lunes, 26 de septiembre de 2022

CRIMINAL de Xurxo Borrazás - RESEÑA

 
Este é un libro que comprei hai 20 anos xustiños, seino porque ás veces escribo a data na primeira páxina. Ás veces a espera paga a pena, ás veces non estou segura. Isto último foi o que me ocorreu co libro CRIMINAL. Non sei o que esperaba, quizabes demasiado.
O libro foi publicado en 1994. Imaxino que Borrazás quería facer un libro distinto a todos os que ata ese momento se escribían, ambientalo no rural en troques da cidade; contar unha historia que fose recoñocible por tódalas persoas que lesen o libro: un crime aparentemente sen sentido que ten lugar nun lugar próximo a Coruña, Laracha, onde se sabe dende o principio quen é o criminal pero non os motivos que o levaron a comete-lo asasinato do seu irmán, da muller e mailo fillo pequeno.
A parte forte do libro non é a historia, tódolos días na prensa lense cousas semellantes e aínda peores, senon o retrato psicolóxico do personaxe principal Xesús Monteiro, Chucho, as razones que o levaron a matar e o ambiente onde se desenvolve a mesma. Non son sitios exóticos, son lugares e cidades por onde quen le o libro camiña acotío. De feito é unha historia moi normal: o criminal que fuxe e que tenta sair da sua terra nun barco que o leve lonxe para que non o colla a xustiza.
CRIMINAL é un libro ben escrito, feito a base de recordos do protagonista, de flashbacks en forma de soños, de momentos de acción e de momentos que explican esa acción. Estas voltas atrás na historia principal, na que se mesturan distintos puntos de vista, o que o protagonista fa e como o fai, o que pensan del a xente coa que se relacionou nalgún momento, completan o cadro da personalidade deste criminal - persoa normal.
CRIMINAL é un libro moi galego, escrito en galego e que calquera galego, sexa da cidade o do campo, entenderá e aprezará. Pero, dende o meu punto de vista, e a pesares de todas estas boas calidades do libro, falta pasión, esa pasión que fai que un lector quera seguir adiante co libro para rematalo, que o mantén pegado as follas cos ollos abertos sen durmir. Seica facer un libro non tan apaixonado como os que estou acostumada a ler era tamén un dos obxectivos do autor, seica. 




No hay comentarios:

Publicar un comentario

Podedes deixar aqui os vosos comentarios, ideas e suxerencias.
Podéis dejar aquí vuestros comentarios, ideas o sugerencias.
Spazio per scrivere le vostre osservazioni e idee.