martes, 24 de marzo de 2020

Xacinto

-Non sei como llo vou dicir- dixo Ramón mentres paseaba nervioso arriba e abaixo polo seu despacho.
- ¿Onde estará agora?
-Na súa clase de violín- replicou Claudia, entre choromicadas.
-Se cadra, non tardará en chegar.
-Aínda ten que ir ó ximnasio- apuntou Claudia, retorcendo o pano de man e soándose de seguido.- É un rapaz moi inquedo. Sempre foi deste xeito.
-Sí, mesmo cando era un raparigo de días non paraba- lembrou de súpeto o avogado.
-¡Deus santo!¡Se non marcharan a esa festa...!
-Fixérono, e xa está. Ademais, non podían faltar. Ían a darlle a Xosé unha boa sorpresa na empresa ese día. ¡E vaia sorpresa...! Tan mozo e xa socio de pleno dereito, cunha muller ben fermosa e boa que o quería dabondo, e un fillo, quizais, demasiado espelido e nervioso, pero no fondo un bo rapaz. E van e quedan atrancados no maldito paso a nivel, e morren arrollados polo tren. Nin puideron saír nin tiveron tempo de rompe-los cristais para tentalo; iso foi o que contou á policía unha veciña insomne que o viu todo.
    Non sei como o vai tomar Xacinto.
-Eu tampouco.
Xacinto, un rapaz de oito anos, tomou a cousa bastante ben: choromicou unha tempada e seguiu facendo a súa vida normal. Pero Xacinto, acostumado ós agarimos dos seus pais botábaos moito de menos. Era un neno espelido por demais, que, dende que aprendeu a ler, devoraba canta cousa se lle poñía por diante. E un día, lendo un artigo sobre os orfos e as adopcións, pensou dúas cousas:
Unha, que, á pesar do seu diñeiro, el era tamén un rapaz orfo;
Dous, se a xente maior podía adoptar a un neno ¿non podía face-lo mesmo un neno cunha persoa maior?
Xacinto pensaba adoptar uns pais para soluciona-la súa falta de agarimos. O tío Ramón queríao moito e tamén a tía Claudia, pero non eran o mesmo que ter uns pais ó redor de si.
Ó fin ó cabo eles ían durmir á súa casa, que quedaba preta da de Xacinto, e deixábano só co mordomo e mailas criadas. Eles tamén estaban a pensar na adopción de Xacinto.
O tío Ramón era o seu titor e tiña que buscar entre os parentes do rapaz alguén que quixese vivir con el. Xacinto por nada do mundo desexaba marchar da fermosa casa con fachada de madeira, pintada de branco, onde vivía, na Cidade Vella. O parente que o adoptase tería que ir a vivir alí. E todos tiñan a súa vida feita noutros lugares, e , aínda que Xacinto quedara con moitos cartos e era, polo xeral, un bo rapaz, ás veces tiña cousas un tanto raras que, se a xente non o coñecía, eran difíciles de aturar. E logo estaba que había que contar coa aquiescencia do rapaz, pois no testamento (sempre foron moi previsores) os pais deixaron dito que só podería ser adoptado se ó rapaz lle gustaba a persoa que desexaba facelo. Senón quedaría baixo a titoría do seu tío Ramón ata acada-la maioría de idade.
Xa tiña decidido que ía adoptar uns pais, agora tiña que falar co seu tío sobre isto; se cadra faría un pouco de teatro o vindeiro sábado cando virían ámbolos dous a cear e pasa-la noite con el. E tal como o pensou fíxoo.
Era unha cea das que a el lle encantaban, cunha morea de parvadas pequerrechas en pratos igual de pequerrechos, pero Xacinto puxo cara de non querer probar nada, de estar moi triste. Non tardou o seu tío en preguntarlle que pasaba.
-Boto de menos ter uns pais -díxolle.
-Entendo, pero aínda non atopei a ninguén que desexe quedar na casa entre tódolos teus parentes -respondeu el.
-¿E ten que ser necesariamente alguén que coñezamos?
-¿Non pensarás poñer un anuncio no periódico como quen busca un sofá? Hai que ter coidado coas persoas que elixes Xacinto.
-Non, por suposto que non, pero pode que os atope do mesmo xeito que se atopa a un amigo: no parque xogando, indo a praia, nunha conversa nun semáforo, xogando no recreo,...¡non sei, hai moitas formas de facer amigos!
-Isto é un pouco distinto, Xacinto, ¿non si, Ramón?-dixo tía Claudia, despois de mastigar coidadosamente un anaco de canapé de salmón.
-Eu penso do mesmo xeito- respondeu o seu tío.
-Xa me ocupo eu de atopar a alguén.
-Ben, Xacinto pero débesme prometer que deixarás que, sexan quen sexan os que elixas, deixes que investigue un pouco sobre eles; hai xente por aí moi mala e ti es novo de abondo como para darte de conta de que te están a enganar.
-Fareite caso, non o dubides.
E deste xeito encomezou a aventura de Xacinto na procura duns pais.
Aínda tiña clase e a cotío non tiña tempo para nada que non foran a súas clases na escola, e as outras actividades que tentaban completar a súa educación: tres días á semana ía a estudiar violín e os outros dous ía a un ximnasio, quedábanlle para descansar e face-lo que lle petase só os sábados e os domingos. O domingo amañeceu sen unha nube e cunha temperatura moi agradable; o tempo estaba a comportarse como se esperaba del a mediados do mes de xuño, e non como soia facelo nesta fermosa pero caótica cidade para as cousas da metereoloxía; así que foron os tres a pasear polo porto, a Xacinto gustábanlle moito os barcos e quería saber se chegara algún que puidese visitar. Cando ían pola dársena, chegando o paseo do Parrote, veu unha parella, se cadra un matrimonio, que paseaba cun cadeliño. Semellaban moi agradables, a Xacinto gustáronlle dende o primeiro momento, e díxollo ó seu tío Ramón. A el tampouco lle parecían mal, o luns comezaría a investigalos e xa lle diría en canto puidese o resultado das súas pescudas.
Esa semana Xacinto rematou coas clases, era un bo estudiante así que ía pasar unhas vacacións de verán moi boas; o violín e mailo ximnasio eran as únicas obrigas coas que tiña que continuar , o resto do tempo podía facer o que lle petase. Realmente estaba emocionado coa posibilidade de atopar uns novos pais que lle desen agarimos e cos que falar das súas inquedanzas, os señores do cadeliño parecían moi agradables, el sempre quixo ter un can na casa pero a súa nai era alérxica a eles e non puido ser. Se cadra agora podería telo aínda que a el gustábanlle máis grandes, un pastor alemán ou un grande danés; quizais un palleirán de bo corazón e aspecto simpático tamén fose un bo compañeiro. O xoves o tío Ramón xa tiña toda a información relativas a parella do can:
-Sinto o que che vou dicir, Xacinto, pero non podes adoptalos.
-¿Non lles gusta a idea?¿teñen fillos e non queren a un orfo aínda que teña diñeiro de abondo?
-Non é iso, a idea gustoulles moito pero o seu traballo impide que podan estar a vivir nesta casa; polo menos do xeito que ti queres. Como é unha historia bastante incrible inviteinos o sábado a que viñesen a xantar e que sexan eles mesmos quen te conten o que pasa.
-¿E non podes dicirme nada agora?
-Prefiro que sexan eles quen o fagan.
O sábado Xacinto aviouse o mellor que soubo, quería causar unha boa impresión nos seus invitados, se cadra cando o visen cambiasen de opinión. O tío Ramón e a tía Claudia chegaron con eles pouco antes das dous do mediodía: chamábanse Xosé e Helena, tiñan ámbolos dous preto de corenta anos e un xeito de falar moi musical e meloso. Xacinto quedou realmente encantado coa primeira impresión recibida.
