martes, 31 de marzo de 2020

O sacrificio das salíquidas

¡Oh, deuses inmortais: os que habitades no luminoso firmamento, na fondura das covas, nos ledos ríos, nos feraces campos, nos caudalosos ríos, no misterioso Averno e no inmenso mar; que existides antes de que eu, un insignificante mortal, vise a luz na miña querida Ática. E aínda antes de que o heroico Odiseo pasase mil afanes na procura do seu fogar, Ítaca; e aínda antes de que Orfeo roubásevos o segredo do fogo, e de que Perseo cortase a cabeza da Medusa e de que Atlas fora condenado a levar sobre os seus ombreiros á Terra como castigo á súa ousadía; antes de que nosoutros, pobres mortais, fosemos redimidos pola vosa xenerosidade grazas a Démeter, que nos mostrou o segredo das estacións.
Pídovos que teñades clemencia, que as miñas palabras, contando o sacrificio das salíquidas, non vos parezan ofensivas e pouco corteses; e se a miña explicación non vos semella axeitada ou barruntades que hai xenreira no meu relato, será a causa da miña ignorancia e non porqué sinta animadversión cara a vosoutros.

Sabede, ¡oh, espartanos!, que houbo un tempo no que os deuses gobernaban na Terra e os humanos vivían nunha perfecta harmonía entre eles: non existían as enfermidades, nin as guerras, nin a envexa, nin o odio; os pobos mirábanse con curiosidade e non con desconfianza, o estranxeiro era benvido e non encarcerado, as colleitas eran abundantes e ninguén morría de fame, houbo un tempo no que os nenos eran felices, as mulleres moi belas e os homes fortes, e todos eles nobres e xenerosos. Todo isto, agora, gárdao Cronos na súa arca e só pola súa vontade tornará o que perderamos pola nosa iniquidade.
Ocorreu un día, nunha das praias do Peloponeso, que chegou un estranxeiro atado a un anaco de mastro: estaba seminu, era novo e forte. As olas deixárono suavemente na area. Aulicas, a brisa salgada, secoulle o seu corpo mentres xacía exhausto e sen sentido, e Helios protexíao co seu suave e cálido manto. Nunha duna preto de alí as fillas do rei Epurión estaban a xogar: Ecautia era tan áxil como un corzo, Cartía era tan flexible como un xunco e Parmenia, a maior delas, era tan prudente e sabia como a curuxa.
Era Ecautia a instigadora de tódolos xogos cos que pasaban a maior parte do tempo tódalas mañás: súa foi a idea do refuxio no souto, onde retirábanse a soñar coas terras alén do mar; súa foi a iniciativa que as levou a descubri-lo pequeno habitáculo enriba dos seus apousentos e a atopar nel tan só po e sucidade, onde, a partir de entón, gardaban os seus pequenos tesouros. E tamén foi súa a idea de iren a xogar á praia aquela mañá primaveral.
Ían vestidas cunhas curtas túnicas vermellas e os seus cabelos levábanos adornados cunhas coroas de flores fabricadas pola maior; cada unha delas portaba unha bolsa de tea branca na cintura, onde gardaban abondo de cousas miúdas, moitas das cales encontrábanas mentres percorrían polo bosque ou pola praia. Ese día ían na busca dos tesouros que Poseidón non desexa ¡el ten tantos¡ como as diminutas pedras de cores, as conchas anacaradas ou os restos dos naufraxios. Estaban moi ledas, pois Cartía atopara unha marabillosa buguina, chea de pinchos por fóra e cunha familia pequerrecha de cangrexos brancos coma o leite no seu interior, ós que devolveron á area, roubándolles o seu incrible e fermoso fogar; o mar estaba nela, pois escoltaban o seu murmurio cando a poñían preto das súas orellas.
