e dende moi lonxe recibía encargos. O seu home traballaba para esquece-la súa dor, a muller traballaría para sacar adiante a aquel meniño fillo da súa querida Belinda.
O pai morreu, despois de dez anos no mar, preto da costa de Fisterra, tentando salvar a un compañeiro que caera ó mar por mor dunha onda que case revirou a súa embarcación. A nai quedou soa, pero o meniño era xa un rapaz de dez anos, que ía a escola, máis listo ca fame, e cunha facilidade abraiante para os estudios, tanto que unha señora moi rica de Vigo que ía de cando en vez ó pobo para merca-los bordados de Maruxa, cando soubo da súa boa disposición desexou mandalo a Madrid, pagando ela a súa estadía e todo o que cumprise.
Maruxa dixo que non, que o rapaz quedaría con ela; aínda era moi mozo, aínda tiña que aprender moito da vida antes de marchar. Agradecía moito o seu ofrecemento pero o lugar do rapaz estaba xunto á súa avoa, polo de agora: era el quen tiña que decidir que facer coa súa vida.
A señora non se enfadou coa avoa de Miguel, seguiu indo a merca-los bordados e admiraba o desenrolo, tanto físico como intelectual, do rapaz. O mestre da escola collérao de axudante e cando cumpría daba clase ós máis pequerrechos que o adoraban e estaban moi quedos cando era el quen os aprendía. Tiña maña cos nenos, non había dúbida. Quizais fora mestre. Pero Miguel, con quince anos, xa tiña claro o que quería: desexaba ser médico.
Aí a súa avoa non o podía axudar, custaba moito diñeiro; eles vivían ben, non pasaban fame pero non tiñan tantos cartos como para afronta-los gastos dunha longa estadía en Santiago, que era onde desexaba ir Miguel. A señora de Vigo decatouse do que pasaba e volveu a ofrece-la súa axuda; esta vez Maruxa aceptou.
Miguel non as defraudou, foi o mellor da súa clase durante tódolos anos que durou os seus estudios; cando os rematou volveu ó pobo. Estivo unha longa tempada sen facer nada, vendo ós seus amigos, paseando polo bosque, pola praia. Case a piques de remata-lo verán o médico do pobo colleuno de axudante; xa estaba moi vello, coñecía ó rapaz dende que era un bebé e, ademais, coñecía a súa fama como bo estudiante. Desexaba pasarlle a el os seus pacientes cando se retirase o vindeiro ano; ía a aprenderlle como se practicaba a medicina, collería experiencia ó seu carón. Aceptou e foi tan ben que mesmo viñan dende os pobos e da capital para consultar con el. Co tempo fundou un hospital para os mariñeiros que se convertería...
-Na clínica que hai  agora. ¡Vaia quen o pensara! E iso foi o que ocorreu co fillo, pero ¿que sucedeu cos descendentes directos do médico que forzou a Belinda?
-Tiveron moita relación con Miguel, de feito a señora que quería que estudiase en Madrid...
-¡Non digas máis! Era Elena, a muller do médico.
-¿A que semella unha novela? Pois tés toda a razón. Cando o seu home morreu e se decatou do que fixera xa era tarde de abondo para arranxa-las cousas; o muíño estaba abandonado e ninguén sabía, ou non querían dicir, onde marchara a familia de Belinda e o raparigo. Como era moi rica, xa o sabes, contratou detectives, e dun xeito moi discreto souberon o paradoiro do rapaz. Non ousou dicir á nai de Belinda as súas verdadeiras razóns para pagarlle os estudios o rapaz, ela desexaba reparar o mal feito polo marido pero sen que ninguén puidese sospeitar que o estaba facendo. Prefería pasar por unha excéntrica señora da capital, desas que están de contino facendo de mecenas coas persoas que teñen posibilidades de medrar na vida. Eu coido- dixo Balbina sen deixar de xogar coas migallas de pan- que a nai de Belinda sabía quen era ela, por iso cando fixo a oferta non se ofendeu e pola mesma razón cando cumpriu aceptou a súa axuda: sabía que era unha boa muller e que sufrira moito con aquel langrán de marido, se desexaba facer algún ben polo rapaz ela non o ía impedir. Cando Elena tentou, xa moi enferma, conta-la verdade a Miguel, este non a deixou: xa o fixera a súa avoa, o culpable xa estaba morto, os demais non tiñan nada de que preocuparse. Elena, en agradecemento pola súa comprensión, deixoulle unha casa no campo. Iso sucedeu unha semana antes da vida de Xosé das Américas.