Xacinto era un rapaz moi espelido, mesmo para a súa idade; acostumado a falar con  enteira liberdade sobre os temas máis difíciles ou, dende o punto de vista dos adultos, comprometidos, foi el quen presentou o tema a Xosé e Helena.
-Xa lles contaría o meu tío a miña idea de adoptar uns pais; díxome que non podía ser e a min gustaríame saber por qué. Se cadra, agora que me viron pode que cambiasen de opinión.
-Xacinto -dixo Helena -es un rapaz moi bo pero o que queres non pode ser.
-Xa nos gustaría, non penses que non nos gustas; e puxémonos moi ledos cando o teu tío Ramón díxonos que nos escolleras por pais, pero o caso é que o noso traballo é incompatible coa vida nesta casa -interveu Xosé.
-Case nunca estamos na nosa casa e non poderíamos atenderte como ti queres e como nosoutros desexaríamos facelo.
-Se cadra poderían vir a durmir e darme agarimos antes de durmir e contarme un conto -dixo Xacinto empezando a entristecer, pois vía que non ía a conseguir nada.
-Tampouco podemos, nin sequera poderíamos verte os domingos, é cando máis traballamos. Temos un contrato en exclusiva e non pode ser. Como sabiamos que ía ser difícil convencerte trouxemos o papel onde o explica todo. Ten paciencia que non tardaremos en lelo -dixo Helena mentres sacaba do seu bolso unha carteira e collendo un papel coas cores de Coruña empezou a ler:
Pola presente, o concello da Coruña, contrata a:
-don Xosé Froitoso, de corenta e dous anos de idade, casado e sen fillos
-dona Helena Souto, de corenta anos de idade, casada co anterior
-o can chamado “Toby”, de raza yorkshire anano
para que paseen polas rúas abaixo especificadas tódolos días do ano, mesmo domingos e festivos sen excepción, non pudendo coller outro traballo, nin a tempo parcial, ni vivir noutro sitio que o enderezo que teñen os susoditos na praza de María Pita. En troques, o concello da Coruña comprométese a pagar a don Xosé e a dona Helena un soldo equivalente a catro veces o salario mínimo interprofesional, a cada un, e a pagar o aluguer da casa así como tódolos gastos de veterinario que sexan necesarios para o mantemento da boa saúde do seu can.
As rúas por onde ten a obriga de seren vistos son as que se sinalan a continuación:
-Avenida da Marina
-Praza de María Pita
-Cantón Grande e Cantón Pequeno
-Xardíns de Méndez Núñez
-Dársena da Marina
-Xardín de San Carlos
-Castelo de San Antón
-Dique de Abrigo
-Rúas dos viños (Éstrella, Olmos, Galera, Franxa)
-Así como a totalidade da Cidade Vella.
Estando totalmente prohibido camiñar fóra dos límites destas rúas non sendo por motivos xustificados e sempre co consentimento das autoridades do concello da Coruña.
Firmado
Don Xosé Froitoso               O Alcalde da Cidade

Dona Helena Souto            O Concelleiro de   Parques e    
                                             Xardíns
                                                       
                                           O Concelleiro de Traballo   


-Os demais papeis son as fotocopias dos nosos carnés de identidade e os contratos que confirman que estamos postos polo concello para pasear por esas rúas e máis nada.-dixo Xosé.
-Así que, xa ves, o meu rei –continuo falando Helena mentres lle daba aloumiños a Xacinto na faciana- non podemos de ningún xeito; gustaríame moito se-la túa nai, es un rapaz moi bo pero non pode ser. Sinto. Pero podes vernos cando che pete. Xa sabes onde atoparnos.
-Temos que marchar -dixo o marido mentres miraba o seu reloxo- xa non podemos quedar máis.
Xacinto non tivo máis remedio que afacerse a idea. Polo menos podería xogar co cadeliño cando os vise de cando en vez; iso si que estaba permitido. Tamén podería falar con eles cando lle petase, pero sempre nesas rúas onde eles traballaban. Tería que seguir buscando. Non lle importaba moito o tempo que levase atopar uns pais axeitados, optimista como era pensaba que non lle ía resultar difícil conseguilo.
A derradeira semana do mes foi coa súa tía de compras cara ó verán, tiña que mercar roupa nova para ir á praia, crecera de máis dende as pasadas vacacións estivais e xa non lle servía nada do ano anterior.  Non lle apetecía moito a leria esa de ir de tenda en tenda probando todo tipo de cousas, poñendo e sacando roupa toda a mañá para de novo volver a primeira tenda e mercar o que a el xa lle gustara dende o principio, pero non podía facer nada ante a teima de Claudia, que sempre tentaba busca-los mellores prezos nas cousas que compraba para Xacinto, aínda que o diñeiro non resultase un  problema para este. De tódolos xeitos, esta vez foi un pouco máis divertido que noutras ocasións. Nunha das tendas había unha parella con seis raparigos que non deixaban de dar voltas xogando as agochadas entre os probadores e os colgadoiros de roupa que ateigaban o comercio. O que máis lle sorprendeu a Xacinto é ver que, aínda que os país tiñan o cabelo negro, ela, e  louro el, os fillos tiña cadanseu cor, abarcando tódolos matices dende o negro ata o louro case branco. ¿Non sería fantástico poder afacerse, non só cuns pais, senón tamén cunha morea de irmáns cos que poder xogar? O que non sabía era se ós seus tíos lles gustaría a idea tanto como a el. De calquera xeito, non puido nin achegarse a eles, xa non digamos falar, se cadra volvería a atopalos noutra ocasión, Coruña non é unha cidade tan grande.
Claudia pasou unha semana moi atarefada: a comezos do mes de Xullo sempre tiña que arranxar unha morea de cousas. Que Xacinto recordase sempre fora así, mesmo cando vivían os seus pais, era a súa tía a encargada de organiza-las vacacións, de prepara-lo pazo que tiña a familia preto de Coruña para pasa-lo verán e mailos fins de semana do resto do ano, agás cando Xacinto estaba tan ocupado cos exames que era contraproducente andar de aquí para aló todo o tempo. Gustáballe moito o pazo, co seu enorme xardín, onde un labirinto de matos servía a Xacinto de estímulo para deixar ceibe a súa imaxinación e vivir, segundo el, as máis incribles aventuras na procura da súa princesa prisioneira polo dragón. Unha princesa que hai moito tempo imaxinara morena, de pelo escuro coma a noite e ollos verdes como o mar. Nunca logrou imaxina-la súa princesa prisioneira co pelo louro, que era o normal na princesas dos contos de fadas, e non sabía a razón desa teima súa porque fose de pelo negro.
Outra cousa que lle gustaba do pazo era a súa torre, onde o pai establecera a súa biblioteca e no último andar un observatorio para mira-las estrelas as noites claras de verán, que en verdade as veces non eran moitas. ¡Cantas veces percorrera as habitacións e mailos corredoiros dos seus tres pisos na procura dun pasadizo ou dunha habitación agochada dende séculos! A pesares de que o seu pais lle explicara un milleiro de veces que non había tal cousa, el nunca perdera a esperanza de atopar nalgures o que imaxinaba un cubículo marabilloso onde ocorreran dende hai moito unha morea de cousas. Tamén pensara que, nun pazo como aquel, tan antigo e grande, tiña que habitar algún tipo de pantasma, se cadra coa forma dalgún dos seus antepasados, os que tan ben coñecía polos moitos cadros que colgaban das paredes da fermosa escaleira que comunicaba os andares do edificio.