Ían pasándose unhas a outras a xigantesca cuncha, rindo e bailando mentres o facían cando, de súpeto, Ecautia tropezou e caeu sobre a area; miraron cara a abaixo e foi nese intre cando se decataron da presencia do fermoso mozo que xacía inconsciente ós seus pés. Observárono abraiadas, pois endexamais viran un home como aquel: o seu corpo, de cor vermella, ardía, e tamén vermellos como o fogo eran o seu cabelo e a súa barba; tocárono temerosas, mais o mozo non se moveu. Vestía unha estraña roupa de cor escura que desprendía un cheiro nauseabundo, semellaba coiro en putrefacción; non levaba ningún tipo de arma pero si un enigmático colgante no pescozo, no que alguén gravara un martelo e un sol poñente. As fillas do rei Epurión posuían moi boas calidades: eran valentes, ledas, xenerosas, curiosas, aínda que non impertinentes; e, por suposto, pois na súa terra era case unha relixión, moi hospitalarias. Moitos estranxeiros atravesaban as terras do seu pai: xa camiño do país dos celtas e dos bretóns, xa na procura das misteriosas terras do leste, cara as rexións onde crecían as máis estrañas e olorosas especias e onde se tecían aquelas teas brillantes e suaves, as preferidas pola súa nai. Todos pasaban por alí pois coñecían a amable acollida dos seus pais.
Sentáronse a examina-lo mozo dende unha distancia prudencial, non por medo senón para poder fita-lo cunha maior tranquilidade. Ecautia, cansa de esperar, achegouse a el para comprobar se cruzara xa o Leteo e aplicou a súa orella ó peito: o seu corazón, aínda que debilmente, latexaba con regularidade. Entón Ecautia, a menor e máis intrépida, dixo ás súas irmás:
-Irmás, este home vive, aínda non sei por canto tempo. Eu son a máis rápida das tres e propóñovos que sexa eu quen vaia na busca de axuda mentres vosoutras botades unha ollada ó estranxeiro; co auxilio de Artemisa correrei como o vento ata o pazo do noso pai, el saberá que facer.
Non ben rematara de pronunciar estas palabras ela partiu veloz coma unha frecha, sen que as súas irmás tivesen nin a máis pequena posibilidade de dicir calquera outra cousa en contra da súa idea.
Ecautia correu atallando polo souto dos freixos, onde as ninfas Tarquía e Aniope, as fillas máis pequechas e queridas de Zeus, gustaban de xogar e de cantar ó solpor, cando Helios anda na procura doutros lugares ós que alumar coa súa brillante luz. Ela escoitáraas entoar estraños e insólitos cantos nunha lingua non enteiramente comprendida por Ecautia, aínda que xamais lograra ve-los seus rostros ou albisca-los seus corpos; de calquera xeito, agasallábaas de cando en vez deixando, debaixo do vello carballo na linde do bosque, preto do seu fogar, unha xerra chea de mel de romeu, pois sabía que lles gustaba xa que pola maná o xerro estaba baleiro. Correu entre o s freixos, non tardando en chegar á súa casa; aínda non rematara de saír do arboredo cando escoitou música que viña do pazo: o seu pai estaría agasallando a algún mercador dos moitos ós que ofrecía a súa hospitalidade. Chegou coa lingua fóra, coa cara vermella e suorenta; entrou coma unha tromba na sala do banquete, onde unhas bailarinas estaban interpretando un vello e fermoso baile; os invitados rían debido ás palabras do anfitrión, aínda que ó principio ninguén se decatou da súa presencia ela si notou que o home preto do seu pai era moi semellante ó home da praia; aínda que un pouco máis baixo e máis corpulento, posuía o mesmo cabelo vermello e a mesma poboada barba; mais vestía a túnica grega e ría fortemente, coa boca totalmente aberta mentres botaba o corpo para atrás e golpeaba o seu ventre e daba unha puñada na táboa, o que facía saltar o seu prato e a súa copa de viño.