Logo, cando chegou, xa cho dixen, a nai fíxolle prometer que axudaría ó seu irmán. Ós dous días morreu. Elena era moi coñecida e querida da cidade e ó seu enterro foi unha morea de xente de tódalas clases sociais: dende banqueiros e médicos ata familias que tiñan problemas para chegar ó fin de mes e ás que Elena axudara nunha ou outra ocasión con menciñas e recomendacións para que os fillos tivesen unha boa educación, e moitas máis cousas que esa boa muller fixo por moita xente da súa cidade natal. Non faltaron nin Miguel nin a súa avoa, deron o pésame ó fillo de Elena, que amosaba moi triste; aínda que á pesar disto recoñeceu, pois Elena describírao moi ben, a quen era o seu irmán. Non era o momento axeitado para falar, xa o faría ó cabo duns días con calquera escusa e deste xeito cumpriría os derradeiros desexos da súa nai.
Aínda pasaron semanas ata que Xosé puido achegarse a Corrubedo e ir ó consultorio de Miguel, só ía falar con el aínda que non sabía o que lle ía dicir. Case quedou sen respiración cando viu á enfermeira: era moi fermosa e había algo nela que lembraba a Belinda, ó seu grande amor. Quedou enguedellado por ela en canto a rapaza preguntou polo seu nome.
Presentouse como o fillo de Elena, Miguel quedou encantado, lembrábao do funeral e estaba disposto a facer por el canto cumprise; contoulle todo o que a súa nai fixera por el e estaba moi agradecido. Se o seu fillo necesitaba dos seus servicios, fosen os que fosen, debería contar coa súa amizade e axuda. Xosé quedou moi impresionado pola boa educación e o carácter agarimoso de Miguel. Ós dez minutos xa estaban fóra da consulta tomando un café na praza do pobo. Saíu na conversa a enfermeira de Miguel, o cal nome era Carme, e Xosé soubo que non estaba casada nin tiña mozo, e que Miguel só estaba interesado en que traballase ben e fose amable. Encomezou a facerlle as beiras e, como podía facer coa súa vida o que lle petase, ó pouco foi a vivir ó pobo.
Ós poucos meses ámbolos dous xoves eran inseparables, e Carme convertérase na moza de Xosé. Este, conforme ós desexos da súa nai, foi o mellor amigo de Miguel e axudouno moito en tódolos proxectos que o xove médico emprendeu para mellorar a saúde de tódolos habitantes do pobo: o consultorio, o hospital dos mariñeiros, o arranxo da depuradora da auga cando se esnaquizou, e moitas máis cousas.
Xosé e Carme tiveron fillos que sempre viviron aquí, e tamén os seus netos, e istos son os que ti coñeces: Mario, Belinda, Miguel, Carme, Elvira, Maruxa, Xurxo.
-¡Claro que os coñezo, cantas veces estivemos xuntos a guindarmos polas dunas!
-Pois xa sabes a quen tes que pedirlles o favor; eles, saben toda a historia e lévanse moi ben cos netos de Miguel.
A cousa non podía demorala máis; sabía onde vivían pois estábano a facer na súa casa de sempre e, se cadra, agora seguro que os collía a todos nela. Cheguei ata o final do pobo e achegueime a vella, grande e fermosa casa dos Couceiro: Elvira e Belinda estaban na cociña, como case sempre, facendo una morea de comida para toda a familia. Díxenlles o que ocorría e comprometéronse a marchar comigo a Coruña nun par de días. Quedei a comer con elas e cos demais, que foron chegando de a pouco e quedaron moi abraiados cando souberon o que estaba a pasar. Irían todos comigo. Aquilo ía ser unha romaría ó sepulcro de Belinda. Rin moito durante o xantar porque todos eles eran moi simpáticos e gustáballes moito facer bromas e contar parvadas que lles ocorrían a eles ou ós seus amigos, e contábanllas con moito xeito.
Eran case as sete do serán cando volvín con Balbina. Estivemos un anaco a falar da miña visita á familia Couceiro, ceamos, vemos un pouco a televisión e fomos a durmir cada unha á súa habitación.
Esa noite soñei con Belinda, co portal da miña casa de Coruña: a escena era moi semellante a como a vira a última vez, pero non amosaba ter medo nin fuxir de min, achegouse ata min e díxome “Gracias”, logo desapareceu.