Cando estaba na súa habitación do pazo, un espazo enorme onde mesmo tiña unha pista para practica-la esgrima co seu tío, antes de durmir tentaba recoñecer, entre os moitos ruídos que unha casa tan vella produce pola noite, algún que lle dese a entender que habitaba un pantasma entre as súas paredes. Pechaba os ollos, tentando concentrarse só nos sons que chegaban ata el pero sempre caía coma unha pedra antes de poder escoitar nada.
A mediados do mes trasladáronse ó pazo; estarían alí dúas semanas. Durante ese tempo Xacinto vivía nunha liberdade como no coñecía o resto do ano; o seu tío estaba a aprenderlle esgrima, cando comezase outubro comezaría as clases de florete en serio, xa nun sitio axeitado e con outros raparigos coma el. Ó principio non lle gustaba moito pero agora estaba desexando poñerse o traxe e coller aquela pequena arma e pasalo o mellor posible con ela. ¡Se tivese un irmán co que poder divertirse!
Chegaron ó pazo un venres pola tarde, case non puido durmir da emoción, desexaba que ó día seguinte fixese un sol espléndido para poderse bañar na praia. A situación do pazo era inmellorable, no alto dun cantil posuía unha escaleira labrada en pedra que discorría entre as rochas que chegaban ata mesmo a area. Xacinto podía saír en traxe de baño dende a casa directamente a ela. Cando o tempo non era moi bo utilizaba a piscina cuberta que había na parte de atrás da edificación pero a el o que lle encantaba era xogar coa area, subir por las rochas e salta-las ondas, tamén facer castelos de area e túneles, e xogar coa pelota. Algúns veráns aparecían os seus curmáns, e entón pasábao en grande, pero outras estaba só cos seus tíos e mailo profesor de violín. De cando en vez trababa amizade con algún raparigo da súa idade ó quen non volvía a ver ata pasados uns días e ás veces non volvía nunca. Entón entristecía e quedaba algún tempo sen falar e sen ganas de facer nada. Non lle custaba coñecer xente , o que lle amolaba era non volver velos.
Así que o primeiro pensamento que tivo cando observou a aquela familia foi que lle gustaría xogar cos rapaces pero de contado recuou pois non podía aturar que non volvesen aparecer ó día seguinte. Pero volveron aparecer un día tras outro: todos louros, tanto que o cabelo semellaba branco. Os rapaces eran xemelgos, tiñan moita vitalidade e xogaban sen parar cunha estraña pelota vermella que lanzaban e collían cunha especie de pau que tiña no seu estremo unha ventosa. Ó terceiro día de observalos dende debaixo da sombrilla onde estaba a ler un libro, decidiu achegarse ata eles. Facían un divertido contraste: os xemelgos, louros demais coa pel tostada polo sol e uns brillantes ollos azuis, Xacinto, aínda un pouco esbrancuxado, co cabelo rubio e mailos ollos verdes como o mar. Xeralmente non lle daba tantas voltas ás cousas pero o pouco éxito das súas xestións para atopar uns pais adoptivos fixera que tomase as cousas a modo. Achegouse onde estaban xogando os rapaces e quedou fitando un intre. Logo faloullos:
-¡Ola! Chámome Xacinto. ¿Como vos chamades?
Os rapaces pararon e miraron ós seus pais que estaban falando preto deles sentados nas toallas. Ámbolos dous fixeron un xesto de asentimento e entón os rapaces foron cara a el:
-Eu son Brais –dixo o raparigo da esquerda.
-Eu son Xan –dixo o outro.
-¿Podo xogar con vos?
-¡Claro! –dixeron, á vez, eles.
Foron a por outro aparello e ó cabo duns minutos Xacinto xa estaba brincando e guindándose á area cos xemelgos.
Tódolos días víanse na praia e de cada vez Brais e Xan levaban un xoguete novo. Xacinto estaba poñéndose moi moreno. Os seus tíos e mailos pais dos seus novos amigos fixeran tamén amizade e mentres os rapaces ían e viñan pola praia adiante xogando, percorrendo o areal e rubindo polas rochas, os maiores falaban e vixiaban que non mancasen.
As dúas semanas de vacacións pasaron voando. Ó cabo de dous días tiñan que volver a Coruña. Esa noite, mentres ceaban, Xacinto díxolles ós seus tíos o que estaba a argallar:
-Tía Claudia. ¿Que che parecería que os pais de Brais e Xan me adoptasen? Deste xeito faríame tamén cuns irmáns. Sempre botei en falta un irmán co que xogar.
-Xacinto, as cousas non son tan doadas –respondeu ela.
-¿Por que? Semella que Iago e Carmiña son boa xente –replicou Xacinto referíndose ós pais dos xemelgos.
-Son. Ninguén o dubida –interveu o tío Ramón -, pero eles non poden adoptarte, por máis que lles gustes.
-¿Por que? –volveu insistir Xacinto, xa a piques de chorar, pois collera moito cariño ós xemelgos.
-Ben. A ver como cho explico. Ti sabes que os teus pais non ían á misa, pero os teus avós si o fan. Porque os teus pais non eran católicos e os teus avós si.
-Seino.
-E tamén ves estudando na escola que hai moita xente neste mundo que ten crenzas distintas ás dous teus pais e avós –seguiu explicando.
-Seino. Pero ¿iso que ten que ver co que me adopten? O importante é que sexan boa xente, ¿non si?
-Así é. E aínda que non sería un problema se eles fosen soamente dunha relixión distinta como a protestante ou o islam ou calquera outra das grandes relixións. Pero o caso é... –dixo o tío Ramón lanzando unha rápida mirada á súa muller -, o caso é que a súa relixión non lles permite adoptarte.
-¿E como é iso?
-As relixións, polo xeral, están cheas de normas, preceptos e regras que tes que seguir para que a comunidade relixiosa na que esteas che considere un membro dela. Ás veces, quen non seguen as normas son botados fóra. Outras veces, seguilas ó pé da letra non é tan importante. Pero sempre hai unhas regras mínimas que tes que respectar para considerarte membro dunha relixión concreta.
-Eu estou disposto a pertencer a calquera relixión e cumprir tódalas regras que falla falta –respondeu o pobre rapaz entre choros e chimpos.
-Xa o sabemos, meu rei –dixo a tía Claudia mentres lle facía aloumiños na cabeza  tentando consolalo.
-E iso non sería un problema non sendo polo teu aspecto –respondeu o tío Claudio.
-¿Polo meu aspecto? –repetiu Xacinto abraiado, pois considerábase un rapaz normal e sen ningún defecto físico.
-Si. É un pouco estraño o que che imos dicir, pero eles son membros dunha comunidade relixiosa que só lles permite ter fillos louros.
-E eu son rubio. Entendo. Pero semella unha norma moi parva –dixo Xacinto un pouco máis acougado.
-Pode que para nós o sexa pero non para eles. E temos que respectar sempre, por moi incomprensibles que nos parezan, as distintas formas de pensar que hai neste mundo. O importante, nas relacións entre as persoas, é o respecto á liberdade do outro. Sempre que non interfiran na túa liberdade, o que os demais pensen é cousa deles. ¿Entendes o que che estou a dicir e por que non podes ser adoptado por eles?
-Entendo. Seguirei buscando. –respondeu Xacinto secando ás bagoas e respirando fondamente para calmarse.
-Paréceme ben, Xacinto. Ten paciencia. Xa verás como atopamos uns pais axeitados.
-Iso espero.