Ecautia respirou fondo e procurou tranquiliza-lo seu folgo, logo entrou no salón; ó ve-la chegar sen as súas irmás o seu pai deixou de falar, tódolos alí presentes calaron na espera dos acontecementos. Ecautia tranquilizou ó seu proxenitor, contoulle dun xeito breve a aventura da praia e como o seu invitado parecíase abondo ó home que ela e mailas súas irmás encontraran na area.

Cartía e máis Parmenia falaban en voz baixa acerca do mozo descoñecido e facían conxecturas sobre a súa orixe e a súa liñaxe; o mozo seguía inmóbil, cuberto pola area que as dúas irmás puxeran sobre el para refresca-lo seu ardente corpo. Escoitaron un xemido e o mozo axitouse levemente, elas acadaron un pouco máis pois coidaron oírlle murmurar. Esperaron impacientes, case encima del, mentres facían sombra cos seus corpos, a que tornase a falar ou recuperase a consciencia, e non tardaron en ve-los seus desexos cumpridos:
- Briggitt und Heine, Briggitt und Heine....Kurt.
Apartáronse a modiño do mozo, estaban a meditar sobre o ocorrido cando escoitaron voces que viñan das árbores pretas á praia, xusto por onde desaparecera a súa irmá; axiña viron ó seu pai e máis un montón de xente, e tamén a un home moi semellante ó estranxeiro da area.
Epurión traía consigo un palanquín, o mesmo que utilizaba cando percorría o seu reino, e alí instalaron comodamente ó mozo; Parmenia imaxinou ver unha mirada de curiosidade, e quizabes de temor, no hóspede do rei, ó mellor eran imaxinacións súas. Chegaron de contado ó pazo, onde a súa nai e mailas súas doncelas acomodaron ó forasteiro que seguía inconsciente, preparáronlle unha alcoba na cal a súa máis fiel doncela, unha muller bretona moi forte, vixiaría o seu soño.
O rei pediu ó seu hóspede, o cal nome era Willem, que permanecese con el, se iso non retrasaba a súa viaxe, ata que o enfermo recuperase o senso e puidese falar, pois coidaba que ámbolos dous tiñan unha mesma orixe. Willem non se puido negar.
O mozo estaba ben coidado por Gwen, a bretona, e máis por Hypólita, unha matrona de certa idade, fiel ata a morte a Kiobe, a esposa de Epurión. Non se separarían del nin un momento; e cando tiveron que facelo, dúas veces, habíaas substituído Camila, a filla da matrona. Hypólita era unha viúva romana, compañeira de Kiobe dende nenas; aceptara o ofrecemento da súa amiga de ir vivir con ela cando morreu o seu marido, e como Hypólita non tiña a ninguén no mundo e a parentela do seu esposo odiábaa por casar con el, coidou aceptar a hospitalidade de Kiobe e daquela vivía na súa casa; sempre fora tratada con respecto e a súa filla recibira a mesma educación cás fillas do rei. Camila era moi amiga de Ecautia, Cartía e Parmenia; ese día non fora con elas aínda que sempre as acompañaba nas súas correrías e xogos, sempre que a súa nai non a necesitaba. Hoxe non puidera porqué o rei pediulle que fixese aqueles doces de mel con améndoas e sésamo que tanto lle gustaban, e pasara toda a mañá ocupada naquel traballo. Quería a Epurión como se fose o seu pai, o seu verdadeiro proxenitor morrera cando ela era unha rapaciña e non posuía ningún recordo daqueles tempos, só sabía que ocorreu nunha das moitas loitas ás que van a miúdo os homes,
O mozo durmira tranquilo e repousadamente toda a tarde, mais pola noite subiulle a febre, as tres mulleres escoitaran os seus delirios naquela lingua incomprensible para elas e alternáronse poñéndolle compresas de auga fría na fronte, intentando que lle baixase aquel ardor que lle facía axitarse no leito.