Ó día seguinte, de mañanciña, saín da casa; quería pasear polo pobo, pola praia e se cadra achegarme ata un soto de piñeiros que lembraba de cando era pequena, cun pouco de sorte atoparía o sitio con facilidade. Aínda existía pero estaba dentro dunha propiedade particular preto dun fermoso chalé feito con pedra do país. Moito cambiara todo dende entón: as rúas xa no estaban tan noxentas como adoitaban e a xente era igual que calquera outra xente. O pobo realmente medrara moito e semellaba un lugar moi agradable para vivir: con tódalas vantaxes da cidade e ó mesmo tempo dun lugar rodeado de natureza. Estiven pensando que, se cadra, quizais dentro duns anos podería vir a vivir aquí porque, se algo botaba de menos na miña querida cidade de Coruña, era poder ir a camiñar polo monte a cotío sen ter que colle-lo automóbil ou o autobús. Pode que non houbese cines, nin teatros, nin outras moitas cousas que ten unha cidade pero había tranquilidade, un aire limpo, boa xente, a praia, o monte, as romarías, e maxia, moita maxia na paisaxe. Logo, cando cansei de dar voltas e máis voltas, volvín con Balbina, xantamos e o resto da tarde paseino con ela falando.
Pola noite chamoume Belinda, a miña amiga da infancia a quen lle puxeran o mesmo nome que tiña a súa bisavoa, falaran cos seus pais e contáralles todo o que lles dixera o día anterior. Non había que ir a Coruña: Belinda estaba aquí.
Espertei moi cedo, pero non tanto coma os meus amigos: estaba a almorzar na cociña cando petaron na porta. A familia Couceiro en pleno estábame a esperar para ir á tumba de Belinda. Estaban todos vestidos cos seus mellores traxes; era tanta a xente que se xuntara que aquilo parecía unha procesión, fomos cara a casa familiar. Case non había persoas a camiñar polas rúas pero os poucos que nos vían quedaban abraiados ó vernos a todos tan ben argallados a unha hora tan pouco habitual. Don Arturo e don Xacobo, os patriarcas das dúas pólas da familia, ían comigo e o primeiro foi quen de explicarmo todo:
-Dona Elena , cando estaba a piques de morrer, e falou con Miguel díxolle onde estaba enterrada a súa nai; como el sabía que a súa nai sempre vivira alí deixou o corpo no mesmo sitio. Co tempo, Coruña empezou a medrar, e onde antes houbera monte empezaron a construír. En canto o fillo de Belinda se decatou pediu a Xosé que o axudase no traslado do corpo da súa nai a outro sitio antes de que os obreiros remexesen na terra.
Xosé non só trasladou o corpo de Belinda senón tamén o vello carballo; tiña cartos para facer iso e moito máis, e colleu e os trouxo para aquí, para a nosa casa, e alí están: no mellor sitio do xardín. Debaixo del eu aprendín a ler, e xoguei cos meus irmáns ás agachadas, e manquei unha perna unha vez por querer rubir ata o cume. E o carballo segue alí, e Belinda tamén; ó principio, cando eramos uns raparigos ás veces rezabamos pola súa alma. Se cadra co tempo esquecemos facelo. Se cadra foi un alma perdida e nós non o sabiamos e cando quixo atopa-lo seu fogar todo cambiara. Agora, espero que poidamos co noso arrepentimento lograr que volva con nosoutros.
A cerimonia foi moi sinxela: cada un dos compoñentes da familia achegábase ó carballo, baixaba a cabeza, pedía perdón, e deixaba unha flor na herba. Eran preto de trinta persoas as que fixeron esta cerimonia; logo, despois de rezar todos xuntos unha oración pola alma daquela muller que sufrira tanto e que morrera tan xove, argallamos entre todos as mesas debaixo do carballo e xantamos e brindamos por ela.
Cheguei a casa pouco antes da noite e conteille a Balbina todo o que fixeramos. Ó día seguinte volvín á cidade. No pobo deixaba unha morea de amigos e a satisfacción de haber cumprido os desexos da miña amiga a pantasma.
Non pensaba volver a vela mais o primeiro ser que vin cando entrei no portal da miña casa foi a Belinda: sorría e toda a súa figura brillaba.
-Gracias, moitas gracias por todo o que fixeches por min. Atopábame moi soa, agora, por fin, estarei rodeada pola miña xente. Xamais te esquecerei. Visítame cando queiras. Non te esquezas de min.
-Endexamais o farei-puiden dicir antes de que a pantasma desaparecese.
De cando en vez volvo ó pobo, e paso moi bos momentos cos meus amigos na súa casa, e collín o costume de ler e de pensar debaixo do vello carballo. Quizais non me creades pero, dende que o fago, paréceme que estou moito máis leda e moi orgullosa de pertencer a esta terra e que comprendo mellor ás súas xentes e os seus problemas dende que Belinda me deu a oportunidades de coñecela.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Podedes deixar aqui os vosos comentarios, ideas e suxerencias.
Podéis dejar aquí vuestros comentarios, ideas o sugerencias.
Spazio per scrivere le vostre osservazioni e idee.