O mes de xullo transcorreu con normalidade e sen sorpresas. Xacinto ía á praia de Riazor e ás veces á do Orzán case tódolos días pola mañá, case todo o tempo estaba na auga mergullándose, xogando coas ondas, o que a súa tía desacougábaa un anaco e neses intres estaba más pendente do que facía o rapaz que doutra cousa, facendo novos amigos ou atopándose cos que fixera o verán anterior. Paseaba pola praia co seu tío, ó que non paraba de facer preguntas sobre calquera cousa que lle abraiase ou non entendese totalmente, e tamén rubía polas rochas na procura de non se sabe que, sempre baixo a atenta mirada de Ramón. De tanto en tanto os tres xogaban a lanza-lo disco vermello que os pais do pequeno lle regalaran o verán anterior. Neses instantes mesmo tía Claudia gozaba coma unha rapariga, aínda que a súa axilidade non era moita pero a muller poñía moito interese en facelo o mellor posible e non mancarse demasiado. Xacinto case esquecía a súa teima de procurarse uns pais cando estaba cos seus parentes. Queríaos moito e mesmo pasárase pola cabeza que quizabes eles poderían adoptalo, pero había algo, non sabía o que, que lle impedía falar con claridade sobre isto con eles. Quizabes o medo a ser rexeitado por unhas persoas as que tanto apreciaba.
Polas tardes paseaban polos xardíns do centro da cidade, ou visitaban o Castelo de San Antón, que Xacinto xa vira un milleiro de veces pero que nunca se cansaba de percorrer, aínda que sempre estivese cheo de turistas cuns vestidos e traxes espantosos e de nenos que non sentían ningún respecto polas vellas pedras que Xacinto tanto quería. Tamén paseaban ata o Dique de Abrigo e Xacinto, aventureiro como era, sempre desexaba percorrelo pola parte de arriba, onde o vento sopraba con forza e corríase o perigo de caer ou de mancarte coas pedras que daban ó mar aberto. A tía Claudia non estaba moi conforme con isto e mentres Ramón e máis Xacinto ían polo ancho camiño do dique falando ela seguíaos pola parte de abaixo sen perder de vista ó pequeno e ó seu home, inqueda polo que puideses suceder. Chegaban ata a rotonda e o primeiro en baixar era o seu tío Ramón, logo Xacinto, e isto á súa tía non lle gustaba ren, saltaba os brazos do seu tío que o collía practicamente no aire para ledicia do neno.
Logo, se cadra e se aínda tiñan tempo de sobra ata que Xacinto fose á clase de violín, camiñaban a modo ata os vellos canóns que defenderan a cidade noutros tempos e Xacinto sentaba enriba deles e imaxinaba que era un habitante da vella Coruña defendéndoa dos piratas que albiscaba a poucos metros da ribeira. Imaxinaba a estes seres como calquera neno, coas súas roupas farrapentas, cheas de lixo, berrando e con enormes espadas nas mans, descalzos, pero o que diferenciaba os piratas de Xacinto dos que podían argallar outros nenos da súa idade era que os del estaban mandados por unha fermosa muller de pelo negro e ollos verdes. Xa fosen fadas ou piratas Xacinto sempre as imaxinaba dese xeito.
De luns a venres facían sempre o mesmo, pero Xacinto non aburría porque fose deste xeito, ó contrario para el resultaba una ledicia pasear cos seus tíos tódolos días, a súa fértil imaxinación facía que cada día fose distinto do anterior aínda que fixera as mesmas cousas e percorrese os mesmos sitios. Os sábados e domingos do mes de Xullo ían ás distintas festas que había nos arredores de Coruña e mesmo ás veces máis lonxe: as festas de Sada, as de Betanzos, as do Carballiño, as de Chantada, o desembarco viquingo, a festa do polbo, ... as que fosen; os fins de semana ían de troula onde cadrase. Collían o camión caravana e percorrían toda Galicia de romaría en romaría. Xacinto imaxinaba que eran como aqueles vellos aventureiros do Oeste que ían na procura dun sitio onde vivir ou do ouro de California, e imaxinaba que a Garda Civil eran indios que desexaban atacalos; imaxinaba que o secuestraban e tiña que vivir como un indio durante anos e que aprendían unha morea de costumes e de cousas deles, e que cando xa era un mozo forte matara o seu primeiro oso e que a tribo facía unha festa rachada para celebra-lo acontecemento. E logo co tempo nomeábano xefe da tribo e loitaba co Sétimo de Cabalería e vencíaos.
El sabía que iso non podería ocorrer, nin agora nin cando foi o seu tempo, pero a Xacinto gustáballe cambia-la historia e gozaba con estes pequenos xogos intelectuais. El sempre facía que os vencidos resultasen vencedores na súa imaxinación, sobre todo se el consideraba que os vencidos eran tan boa xente que non merecían ter perdida a batalla. E así el conseguiu, na súa mente, que os indios ganasen a guerra e que Abraham Lincoln pertencese á tribo dos Cherokees, que os xudíos expulsasen ós Reis Católicos, que os Cabaleiros Templarios aínda existisen, que os cátaros desbancasen ó culto católico en España e que Galicia seguise as ensinanzas de Prisciliano. E todo isto escribíao nuns cadernos que tiña agochados e que só coñecían os seus tíos, que consideraban todo isto un divertimento do seu espelido e imaxinativo sobriño. A ninguén máis mostrara estes cadernos.
Ó chegar o mes de agosto o tempo trocou. Polas mañás aínda se podía ir á praia pero os tardes eran frescas de máis para pasear polo dique; de cando en vez achegábanse ata o Parque de Santa Margarida. Ramón contáralle que cando el era un raparigo coma Xacinto o parque só era un anaco de monte que quedara illado no medio da cidade; había un cámping e tódolos veráns os feirantes traían as súas atraccións, a el o que máis lle gustaba eran os cabaliños de cartón, cando montaba nun deles imaxinaba que era un daqueles vaqueiros que acompañaban ó Virxiniano[1] nas súas travesías polo Oeste. Gustáballe tanto aquela serie que cando sentaba no sofá da sala da súa casa a vela poñía as pistolas e mailo sombreiro vaqueiro e quedaba apampado durante pouco máis dunha hora coas aventuras do Virxiniano, do que nunca se soubo o seu verdadeiro nome, e mailos seus amigos: Trampas, o xuíz, o bo do sherif, etc. A Xacinto gustáballe moito escoitar as historias do seu tío de cando tiña oito anos.
Non había camiños para subir ó monte, había sendas como as que Xacinto coñecía cando percorría cos seus tíos as carballeiras e piñeiros dos arredores do pazo, e tiñan, ás veces, que facer grandes esforzos para chegar arriba cando escollían a pequena senda que había preto de onde agora está a catarata. Era moi divertido. Alí só había árbores, matos e herba, e de cando en vez un claro onde podía xogar ó fútbol utilizando ás arbores como portería. Tampouco había nin bancos, nin lugar de xogos para os nenos. Era só un anaco de monte que quedara aí, non se sabe porque razón, sen que a ninguén se lle ocorrese facer casas. Algunhas das casas que agora bordean o parque xa existían daquela, vestixios das casas de campo ou de labregos de ó principios do século vinte, a cidade da Coruña aínda era tan pequena que só estaba habitada á parte máis próxima ó mar. O resto era campo e monte.
Ó rapaz gustábanlle moito estas historias e neses instantes imaxinaba que el xogaba co seu tío cando era rapaz e percorría todos eses sitios que o seu tío describía tan ben.