Eos, a dos rosados dedos, viu como ó fin descansaba cun sono sosegado; Helios brillaba con todo o seu esplendor no alto cando o mozo abriu os ollos; rapidamente as mulleres faláronlle a modiño para tranquilizalo e Camila correu a avisar ó rei e á raíña. Axiña o apousento encheuse de xente, tamén estaba Willem que ía se-lo intérprete do enfermo:
-¿Que fas aquí, Heine? ¿Que ocorreu co barco? -preguntou Willem.
O mozo observábao receoso e Epurión pensou que non entendía o que lle estaban a dicir; moi ó contrario xa que, aínda que Willem non informara ó rei da identidade do estranxeiro, este coñecíao de abondo pois era o seu sobriño, ó que intentara matar ó provocar un motín no seu barco: era o fillo único do seu irmán Kurt e ademais o herdeiro ó trono de Dinamarca. No caso de que o rapaz morrese el, Willem, ocuparía o seu lugar no trono e máis na voda coa súa noiva Briggitt e converteríase dese xeito en rei de Dinamarca e de Normandía. Os seus planos malográranse, Willem, pensando que Heine non entendera a súa pregunta, volveu a repetila e o rapaz respondeu:
-¡Traidor oín perfectamente os teus planos cando lle dabas as ordes ó meu piloto no porto; de calquera maneira, embarquei. Crin que aquel home, compañeiro meu nun montón de expedicións, non me traizoaría a pesar dos teus manexos e do gran botín que lle prometeras; aínda que non me matou como ti pretendías: abandonoume nun bote sen auga nin comida, pois o medo que ten ó meu pai foi máis forte cás túas ameazas.
-¿Que di? -preguntou Kiobe -¿entendes o que está dicindo?
-Sí, coido que ó fillo dun mercador e que naufragou por mor dunha treboada preta das illas Cícladas, e que collendo unha póla dunha árbore logrou salva-la vida, chegando deste xeito ata a praia cerca do souto dos freixos, onde perdeu o senso e onde as vosas fillas o atoparon.
Aínda que Epurión creu todo o que Willem dixera, Kiobe notou un matiz de falsidade nas súas palabras; nunca lle gustara aquel home. O seu instinto dicíalle que, a pesar de que o seu marido tíñao en moito, ese home de pel branca e cabelo vermello podería trae-la ruína á súa casa.
Pasaron dous días, aínda que o mozo ía recuperando as forzas pouco a pouco non estaba o suficientemente restablecido como para acompañar a Willem na súa viaxe; Epurión, que quería ás súas fillas tanto que non lles negaba nin a cousa máis pequena, claudicou cando elas pedíronlle que consentise a Heine quedar na casa ata que puidese valerse por se mesmo; Willem recolleríao cando tornase, despois de dous ou tres meses.
Así que Willem partiu cara ó país dos escitas mentres Heine era coidado e mimado polos habitantes do pazo. Era un mozo intelixente e aprendeu, con non pouco esforzo, aquela lingua complicada, pero moi fermosa, de Epurión. Trabou unha gran amizade coas catro rapazas e elas queríano coma un irmán. Moitas veces tiñan paseado ata a praia onde o atoparan e contáronlle a historia do souto dos freixos, onde pronto ían celebrar as festas no honor de Artemisa e Selene. Chegou o día e Heine foi con elas; os pastores e pastoras reais ofreceron o seu derradeiro año recentemente nato ás deusas, o rei e mailas súas fillas sacrificaron un xato branco como o leite; bailaron, xantaron e beberon ata que cansos quedaron todos durmidos, pois tal foi o desexo de Perséfone que ansiaba botar unha axuda a Tarquía e máis Aniope, as ninfas; sen tardar apareceron nos soños de Ecautia e dixeron:
 -Ecautia, Ecautia, escoita ben o que temos que dicir: coñeces o poso aprecio pois a mel de romeu que tódolos días nos deixas como agasallo es de tódolos regalos que nos fan o máis querido por nosoutras, e agora que a túa familia está en perigo debemos avisarche. O home vermello só os traerá males de abondo aínda que non será pola súa man senón por outra máis querida e que vive convosco dende moito tempo atrás. Ecautia, Ecautia, sé prudente, ti e mailos teus parentes e amizades estades baixo a nosa protección, pero hai cousas dabondo que só o mesmo Zeus pode evitar, e sen embargo, nalgunhas delas nin sequera el ten poder para intervir.
