sábado, 10 de abril de 2021

AS AVENTURAS DE ALBERTE QUIÑOI de Manuel García Barros Ken Keirades - RESEÑA

Cada libro ten un tempo para ser lido. Compreino en 1990 pero non o din lido ata xusto este ano: 2021. E teño as miñas razóns. 
Eu compro os libros cando eles me chaman, é dicir: vexo o libro nunha librería e digo este non fuxe, a casa que va. No ano 1990 comezara a estudar galego pola miña conta, son desa xeración que non puido, por motivos políticos evidentes, estuda-la lingua da súa terra, logo collín os libro da escola da miña filla e empecei come se fose unha rapariga. Deste xeito aprendín o galego. Compraba tamén os libros clásicos, aqueles que había que ler si ou si. Atopaba un e a casa que ía. Xa os lería no seu momento. 
Un dos primeiros que lin foi A ROMARÍA DE XELMÍREZ, eu aprendendo galego e lendo o inmenso Otero Pedrayo mentres estudaba: ¡hai que ter valor e ganas! Lino, dende a prima verba ata o final, axudada por un dicionario. 
Este libro do que vos vou falar é unha primeira edición da editorial Vía Láctea da súa colección Clásicos. Hai expresións e palabras que están modernizadas (quero dicir ó galego que se estudaba no ano 1990) pero outras permanecen tal cal as escribiu o autor no ano 1942, seica escribiuno un pouco antes. Deste xeito, enfrontámonos a un libro que non ten nada que ver coa normativa do galego actual. 
A primeira vez que o collín entre as miñas mans, tiña á beira un dicionario. Case que tiña que abrilo con cada liña que lía. E esta non é a maneira axeitada de ler un libro. Non era o seu tempo. Así que o deixei no andel da miña pequena biblioteca e lin outras cousas. 
Tiveron que pasar 31 anos ata que decidira collelo de novo. E desta vez... lino. Tardei case que dúas semanas, non me queixo, o galego de Ken Keirades é o galego que se falaba na súa época e na súa contorna, a editorial quixo ser fiel á maneira de escribir do autor. Hay que ter paciencia e ganas de aprender para enfrontarse a un libro coma este que vou comentar. Pero eu son teimuda e se quero o consigo. 
Imos aló co comentario. 

O libro está dividido en tres partes: na primeira fálase da infancia do protagonista, un raparigo, Alberte, alcumado Quiñolas, e dos seus amigos, fálase da familia do Quiñolas e das falcatruadas que fan os rapaces da aldea cando lles peta. Os das cidades seguro que tamén as facían pero aquí estamos falando dun libro que está ambientado na Galicia rural de principios do século XX. Hai que destacar as precisas descricións de Ken Keirades sobre as festas populares. O libro comeza coa descrición dun rapaz pelexando con unha vaca. Xa entramos no ambiente. Xa sabemos o que nos ofrece o libro: un cadro de costumes labregas que seguro que xa desapareceron. Agora ben, isto non quere dicir que esteamos ante un libro aburrido e tristeiro; ó contrario, AS AVENTURAS DE ALBERTE QUIÑOI reborda humor polos catro lados. Ser pobre e labrego non significa que estean todo o día a traballar e a queixarse do traballo, teñen os seus momentos de lecer como todo o mundo. Tamén nas cidades os obreiros traballan arreo pero non é isto do que vos quería falar. 
Volvamos co noso Alberte, Quiñolas, está por encomezar o entroido, unha das festas más importantes e das máis rebuldeiras das aldeas no seu tempo. Que conste que non sei como serán agora pero seguro que non son como hai cen anos. 
O entroido estaba moi regulamentado, e cada parroquia tiña o seu modo de facer; as máscaras recorrían as parroquias casa por casa e facendo festa, tomando o pelo a canta persoa se lle poñía por diante, bailando e cantando, bebendo e comendo. Tódalas máscaras eran homes, ás mulleres estaba prohibido. As aventuras de Alberte rapaz son as de calquera rapaz da aldea: andar ós niños, non ir a escola, andar en busca de aventuras monte adiante. Figuras típicas da Galiza do seu tempo son todos estes tipos de traballo itinerantes dende o zapateiro ata o médico que percorre a pe as distintas aldeas. E logo están as feiras e as romarías. Non todo é festa, no campo todos traballan, ata os nenos de sete anos e menos, cada quen fai o que pode dentro das súas posibilidades, a Alberte tócalle ir a polas bostas de vaca cun cesto, este labor dálle noxo, pero hai que facela, inda que Alberte ten os seus trucos para encher a metade o cesto. Resumindo, a primeira parte do libro é unha mostra precisa e diría que exacta da vida dun raparigo nas aldeas da Galiza do seu tempo, unha vida dura pero libre, con tempo para ir a escola e tempo para traballar, para reunirse libremente cos amigos e facer das súas, pobres pero felices. 