E foi nese parque onde Xacinto volveu ó seu pensamento de adoptar uns pais. Foi unha tarde en que tiñan que facer unha visita á súa avoa materna, que vivía preto do parque. Aproveitando ó bo tempo foron cedo a Santa Margarida para que Xacinto tivese tempo de xogar antes de encirrarse na casa de Charito, que o enchería de lambetadas e agarimos. Foron ata a área de xogos que había preto dun quiosco de bebidas e da Casa das Ciencias, un lugar que a Xacinto lle gustaba tamén moito. Foron tan cedo que non había ningún neno axeitado para xogar con Xacinto, só unha nai co seu bebé de días tomando o sol. Isto non era un problema para Xacinto que estivo a subir e baixar por tódolos aparellos que había na área de xogos. Ó pouco, semellante a unha horda de bárbaros, chegaron media ducia de rapaces, ós que Xacinto recoñeceu de contando: eran os que atopara na tenda a vez que fora coa súa tía Claudia a mercar roupa antes de ir ó pazo. Seguían igual de revoldeiros que cando os viu pero máis morenos. Xacinto pensara que marcharan pero aí estaban cos seus pais, igual de morenos cós fillos. O máis pequeno debía ter tres ou catro anos e o maior, unha rapaza, debía andar polos once ou doce, se cadra tiña algún máis. Xacinto, que estaba nese intre a piques de sentar enriba do tobogán, foi empurrado de súpeto por un deles e caeu de cabeza no aparello, por sorte o pai deles estaba o final do tobogán e colleu a Xacinto antes de que o rapaz dese cos seus fociños no chan.
-Sinto –dixo sorrinte - Xan éche un pouco despistado e non se decatou que estabas ti. ¿Fíxoche dano? ¡Xan, vai a modo!
-Non, non pasou nada. Os xeonllos un pouco magoados pero non é nada –contestou Xacinto tamén cun sorriso e abraiado polo pai dos rapaces. Gustáballe moito, decidiu, en canto puidese preguntaríalles se desexaban adoptalo. Un fillo máis non pensaba que lles importase e na casa, grande de abondo, poderían vivir todos con comodidade. De calquera xeito, Xacinto tentou non deixar voa-la súa imaxinación, xa levara dous desenganos e non desexaba facerse ilusións de máis.
Un a un foron baixando polo tobogán tódolos rapaces e rapazas e rodeando a Xacinto segundo ían achegando. Chamábanse, por orde de idade e estatura, dende o máis pequeno, o que empurrou sen querer a Xacinto, ata a máis grande: Xan, Carmiña, Xosé, María, Antonio e Pilar. O pai chamábase Antonio e a nai, que estaba a mercar uns xeados para todos no quiosco, María.
Non tardou en chegar a nai, a cal presentaron a Xacinto. Era curioso observa-los nenos, cada un deles tiña unha cor distinta de cabelo e Xacinto, coa súa cor rubia, case se podía dicir que estaba a completa-la gama de cores. Os rapaces eran moi simpáticos e bullangueiros, os pais e mailos tíos de Xacinto quedaron nun banco falando, como soen facer as persoas maiores, mentres eles rubían por tódolos sitios e enchíanse de lixo ata as orellas, que é o que soen face-los rapaces cando xogan, aínda que haxa algúns pais que non se decatan de que a sucidade nos xogos ó aire libre é inevitable. Isto era o que estaba a pensar Xacinto mentres observaba a unha rapariga que os miraba dun xeito triste, pois vestida cun traxe branco e uns zapatos de charol tiña que conformarse con estar sentada no banco vestindo á súa boneca ó carón da súa nai que lía unha desas revistas nas que sae a xente contando as parvadas que lles ocorren nas súas vidas, como se leva-lo seu fillo ó colexio fose unha fazaña que só poden levar a cabo certos elixidos.
Estiveron case dúas horas xogando nos aparellos tódolos rapaces xuntos. Xacinto estaba encantado.
-¿Viredes mañá? –preguntou Xacinto, esperanzado.
-Facémolo tódolos días –respondeu Pilar, a maior.
-¿Sodes de aquí, de Coruña ou estades de vacacións?
-Iso depende como o mires. Eu si que nacín nesta cidade hai tempo pero o resto dos meus irmáns naceron nunha cidade distinta. Os nosos pais son de Madrid, pero Xan naceu en Sevilla, Antonio en Salamanca, María en Santander, Xosé en Melilla e Carmiña en Lugo.
-¿E logo?
-Éche un pouco longo de explicar, xa cho contarei mañá; temos que marchar, os nosos pais chaman por nos. Deica mañá.
-Deica mañán –respondeu Xacinto.
Xacinto foi cara ós seus tíos que nese momento estaban a despedirse dos pais dos seus novos amigos, se cadra dos seus futuros irmáns. Tiña unhas ganas tremendas de falar con eles pero non podería facelo ata a hora da cea, agora había que ir á casa da avoa Charito, como gustaba que a chamasen.
A avoa Charito tiña un carácter moi particular, como a meirande parte da familia de Xacinto. Nunca lle botara en cara ir sucio á súa casa se era por mor de estar a xogar cos seus amigos no parque, entendía que os raparigos tiñan que poñerse perdidos de terra e demais cando xogaban, ela dicía que lembraba moi ben a súa infancia e o ben que o pasaba na Praza de Vigo cando era un sitio cheo de agochos para xogar e mesmo con palmeiras.  Pero, claro, ninguén ía sentarse á súa mesa a merendar estando cheo de lixo, así que Xacinto tiña un pequeno armario onde a súa avoa gardáballe algunha roupa para que se puidese duchar e cambiar despois de andares guindándose polo chan en calquera dos parques que tiña a cidade.
Xacinto xa era grandiño para ducharse só, aínda que baixo a atenta mirada da súa tía que o axudaba a lava-lo cabelo, as orellas e mailas costas. Logo, secábao e deixábao na habitación para que se vestise mentres ela ía axudar á avoa a preparar a merenda. A Xacinto gustáballe moito ir de visita a esta casa xa que a súa avoa preparáballe moi ben as lambetadas que máis lle prestaban: torradas, filloas, flores, rosquiñas, as veces unha torta de chocolate, batidos de froitas, amorodos con nata, marmeladas, empanada de mazá. Sempre abraiaba ó rapaz o bo xeito que se daba a boa muller escollendo e preparando tódalas aquelas cousas.
Esa tarde non foi unha excepción. Cando saíu da habitación, todo limpiño, chegou ata el o agradable aroma da crema pasteleira. Só con isto a Xacinto xa empezaron a soarlle as tripas. ¡Que fame tiña! Camiñou con presa polo longo corredoiro do piso ata chegar á cociña. Ámbalas dúas mulleres, tía e máis avoa, estaban ocupadas enchendo coa crema pasteleira uns cilindros feitos de masa follada. E o seu tío estaba a preparar un espeso e negro chocolate. Xacinto foi correndo cara a Charito que, cousa case imposible nunha muller da súa idade non sendo ela, colleuno ó voo e ergueuno por enriba da súa cabeza enchéndoo de bicos a continuación.
-¡Benvido, meu rei! ¿Como estás a pasar ás vacacións? –díxolle a súa avoa mentres o deixaba no chan.
-Ben, avoa –respondeu Xacinto.
-Nada de avoa, chámame Charito, ou Charo, mesmo Rosario pero nada de avoa, que non che non son tan vella –dixo a muller, facendo un aceno como se lle estivese rifando ó tempo que sorría.
-Vale, Charo, esquecino.
-Iso está moito mellor –respondeu Charito-. Agora conta como levas as túas pescudas na procura duns novos pais.
-¿Contároncho? ¿Non estás anoxada? –preguntou Xacinto abraiado pois sabía canto quixera Charito á súa filla, é dicir a nai de Xacinto.
-¿Por que ía estalo? Hai moito que os teus pais amosáronme o testamento e eu estaba conforme con el, eles coñecíante moi ben e confiaban totalmente en ti. E eu tamén, Xacinto. Sei ben que non esquecerás á túa nai e canto a quixestes; é lóxico que desexes ter uns novos pais que che queiran e coiden e cos que poidas falar a cotío e contarlles as túas inquedanzas.