E dicindo estas palabras foise a visión; Ecautia espertou sobresaltada polas palabras das ninfas, estaba a piques de amencer e ó seu redor todos durmían profundamente. Arranxou a túnica e camiñou ata o regato preto do claro do souto, a auga limpa e fresca despexouna totalmente; sen embargo o seu desacougo ía cada vez a máis, dáballe voltas e máis voltas ás palabras das súas divinas amigas, non podía concibir que alguén preto dela puidese facer mal á súa familia.
O tempo foi pasando ata remata-lo primeiro mes da estancia no pazo do estranxeiro. Ecautia case esquecera o aviso que lle fixeran Tarquía e Aniope, sabía que os deuses non se enganan endexamais nas súas predicións, mais o anunciado non o descubrira: todo era quietude e felicidade entre os seus. Heine e máis Camila fixéranse moi amigos, inseparables camiñaban polo souto e pola praia; eran xente nova e comezaron a sentiren un fondo amor entre eles, tanto que, cando o rapaz falaba coas tres irmás Camila, sen podelo evitar, sentía unha furia no seu interior irrefreable que lle provocaba pensamentos malévolos e destructivos contra as que, ata agora, foran as súas mellores amigas. Ó comezo esa furia duráballe pouco e avergoñábase das abraiantes cousas que pasaban polo seu pensamento; os días transcorran e a ira e a desconfianza foron a máis. O afecto de Heine, cara a Camila, aínda que máis sosegado, era igual de intenso e caía nunha fonda melancolía se por algunha razón atopábase lonxe dela demasiado tempo, entón dedicábase a dar longos paseos completamente só polo xardín do pazo, sen poder deixar de pensar nela.
Camila sempre levaba con ela un pequeno coitelo co que recollía as plantas e mailas raíces que a súa nai lle pedía, (ben para a cociña, ben para facer remedios contra todo tipo de enfermidades); un día, mentres apañaba romeu e lavanda, creu ouvir unhas voces coñecidas preto da linde do claro do souto, moi quedo foi achegándose e dende detrás dun arbusto viu ó seu amado Heine, cos xeonllos na terra fronte de Parmenia mentres lle bicaba un pé. O seu sangue ferveu e a súa cólera alcanzou tal dimensión que, sen pensar nas consecuencias, abalanzouse sobre eles ferindo no intre á rapaza e, antes de que Heine puidese repoñerse da sorpresa, deu unha reviravolta e atravesou o pescozo del. O seu carácter, noutro tempo doce, era pura maldade, a morte daqueles dous seres non lle afectou nin o máis mínimo; un tras outro arrastrou os corpos mortos ata a ribeira e botounos ó mar deixando cás ondas os afastaran.
Crede, ¡oh, espartanos!, se vos digo, que tan axiña como o mar alongou ós xoves, Camila caeu nunha desesperación maior cá que sentira a causa dos celos; toda a súa furia desapareceu coas ondas do mar e no seu lugar quedou un corazón esfarrapado e desolado polo comportamento que tivera, tanto co seu amado coma con aquela coa que se criara como unha irmá.