Eu teño 61 anos e aínda sego aprendendo con cada libro que leo. Ler é diversión pero tamén aprendizaxe, xamais deixemos de aprender o que nos peta. E porque esta mulleriña fálanos deste xeito agora, non estaba a falar dun libro? Pois si, e sego a falar do libro. Quen non teña escoitada a palabra calderilla que levante a man. Polo fondo vexo a alguén. Na páxina 184 do libro fálase desta palabra utilizada a miúdo e descúbrese o auténtico significado dela, endexamais o tivera imaxinado. Lede o libro coma min e descubriredes estas e outras singularidades dun tempo xa moi distante do noso pero que formaron a nosa sociedade e a nosa lingua. A primeira parte do libro remata co inicio das relacións entre a tía Sabela, a nai do pai de Alberte, Lourenzo, e Xanuco. 
A segunda parte do libro céntrase nos outros personaxes da aldea, Alberte xa non é o Quiiñolas, medrou e o autor chámaoo polo seu nome, os alcumes son para os raparigos e el xa non é un raparigo, está no tempo de comezar a mocear, cando tamén pode escoita-las conversas das persoas maiores, cando está na procura do seu camiño particular, do tempo no que quere xa participar nas festas as que antes so ía como espectador. O libro ponse serio, pero so ás veces, ás vegadas come diría Ken Keirades. 

Vexamos algúns paragrafos desta segunda parte:

―Xanuco ten que ir confesar para casar con Sabela e vai á catedral: 
Xa me contaran que, confesando-se en Santiago, daban un recibiño de habé-lo feito. Fun-me por alí mirando onde había de meter-me. Había onde canto se quixera, pro, fixando-me en que nos confesioários se lía “se habla francés”, “se habla inglés”, “se habla alemán”, etc.. dinme a buscar un onde se dixera que se falaba galego, e non o atopei.(páxina 272) 

Atopa un onde está repatingado un crego regordote, inda non moi vello. A conversa ten o seu aquel: 
-Buenos días tenga usted ―díxenlle (...) 
-¡Arrodillate! ―rosmelou sin quita os ollos do libro. 
Eu arrodillei-me e esperei. Estiven así un bo anaco hastra que, reparando-me coma quen ven algo raro, voltou a dicir-me: 
-Pero ¿qué haces aquí? 
-Pois o que vostede me mandou..,. 
-¿No sabes decir la confesión? (...) 
Eu aprendera a confesión de neno. Aprendera-ma a miña aboa a forza de vara. Pro, acordaba-me máis da vara que da confesón. Ó dereito sabía o comenzo i-o remate e que antre unha e i otra cousa se daban uns golpes no peito. (...) 
¿Cuanto tiempo? ―preguntoume. 
Eu contestei que andaria pol-os vinte-cinco. Pro il regañou: 
-¡No te digo eso, hombre! Te pregunto cuanto tiempo hace que no te confesaste. 
-Ah! Destonces e un pouco menos. Certo, certo, non llo sei, pro haberá por aí nove ou des anos. 
-¡Hombre! Y lo dices así tan frescamente... 
Calei por non preguntar-lle como había de deci-lo. 
-¿Y cómo estuviste así tanto tiempo? 
-Foi-lle que estiven na Habana. 
-¿Luego allí no había donde confesarse? 
-Como haber, haberá, pro a min non me fixo falla. 
Daquela estordigou: 
-¡A ver, a ver! De modo que no te hizo falta... ¿Y cómo es que ahora te la hace? 
-Verá, señor: e que agora quero-me casar e pol-o que se ve é perciso facer isto. 
-¡Estupendo! De manera que, ahora que quieres casarte, es por lo que vienes a confesarte, que a no ser por eso no vendrías. 
-Iso... poida que non. (páxina 273) 

Xa podemos imaxinar como rematou a cousa. 

Pero non todo son risas no libro de Ken Keirades nin festas, nin traballo arreo. Tamén hai unha crítica feroz á política, á relixión, ós caciques á pouca unión que hai entre os campesiños e outros temas dos que non vou tratar aquí. O libro ten que ser lido por calquera que desexe coñece-la situación do país nos anos previos a que chegase a primeira república, polos que queren coñece-la vida costumes e pensamentos das xentes que vivían nesta terra deixada a maior parte das veces das mans de Deus. O mérito do libro de Manuel García Barros, a pesares dos localismos dos que está cheo o libro e dos castelanismos, é o de ter escrito un libro que prende ó lector dende a primeira páxina. Ten que ser lido coa mente aberta e se ben ó principio a súa maneira de expresarse e escribir pode resultar difícil, non vos rendedes, paga a pena.
Das cartas falaremos outro día.


No hay comentarios:

Publicar un comentario

Podedes deixar aqui os vosos comentarios, ideas e suxerencias.
Podéis dejar aquí vuestros comentarios, ideas o sugerencias.
Spazio per scrivere le vostre osservazioni e idee.