Deolinda
acordou sen decatarse moi ben onde se atopaba. Descansara como nunca o fixera,
pensou mentres observaba o teito, e coidaba que fora de máis. Estaba moi
relaxada pois case non sentía o seu corpo. A súa neta faláralle hai tempo de
persoas que tiveran esa sensación e ela non a creu. Ademais, segundo a súa
neta, eran cousas que lles ocorría á xente que estivera a piques de morrer, e
ela estaba ben viva.
Achábase
nunha habitación coas fiestras pechadas, así que non sabía se era de día ou de
noite, de tódolos xeitos xa era tempo de erguerse. Sentíase moi lixeira e con
ganas de traballar. Lembraba que deixara un labor por rematar: un veo de
encaixe para a filla da Maruxa que casaría en quince días.
Deolinda
quedou sentada na cama un anaco. As sabas coas que durmira non eran as que
adoitaba utilizar acotío, semellaban aquelas que bordara ela e maila súa nai
para o seu enxoval de noiva. Ela non puxera aquelas sabas, ¿quen o faría e por
que? Endexamais as utilizara, eran demasiado fermosas para iso. Todo o mundo
sabía que, ás veces, a roupa do enxoval é máis para amosar ás visitas que para
ser utilizada: a ninguén lle presta estragar ós poucos un traballo de meses. O
enxoval, pensaba a súa nai, é algo para mostrar á familia do noivo, de feito
fase para demostrar que vai ser unha boa esposa, non para que acabe de farrapos
para a cociña.
E mira
por onde resulta que durmira acariñada por aquelas fermosas sabas. Tampouco
entendía por qué levaba o camisón de liño e non o que adoitaba poñer nesta
época do ano na que ía tanto viruxe. A chegouse ó extremo da habitación onde se
atopaba o labor. ¡Pois si que durmira dabondo! O labor semellaba un pouco
sucio. Agora isto non importaba, xa a lavaría cando rematase.
Deolinda
sentou na súa vella cadeira e comezou a palillar, dáballe a impresión de que os
seus dedos eran máis lixeiros do que acostumaba, ían veloces sobre os palillos,
case semellaba que a artrose curara. Ben, se cadra, non estaba tan mal como
pensaba e só necesitaba un pouco de descanso. Os derradeiros días foran ben
duros, a cada movemento dos dedos a dor atravesábaa ata o máis fondo. Máis que
un traballo semellaba unha tortura. Pero agora, despois de ter durmido, notaba
que todo aquilo quedara atrás. Era como se os seus dedos foran os dunha rapaza,
voaban dun palillo a outro, cruzaban veloces sobre o mundillo e o labor ía
medrando. Non sentía as horas, nin o cansazo. O labor era tan sutil que case
semellaba transparente. A filla da Maruxa, e tamén a mesma Maruxa, ía quedar
abraiada, sería a noiva máis fermosa vista endexamais na contorna.
Case non
vía que estaba a facer pero Deolinda intuía que este sería o mellor traballo da
súa vida. Por detrás do mundillo ía vendo como medraba o veo, un pouco máis e
teríao rematado.
Xa
estaba. Agora deixaríao así, xa o desprendería logo, agora estaba moi cansa.
Deolinda volveu á cama, meteuse entre as sabas e quedou durmida para non
espertar.
Cando
pola mañá, Sabela, a súa neta, e demais parentes foron ver como estaba a avoa
atoparon que morrera durante a noite. O doutor, un home moi estudado e xa a
piques de xubilarse, dixo que fora o corazón e que todo ocorrera minutos
despois de deixala soa.
De
súpeto, Sabela quedou fitando para o recuncho onde Deolinda acostumaba a
palillar, algo que non puido facer nos derradeiros tempos por mor da súa
enfermidade, e de seguido deu un berro.
-¡Mirade, o veo!
-¿Que lle pasa? –preguntou a
súa nai achegándose a ela.
-Está rematado. ¿Fixéchelo
ti?
-Eu non fixen nada. Ben sabes
que á túa avoa non lle prestaba que ninguén andase argallando nos seus labores.
¿Non serías ti? –preguntou a nai de Sabela a unha muller sobre os cincuenta que
estaba ó seu carón.
-Eu tampouco.
A cousa
érache ben rara: ningunha das mulleres que estaban na habitación remataran
aquel labor e a avoa non puido ser pois a súa enfermidade tivéraa deitada no
leito dende había máis dunha semana sen poder mover nin un dedo. Achegáronse ó
recuncho e quedaron dobremente abraiadas: o labor non só estaba finalizado á
perfección senón que fora continuada cos fíos dunha tea de araña que medrara
preto da fiestra onde Deolinda adoitaba traballar dende que xa a súa artrose
case non lle permitía outra cousa que ir do leito ó labor e pouco máis que ata
a cociña. Era un labor moi fermoso.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Podedes deixar aqui os vosos comentarios, ideas e suxerencias.
Podéis dejar aquí vuestros comentarios, ideas o sugerencias.
Spazio per scrivere le vostre osservazioni e idee.