En canto Camila decatouse do que fixera comezou a chorar de abondo; sen darse de conta, mentres ía deste xeito, chegou ó pequeno claro do souto dos freixos onde caeu nun fondo soño. No pazo empezaran a notar a longa ausencia de Heine e máis Camila, sobre todo da moza, pois Willem chegara de súpeto aquela mesma tarde, e precisaba a súa nai a axuda da rapaza para agasallar de maneira conveniente ó invitado, que non só rematara satisfactoriamente os seus negocios senón que arribou cuns regalos moi estraños para toda a  xente do pazo: teas brillantes de fantásticas cores bordadas con fíos de ouro e prata, aparellos de cobre e bronce, espellos puídos como endexamais os viran, especias e alimentos descoñecidos naquelas latitudes; e incluso tres gatiños moi peludos para as tres fillas de Epurión e dous cans para o rei e maila raíña, tan fracos que semellaban estar mortos de fame, e que Willem dixo que se chamaban galgos. Tiñan que mostraren agradecemento cun home tan xeneroso e por iso organizaron unha esmorga; foi lembrada durante moito tempo como a meirande que viran os cidadáns de Ythión dende que o rei Epuri6n comezara o seu reinado. Esta era a razón pola que cumpría a presencia de Camila.
Hypólita, que coñecía moi ben á súa filla, pensou que algunha cousa moi importante impedira que estivese preto dela, e xa que ela non podía saír da cociña pediu a Gwen que fora na súa procura; a rapaza ía acompañada polas tres fillas do rei.
Foron directamente ó souto, Hypólita indicáralles o sitio por onde ela adoitaba ir  recolle-las herbas cando eran precisas; o silencio era absoluto agás polo oulear intermitente dalgún moucho. Comezaron a berra-lo nome da súa amiga, pois aquel estraño ambiente presaxiaba algunha desgracia, e non tardaron en dar con ela: atopárona en medio do claro do souto e, ó parecer, axitábase mentres soñaba e murmuraba non sei que. As rapazas achegáronse ata Camila e intentaron espertala, pero non foi posible; apenas podían distingui-las palabras que saían da súa boca pois pronunciábaas entre irrefreables choros e, aínda que a axitaron para espertala , non o conseguiron. Axiña entenderon o que Camila dicía e escoitaron abraiadas os feitos que ocorreran, non facía moito, no mesmo sitio onde se encontraban.
Todas miraron abraiadas á doce rapaza de enormes ollos negros e rizado cabelo escuro; Ecautia lembrou as palabras das ninfas pero non dixo ren. Intentaron por tódolos medios que Camila volvese en si pero non houbo maneira, ata que Cartía pensou en esparexer auga do mar na súa cara, o que provocou que a rapaza espertase de súpeto berrando de abondo. Tentaron acougala, aínda que non lle dixeron o que escoitaran dos seus beizos. Camila non deixaba de mirar a Parmenia totalmente aterrada, non tiña ollos senón para ela, como se tódalas cousas que estaban ó seu redor non existisen, mirábaa e palpábaa unha e outra vez. Conseguiron leva-la ó pazo, mais no estado no que se atopaba non servía de axuda, así que a súa nai deitouna de contado e deulle un bebedizo para calmala. Ecautia velou o seu soño toda a noite.
A nova da desaparición de Heine alegrou a Willem no fondo do seu corazón, xa se vía gobernando ó seu xeito o reino do seu irmán enfermo, ó que non lle quedaba moito tempo de vida, pero non podía viaxar aló nestas circunstancias, aínda que só fora por garda-las aparencias tiña que ir na busca do seu sobriño; a pesar de que el sabía que non podería atopalo endexamais xa que escoitara acochado a conversa das rapazas co rei. Tampouco imaxinaba quen puidese se-la moza que Camila confundira con Parmenia e que desaparecera con Heine no fondo do mar. Mais, iso tanto lle deu.