-Isto xa está rematado –dixo a tía Claudia interrompendo a conversa ó tempo que puña o derradeiro cilindro nunha fermosa bandexa branca cunhas flores pintadas en todo o bordo.
-E isto tamén –dixo o tío Ramón poñendo sobre o branco mantel da mesa da cociña un grande anaco de madeira e enriba del unha xerra negra chea de quente e rico chocolate.
Sentaron todos ó redor da mesa e durante uns intres comeron os riquísimos cilindros e degustaron o chocolate en silencio. Logo, despois de engulir media ducia daqueles ricos doces, Xacinto pasou a contar á súa avoa todo o que lle pasara estes días: o seu intento por ser adoptado por unha parella moi simpática que tiñan un cadelo e tamén as súas xestións para seres adoptado por unha parella moza que tiña uns fillos xemelgos, os que coñeceu mentres estaba no pazo. Pero tampouco puido ser.
-Non che preocupes, Xacinto, xa atoparás a alguén. Pero tés que deixarte aconsellar por quen te queremos. –dixo Charito.
-Seino, xa llo dixen a Claudia e Ramón –na casa da súa avoa Xacinto chamaba ós seus tíos polo seu nome de pía, era un costume da boa muller que el sempre procuraba seguir cando estaba con ela, aínda que as veces a esquecese- . Heino facer.
-Moi ben, ¿e xa tés alguén máis na lista de posibles pais?
-Se cadra, pero aínda teño que pensalo un pouco máis –respondeu o rapaz.
Claudia e máis Ramón intercambiaron unha mirada de preocupación que non pasou desapercibida para a avoa, pero si para Xacinto que estaba a mirar a bandexa onde se atopaban os cilindros de crema e estaba a decidir se coller outro ou deixalo para dentro dun anaco. O final recuou e non colleu ningún.
Cando Xacinto levantou a vista da bandexa os seus tíos e maila súa avoa estaban a falar de celebra-lo aniversario de Charito na casa de Xacinto e de invitar a unha morea de xente, pois a avoa de Xacinto non deixara de celebra-lo seu aniversario endexamais e, ó contrario de moitas mulleres da súa xeración, non lle importaba dicir a súa verdadeira idade. Sacarse anos era unha das maiores parvadas que pode facer unha muller, total nótanse nas engurras aínda que leves unha morea de maquillaxe, dicía sempre Charito. Ademais quería desquitarse de non telo celebrado o ano anterior, por mor dun nocello mancado mentres practicaba esgrima uns días antes da festa rachada que tiña preparada, deporte no que levaba unha chea de anos, despois de ter practicado dende moi nova media ducia máis. Como se ve, a avoa de Xacinto non era unha avoa normal. Era, sempre o foi, unha muller moi independente coas ideas moi claras sobre o que podía e non podía facer e tamén sobre o que desexaba facer. Se lle entraban ganas de aprender ruso, seguro que o faría, tardaría máis o menos tempo, pero aprendería ruso, ou chinés ou o que se lle ocorrese. E se desexaba guindarse dende un avión en paracaídas, tamén o faría. Non había cousa que lle impedise levar a cabo ós seus desexos, era unha muller moi teimuda pero de bo corazón que non sería quen de facer dano a ninguén a mantenta. Vive e deixa vivir, dicía ela.
Aínda quedaban tres semanas por diante ata a data da festa pero os maiores xa estaban a falar de a quen invitarían e que ían preparar de comida e bebida para agasalla-los invitados. A casa ía encherse de xente, amigos dos seus tíos e máis da súa avoa, e tamén de parentes que Xacinto había moito que non vía.
-Tamén podes dicirllo ós teus amigos, Xacinto –dixo Charito.
-Pensareino –dixo o rapaz, ó que se lle ían os ollos detrás dos cilindros aínda que dubidaba se coller máis ou non pois non desexaba enfermar en pleno verán dunha indixestión que o tería apartado da praia e dos xogos ó menos unha semana, como a derradeira vez que se lle ocorreu meterse entre peito e lombo case a bolsa enteira de cereixas que mercara a tía Claudia para a merenda.
Pouco máis tempo estiveron na casa de Charito. Xa era tarde de máis e aínda tiñan que ir camiñando ata o outro extremo da cidade, así que despedíronse da avoa, quen lles preparou un paquete cos cilindros que sobraran da merenda e quedou en pasar pola súa casa, para seguir a falar da festa, o vindeiro sábado á hora do xantar.
O paseo ata a Cidade Vella resultou moi agradable pois non facía nin chisco de frío nin vento, polo camiño atoparon uns cantos coñecidos dos seus tíos, cos que estes paraban a falar un intre mentres a Xacinto ía entrándolle o sono despois dunha tarde tan axitada. Tan canso estaba cando chegaron que non quixo cear; a tía Claudia preparoulle un vaso de leite cunhas galletas, acompañouno á súa habitación, esperou a que estivese durmido e marchou, deixando a Xacinto ó cargo do mordomo, un irlandés o cal nome era Alfred, e maila ama de chaves, unha muller moi alegre, orixinaria de Exipto, unha pequena aldea preta de Boiro, que se chamaba Francisca, e tamén unha cociñeira que ían tódolos días, o cal nome era Ana. Pola mañá, cedo, como tódolos días dende que morreran os pais do pequeno, volverían os seus tíos.
Xacinto soñou, como non, que atopaba uns pais que o querían moito e cos que pasaba tódalas horas do día, que o acariñaban e que lle daban tódalas cousas que desexaba, por estrañas que parecesen. No seu soño Xacinto pediu a lúa e o pai deulla. Xacinto estaba moi contento coa aquela enorme lúa, aínda que el sempre pensou que era máis grande do que estaba a observar, pois cabíalle perfectamente na habitación dos xoguetes. A lúa era auténtica pois puido atopar as pegadas que, segundo o seu tío Ramón, deixara aquel astronauta, do que non lembraba o nome nunca a primeira, cando baixou do módulo lunar. Debía ser un home ben cativo pois, no soño, aquelas pegadas non eran maiores cas de Basilio, o seu osiño de xoguete preferido co que sempre durmía. Xacinto pensou que estaría ben camiñar pola lúa, sen sentir a gravidade, dando uns chimpos de case tres metros de altura. Sen pensalo moito Xacinto pisou a lúa e nese intre o rapaz encolleu ata un tamaño tan pequeno que puido cumpri-lo seu desexo de camiñar polo satélite e mesmo dar chimpos como pensara.
Na lúa que Xacinto estaba a soñar había unha morea de cousas que non podía ver cando a observaba dende a fiestra da bufarda da súa casa: ríos, bosques e vales, e unha morea de casas nas ladeiras das montañas e recunchos da paisaxe lunar. Tamén vivían animais, tan pacíficos e amigables que se achegaban a Xacinto sen medo a que lles fixese ningún mal e o rapaz estaba moi ledo por poder xogar e abrazar a seres tan estraños e afables. Non era abraiante que non descubrise antes a verdadeira natureza da lúa, todo alí era branco e só se estabas inmerso no ambiente podías distingui-los múltiples matices das cousas e diferencialas. Todo era tan pequeno e sorprendente. Xacinto púxose a camiñar por unha corredoira entre carballos tan fermosos como os que tiña no pazo, enteiramente brancos como todo o que existía nesa lúa, pero tan grandes e tan frondosos como os que o rapaz coñecía. De súpeto escoitou que alguén, dende a reviravolta que estaba a mirar tentando albiscar algún signo de vida, o estaban a chamar.
