Tareixa García Pereiro abriu a porta do seu
despacho e foi directamente cara ó sofá de pel negra que se atopaba preto da
fiestra. Estaba baldada. Fora unha intervención un pouco complicada pero
afortunadamente todo saíra ben. Sen sacarse a bata de cor verde claro que
levaba posta deitouse no moble. Era unha muller de estatura máis ben baixa,
case un metro sesenta e cinco, delgada, co cabelo negro ondulado peiteado nunha
curta melena. Os seus ollos cor da mel semellaban cansos. Aínda así tivo forzas
para coller de enriba dunha mesiña que había ó carón do sofá un libro e unhas
gafas. Colocou ben o coxín onde tiña apoiada a cabeza e recolleu da alfombra ós
pés do sofá unha pequena manta feita a man por ela o verán pasado. Cubriuse con
ela e púxose a ler. Pero non deu nin pasado da primeira páxina, caeu durmida ó
momento.
Ós cinco minutos a porta abriuse de novo.
Desta vez apareceu na habitación unha muller moi semellante a Tareixa pero de
pelo louro peiteado nunha trenza. Levaba a mesma bata verde claro que Tareixa,
a cal non tiña abotoada ata arriba o que permitía ver que do seu colo penduraba
unha estreita gravata de seda vermella. Soraya, a irmá de Tareixa, tamén era
coma ela cirurxiá. Tiña cincuenta anos, dous menos que Tareixa, pero ámbalas
dúas seguiran o mesmo camiño. Soraya sentou nunha butaca preto do sofá e quedou
mirando á súa irmá. Admirábaa, endexamais sentira envexa pola súa forza,
constancia e teimosía. Ela era moi tímida e tamén moito máis tranquila que
Tareixa. Pero ámbalas dúas tiñan un mesmo obxectivo na vida: facer todo o
posible porque os seus pacientes, xa fosen homes ou mulleres, puidesen saír adiante
e sentirse realmente ben, tanto fisicamente como mentalmente. Mentres observaba
o soño inquedo de Tareixa a Soraya deulle por lembra-lo longo camiño que
empezara a percorrer a súa admirada irmá había case vinte anos.
Tareixa concluíra o bacharelato no verán de
1975, cando o franquismo estaba a piques de rematar, algo que todos sentían
pero non se atrevían a expresar en voz alta. Ese mesmo outono, despois de sacar
unha das notas máis altas da selectividade, ingresou na Facultade de Medicina
da Universidade Autónoma de Madrid, onde estivo seis anos e licenciouse cum
laude en 1981. Logo, sempre desexosa de coñecemento, fixo cinco anos de
residencia en cirurxía plástica e reparadora, a cal rematou en 1986. Sempre
fora unha estudante excepcional, tremendamente curiosa e competitiva. Tareixa a
miúdo conseguía todo o que se propoñía, así que á súa irmá Soraya non lle
estrañou que lograse un posto de traballo nunha clínica da cidade dos Anxeles,
en Estados Unidos, onde estivo a traballar dende o ano 1986 ata 1990. Volveu a
España no ano 1991 e, coa axuda do seu pai, responsable da Unidade de
Hospitalización de Cirurxía Plástica e Medicina Interna do Hospital Juan
Canalejo, monta a súa propia clínica. Soraya o único que fixo foi segui-los
seus pasos. E logo comezar a traballar con ela nesta clínica, do que nunca se
arrepentiu. Máis adiante xurdiu a idea da asociación. Foi a finais de 1991,
Tareixa tiña trinta e catro anos, ela trinta e dous; aínda eran novas. Tiñan
traballo, tiñan cartos. A vida tratáraas moi ben. Pero non ocorría o mesmo
cunha gran parte das mulleres que superaban esa idade; mesmo algunhas máis
novas que elas tiñan que loitar moito para conseguir saír adiante. Por mor
dunha amiga da súa nai, que quedou sen traballo por cousa da súa idade, a
Tareixa ocorréuselle a idea de fundar unha asociación para axudar a tódalas
mulleres con problemas similares. En xaneiro de 1992 creou a asociación
Deyanira.
Ver en Amazon
Ir a MIS LIBROS
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Podedes deixar aqui os vosos comentarios, ideas e suxerencias.
Podéis dejar aquí vuestros comentarios, ideas o sugerencias.
Spazio per scrivere le vostre osservazioni e idee.