Esa noite desencadeouse unha treboada como nunca se vira en Ythión; os habitantes do pazo, asustados, decidiron facer un sacrificio a Zeus pois sentían que o pai. dos deuses anoxárase cos habitantes da cidade. Choveu toda a noite, e ó día seguinte tamén, e as augas non deixaron de caer na terra durante unha semana: as árbores desarraigáronse, as colleitas malográronse, os ríos subiron tanto o seu nivel que moitas das aldeas e casas do redor da cidade foron sepultadas por aquela abraiante riada de lama, madeira e auga. Moitos animais pereceran afogados e moitos outros foron sacrificados no honor do pai dos deuses, aínda que todo foi inútil. Decote, Camila permanecera naquel estraño estado inconsciente e ó non poder comer nin beber íase consumindo pouco a pouco; case non tiña forzas, o seu corpo estaba a se resecar e a súa cor desaparecera das súas meixelas. Ecautia desfalecía, non deixara de coidala nin un intre en tódolos días e, a pesar da súa fortaleza, non puido evitar esa noite quedar fondamente durmida. Tarquía aparecéuselle:
-Ecautia, Ecautia, todos vós pereceredes pola culpa dun só, tódolos vosos sacrificios son infructuosos, todos morreredes de fame e enfermidade sen que logredes que Zeus vos perdoe; só un sacrificio humano aplacará a súa ira, e ten que ser voluntario, e ten que ser alguén tan querido por vosoutros como o era a miña irmá polo noso pai; só deste xeito conseguiredes que as augas tornen ó seu leito e que cese o sufrimento dos teus concidadáns. Era a miña irmá a que se namorou dese mortal que chamades Heine e non sabendo como abordarlle finxiu que se lle cravara unha espiña no pé para así chama-la  súa atención, e foi nese intre cando a moza Camila sorprendeullos e matounos. Ecautia, Ecautia queda moi pouco tempo -e dicindo isto a visión desapareceu.
¡Deuses do Olimpo! agora entendía todo o que estaba a suceder, desexou ir de contado na busca do seu pai para informarlle do que lle dixera Tarquía, mais unha forza invisible retíñaa no asento, unha néboa inundou a habitación e ante ela apareceron Heine e máis Aniope, que lle dixeron:
-Todo o dito por Tarquía é verdade, non sufras por nós pois Camíla non chegou a matarnos, aínda que agora non poidamos tornar á nosa antiga natureza, nin sequera a nosa forma é a que coñecías aínda que aparezamos ante ti deste xeito; nós perdoamos a Camila pero a furia de Zeus é moi difícil de aplacar e seica cómpre un sacrificio máis grande que o sinalado pola ninfa. Ecautia, non debes dicir a ninguén o que pasa, a un mal privado corresponde un sacrificio do mesmo tipo; sabemos que ti es xenerosa e valente, non temas morrer porque vivirás connosco por sempre. Sae da casa cando empece a alborexar sen dicir nada a ninguén, descalza e vestida cunha túnica azul, vai á praia onde ocorreu todo. Será só un momento e salvarás ós teus da morte. Esperámosche, Ecautia.
E tal como chegara a néboa desapareceu.
Ecautia quedou pensativa, non tanto polo que ía facer como polo que pensarían os seus pais e mailas súas irmás ó descubri-la súa desaparición; xa non puido concilia-lo sono no resto da noite. Cando chegou o momento vestiuse corno lle pediran e saíu a modiño; deixara de chover pero no ceo aínda podíanse ver espesas e negras nubes, mais naquel preciso momento o ambiente era tranquilo.
¿Cal seria a forma na que atoparía ós seus amigos? Non entendía moi ben o que se referiran e cando acadou o sitio indicado non puido ver a ninguén. De súpeto observou que as augas encomezaban a axitarse e ó pouco apareceron ante ela un xeito de peixes, en verdade grandes, que nadaron case ata a mesma ribeira; non tivo medo, pois a súa mirada era doce e invitaba a achegárselles, o que fixo a rapaza de contado. Tiñan que ser eles: ningún outro ser vivente víase en todo ó redor. Un daqueles peixes abriu a súa xigantesca boca e deixou escapar un suave murmurio, que a rapaza comprendeu integramente:
-Son Heine e esta é Aniope, agora somos salíquidas ou baleas, como nos chaman noutros lugares; as fillas de Poseidón curaron as nosas feridas e salvaron as nosas vidas, pero a costa de perdermos a nosa natureza humana en favor da actual. Ti serás, en canto nos acompañes, coma nós; os teus pais chorarán a túa perda e farán loito os habitantes de Ythión, mais Zeus quedará satisfeito e os teus serán salvados. Ven connosco. Non teñas medo,  espérache unha vida como non te imaxinas.