-¡Xacinto, Xacinto,...!
Nese momento espertou. A súa tía Claudia estaba ó seu carón cun vaso de zume de laranxa na man. O rapaz bebeuno con ganas e abrazou a súa tía.
-¡Bos días! –dixo pegándolle unha aperta.
-¡Bos días, Xacinto! –dixo ela dándolle un bico na fronte-. Veña, apura. Tes que almorzar e ducharte rápido, temos que marchar de contado.
-¿E logo? –dixo Xacinto destapándose e baixando da cama mentres poñía ás zapatillas que sempre tiña preparadas enriba da alfombra vermella que había ó carón da mesiña de noite.
-Os teus curmáns están aquí e espérante para ir á praia. Veña, bule –respondeu a tía Claudia.
Xacinto vestiuse e baixou correndo as escaleiras. Dende as vacacións de Semana Santa que non vía ós seus curmáns Pedro, Xesús e Xosé, tres raparigos de cinco, oito e dez anos, tan revoldeiros coma el, fillos dun irmán do seu pai, cos que se levaba moi ben. Ían pasar unhas semanas en Coruña, quedarían todos eles ata o aniversario da avoa de Xacinto e ó cabo de tres días marcharían outra vez para Monforte.O que máis lle gustaba a Xacinto das visitas dos seus curmáns era que quedaban na súa casa e por un intre imaxinaba que tiña uns irmáns cos que comparti-los seus xogos e trasnadas. Os rapaces rara vez pelexaban e cando o facían o enfado non duraba moito e case de seguido volvían a se amigar. Xacinto case cae polas escaleiras coas presas. Alí, ó pe dela, estaban os irmáns e mailos seus tíos, Xurxo e máis Luisa, todos eles preparados cos trebellos da praia. Xacinto colleu os seus e máis un traxe de baño do recuncho que había baixo da escaleira e foi con eles.
O tío Ramón e a tía Claudia quedaban na casa arranxando todo para a estancia dos seus parentes. Xacinto marchou de contado.
Estiveron toda a mañá correndo de aquí para alá na praia de Bastiagueiro e tamén se bañaron un anaco e xogaron coa pelota na auga baixo a atenta mirada de Xurxo e Luisa, os cales tamén lles gustaba moito o mar. De feito, ás veces ían a casa dunha curmá da nai dela que vivía na Pobra do Caramiñal, onde alugaban un iate e pasaban todo o día nel percorrendo a Costa da Morte.
Contra a unha do mediodía recolleron tódolos trebellos e volveron a Coruña, onde xa estaba preparada a mesa con xantar de abondo para o apetito de catro raparigos famentos polo exercicio preto do mar.
Logo do xantar os catro estiveron unha chea de tempo xogando no xardín ós exploradores, e correron moitas aventuras imaxinando que os piñeiros eran palmeiras, a herba area, e a carretilla onde o xardineiro recollía as follas das árbores, unha duna dende onde os bandidos do deserto querían roubar a súa caravana chea dunha morea de tesouros conseguidos nas súas liortas.
Xacinto contáralles a súa idea de adoptar uns pais e como ata o de agora non tivera éxito ningún. Pedro, o maior, preguntoulle:
-¿E logo? ¿Non te coidan ben os tíos?
-Dabondo, pero eles nunca quedan a durmir; fano moi poucas veces. E non é o mesmo que ter uns pais.
-¿E por que non é o mesmo? –preguntou Xosé, o máis pequeno.
-Porque non é o mesmo –respondeu Xacinto non sabendo que dicir nin como explicarlle ó seu curmán de cinco anos porque non era o mesmo.
-¡Ah, vale! –dixo Xosé, que se conformaba case sempre coa resposta que quixeran darlle.
-Xa atoparás a alguén –interveu Xesús. –Xa o verás.
-Seino, pero xa me tarda. Se cadra...
-¿Se cadra que? –berraron ó tempo os tres irmáns.
-Se cadra xa os atopei. Esta tarde voullos presentar uns rapaces no Parque de Santa Margarida, a ver que vos parecen. Pero disto nin chisco, que ós tíos aínda non llo dixen.
-Vale –responderon.
-¿E a que xogamos agora?
-¿Que vos parece unhas carreiras co Scalextric?
-¡Si, si, si! –berraron todos pegando chimpos ó redor de Xacinto.
E a semellanza de Atila e mailos hunos entraron coma unha tromba na casa e subiron as escaleiras coma unha exhalación para meterse na enorme habitación onde o tío Ramón montáralle a Xacinto un Scalextric de catro pistas. Tanto se estaban a divertir que, cando os pais deles e mailos tíos de Xacinto foron a recollelos para dar unha volta pola cidade, algo que a todos eles encantaba, case tiveron que obrigalos a deixar o condenado xoguete.
Foron ata o Castelo de San Antón, que quedaba moi preto da casa de Xacinto, e quedaron un anaco vendo as regatas dende a muralla exterior do Castelo; logo foron andando cara á Solana e, como non, tiveron que rubir polos canons que hai xusto fronte o Xardín de San Carlos. Logo, seguindo o mar, chegaron ata a Dársena, onde pararon outro anaco, e Xurxo e máis Luisa estiveron falando de como querían que foxe o iate que ían mercar para as vacacións do próximo verán. Metéronse polo porto e o rapaces estiveron correndo entre os enormes e grises guindastres que alí había, esperando non manchar coa graxa que de cando en vez soltaban. Aí case hai unha rifa entre os pais dos curmáns, os tíos e mailos raparigos porque estes desexaban subir ós norais onde amarran os barcos e aqueles non querían que o fixesen. Ó cabo a cousa solucionouse deixando que subisen pero mentres estivesen agarrados á man dun dos dous homes. Saíron do porto á altura da Praza de Ourense e xa colleron costa arriba para Santa Margarida.
Xacinto levou unha desilusión porque os rapaces non estaban, mirou o reloxo, un agasallo do seu anterior aniversario, e decatouse de que era tarde de abondo. Se cadra era por iso. Quería velos, ademais desexaba invitalos á festa de aniversario da súa avoa.
De calquera xeito, estiveron pasándoo moi ben no recuncho dos xogos un bo anaco. Logo, da mesma maneira que fixeran o día anterior, foron ata a casa da súa avoa, que levou unha boa sorpresa ó velos, e que improvisou nun anaco unha estupenda merenda para todos.
Xa de volta na casa, os tíos e mailos pais dos curmáns de Xacinto prepararon unha cea lixeira. Xosé nin sequera chegou a albiscar a sobremesa, unha cunca de arroz con leite con moita canela e azucre, pois caeu durmido enriba do mantel. Os demais non estaban en mellores condicións, a todos eles pechábanselles os ollos por momentos e Claudia e máis Luisa colleron e leváronllos ás súas habitacións, onde, despois de poñe-lo pixama e deitarse na cama, caeron durmidos coma pedras.
Xacinto esa noite volveu soñar coa lúa, e tornou a camiñar por ela, pero esta vez acompañado polos seus curmáns e mailos rapaces que coñecera hai días no parque. Xogaron cos animais que habitaban o satélite e correron pola superficie branca pegando chimpos de tres metros, a xente maior non estaba. Atoparon, nunha fermosa casa, moi grande, que tiña un fermoso tellado vermello cheo de columpios, unha morea de rapaces coma eles, se cadra un pouco diferentes fisicamente, pero non deixaban de ser rapaces. Todos eles eran brancos e os seus ollos, escuros coma unha noite sen lúa, emitían una mirada amigable e alegre. Estiveron todos naquel tellado un bo anaco e logo marcharon para seguir percorrendo tan estraño lugar. Cando estaban a piques de cruzar unha fermosa catarata de cor azul cobalto Xacinto espertou.