E Ecautia, sen pensalo dúas veces, camiñou cara a eles ata que os tres desapareceron no mar.
Cando no pazo se decataron da desaparición da menor das fillas do rei Epurión, non entenderon onde podía estar; así como este feito deixáraos abraiados, tamén quedaron pasmados pola rápida recuperación de Camila, á que xa crían moribunda.
Pasaron as horas e aínda que todos se moveran para iren na procura de Ecautia esta non aparecía de ningún xeito; durante días os habitantes do país non deixaron de buscala..
Un día ás irmás ocorréuselles achegarse á praia, non esperaban xa atopar a Ecautia pero desexaban lembrar todo o feito xuntas un milleiro de veces. Ían camiñando e recollendo cunchiñas, o mar estaba calmo, o ceo sen unha nube, era un día moi fermoso; pero elas non estaban alegres como adoitaban cando lles acompañaba Ecautia. Ó pasar un médano viron tres estraños e enormes peixes case na mesma ribeira, a poucos metros de onde encontraran a Heine. Achegáronse a modiño aínda que non parecían animais perigosos. Nada perturbaba o silencio daquela escena, tan só un doce son do que non coñecían a procedencia. Nada á vistas excepto aqueles enormes peixes que lles miraban como se as coñecesen; quizais aquel son proviñese deles, ata semellaban sorrir. Creron escoitar a voz da súa irmá que lles chamaba, unha voz estrañamente fonda pero sen dúbida era a súa voz a que dicía:
-Irmás, atendede, dicide ó no so pai que non estou morta,    que eu vivo, e que xa non debe temer por moito tempo á cólera de Zeus, pois eu sacrifiqueime por vosoutros.
Por máis que miraban ó seu redor non lograban distingui-1a figura esvelta e familiar de Ecautia; foi Parmenia a primeira en decatarse de que un daqueles peixes semellaba xesticular cos seus enormes beizos:
-Aínda que me vexas neste corpo xigantesco son eu, quen están preto de min son Heine e a ninfa Aniope. Retornar non é posible pero sempre estaremos convosco para protexervos da furia do pai dos deuses e os nosos descendentes protexerán ós vosos, e desta maneira ata que o mundo desapareza.. Agora pertencemos ó pobo das salíquídas ou peixes humanos sempre estaremos a velar por vosoutros pero debedes cambiar; cómpre ser bos coas criaturas dos bosques, cos mares e mailos ríos, cos animais do mar e cos que voan, cos pequenos e cos grandes; e, por suposto, co resto da humanidade porque, aínda que nosoutras poidamos sacrificarnos morrendo varadas nas praias da terra para así aplaca-la cólera de Zeus cando as vosas accións non lle parezan axeitadas, pode chega-1o momento no que o sacrificio de tódalas salíquidas non abonde para calma-lo seu anoxo.
Falade disto con toda a xente de Ythión, e non vos esquezades dos vosos amigos Heine, Aniope e Ecautia. Adeus, irmás.
E dicindo estas palabras as tres salíquidas desapareceron no mar.

A idade dourada non tornará a non ser que os deuses o permitan; espartanos, decatádevos do aviso das salíquidas, non o esquezades, e actuade dun xeito bondadoso con tódalas criaturas, pois se a maldade do home chega moi lonxe nin tan sequera o sacrificio de tódalas salíquidas da terra poderá salvarnos dunha destrucción segura.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Podedes deixar aqui os vosos comentarios, ideas e suxerencias.
Podéis dejar aquí vuestros comentarios, ideas o sugerencias.
Spazio per scrivere le vostre osservazioni e idee.