Aínda que non escoitara ren a súa tía Claudia estaba ós pés da cama co zume de laranxa preparado.
-¡Bos días, Xacinto! –dixo ela.
-¡Bos días, tía Claudia! –respondeu Xacinto erguéndose e estirando os brazos para se espertar mellor.
Esa mañá Xacinto e mailos seus curmáns estiveron na praia de Riazor, nada de excursións fóra da cidade, os maiores desexaban ir á inauguración dunha exposición que había na rúa de Emilia Pardo Bazán ás seis da tarde, e ían levalos con eles e se marchaban ás praias dos arredores da cidade non darían chegado a tempo. A Xacinto non lle importaba, de feito gustáballe ir cos seus tíos a estes eventos: gustáballe aprender e nestas ocasións especiais coñecía a xente e vía cousas que non lle amosaban no colexio. Ós seus curmáns non lles emocionaba moito pero portábanse con corrección porque sabían que serían compensados ó día seguinte con algo realmente abraiante.
Volveron cedo á casa para xantar e cedo marcharon dela para poder levar ós rapaces o Parque de Santa Margarida e que se desafogasen un pouco antes de metelos nun sitio cheo de pinturas, esculturas e xente maior que non lles faría ningún caso. Na zona dos xogos da parte de arriba do parque estaban os rapaces que Xacinto vira cando foi visitar á súa avoa. Xa os tiña albiscado cando estaban subindo a costa que levaba á zona de xogos e contoulles os seus curmáns quen eran. Os rapaces puxéronse moi ledos cando viron a Xacinto e todos eles correron cara a el. Xacinto presentoulles ós seus curmáns e estiveron todos xogando xuntos un bo anaco.
-A próxima fin de semana é o aniversario da miña avoa e podo invitar a quen me pete. ¿Queredes vir? Poderedes ve-la casa e xogar comigo e mailos meus curmáns.
-Espera un anaco –dixeron –temos que dicirllo os nosos pais.
Xacinto quedou esperando mentres vía como os rapaces falaban cos pais. Ó cabo tornaron onde Xacinto para dicirlle que irían. O rapaz puido observar que xa estaban todos os maiores xuntos, incluíndo os pais dos seus amigos, falando animadamente e despedíndose amigablemente. Axiña Xacinto e os seus parentes marcharon do parque cara a exposición.
Os días que quedaron ata o aniversario da avoa transcorreron con normalidade. Todo o día cos seus curmáns de aquí para alá: ían as praias, a pasear pola cidade, de tapas pola tarde, gozaban coas actuacións que os diferentes grupos de músicos daban nas rúas e prazas da cidade, asistían ós espectáculos organizados polo concello na Praza de María Pita, ían xogar o Parque de Santa Margarida, onde case sempre atopaban os seis irmáns, e tamén, algúns días que non eran tan bos e que ameazaban chuvia, quedaban na casa entretidos na enorme habitación de xogos de Xacinto.
Xacinto cada día estaba máis nervioso. ¿Quererían adoptalo? Procuraba non pensar niso e pasalo o mellor posible cos seus parentes pero non podía evitar, cando quedaba pola noite só na súa habitación, sentir un certo desacougo. ¿Que faría se o rexeitaban? ¿E por que ían facelo? ¿Non era un bo rapaz? ¿Que máis lles daba un fillo máis? Este último pensamento tranquilizábao un chisco e non tardaba en collelo sono e soñar coa lúa.
O día do aniversario non saíron da casa, había moito que preparar para o xantar e os rapaces tiveron que conformarse con xogar no xardín e máis na habitación dos xogos, cousa que non lles importou o máis mínimo. Ía ser unha celebración incrible. Aparte de Ana, a cociñeira que sempre había na casa, e das dúas serventas tiveron que vir media ducia de camareiros e outros dous cociñeiros, que xa traballaran outras veces con Ana e coa que se levaban medianamente ben. A casa ía estar chea de xente: tódolos irmáns e irmás da avoa, os fillos e mailos netos de todos eles e algúns amigos e amigas da avoa, e logo, claro, os amigos que fixera Xacinto no Parque de Santa Margarida acompañados polos seus pais. Preto de cen persoas ían reunirse na casa, o cal non era problema ningún porque no andar baixo da casa tódalas habitacións que estaban a esquerda da escaleira principal estaban comunicadas por medio de portas corredoiras e podían deixarse totalmente abertas e facer un comedor tan grande que non habería problema para que coubesen todos.
O que si tiveron que facer foi alugar unha boa cantidade de mesas e máis de cadeiras para acomodar a tanta xente, o cal non era sinxelo, pero a tía Claudia coa súa recoñecida eficiencia na organización de toda clase de eventos tiña todo a punto para que non fallase ren.
Dende o xardín os raparigos vían o continuo ir e vir de toda clase de xente e a entrada e saída das furgonetas de reparto e de cando en vez os berros da tía Claudia porque no se estaban a face-las cousas como ela desexaba. Nun intre determinado decidiron que xa abondaba de dar tantas voltas entre as árbores e os matos e entraron na casa. O balbordo que había nela era inimaxinable: semellaba que unha tromba pasara por aí desfacendo todo o perfecto orde cotiá; a tía Claudia e máis Luisa, Ramón e Xurxo estaban ocupados dabondo falando con todas aquelas persoas estrañas, encargadas da organización da festa, como para andar pendentes do ir e vir dos rapaces que correron escaleiras arriba cara as bufardas da casa.
Moitas horas pasara Xacinto naquelas habitacións onde se amoreaban tódalas cousas que nun tempo estiveran de moda e que xa non servían, e tamén os seus xoguetes e roupas de cando era máis pequeno. Xacinto chamaba a aquela habitación A cámara dos tesouros; alí deixaba corre-la súa imaxinación acerca da historia de calquera das cousas que contiña e alí refuxiábase cando tiña algún problema na escola, non cos profesores, pois era un estudante excelente, senón cos seus compañeiros máis brutáns que ás veces magoaban nel ou o facían obxecto de burlas crueis que Xacinto aturaba como podía pero que lle afectaban moito realmente. Alí  argallaba que os metía en cepos e lles daba as máis espantosas torturas ou, o que era moito peor para eles, facíalles estudar a lista dos Reis Godos e explica-la súa árbore xenealóxica.
Cando estaba cos seus curmáns xogaban a vestirse con tódalas roupas vellas que había en dous arcas e imaxinaban ser persoas doutras épocas e, como había unha serie de variñas de madeira, a cales Xacinto nunca descubriu para que servían, tamén facían duelos como se estas variñas foxen espadas. Estiveron aí un bo anaco hasta que escoitaron berrar ós seus tíos que os chamaban. Pecharon a porta da Cámara dos Tesouros e baixaron correndo.
Era para non crelo. Toda a desfeita que observaran os rapaces cando subiron á bufarda desaparecera e no seu lugar unha morea de guirnaldas e demais trangalladas que tanto gustan á xente estaban dispostas por toda a casa con exquisito gusto. Toda a parte baixa da casa convertérase nun enorme comedor cunha mesa longa de máis, cuberta con manteis bordados e dispostos encima deles unha vaixela fermosísima de cor azul e branco; os cubertos, de prata, e magnificamente bruñidos relucían. Uns fermosos búcaros azuis con pequenas flores brancas,  dende un extremo a outro da xigantesca mesa, formaban unha liña que a dividía perfectamente en dúas metades. Ía a ser unha festa como non a vira endexamais Xacinto.
Os tíos mandaron ós rapaces ás súas habitacións para que se lavasen e cambiasen de roupa pois non tardaría en chegar á súa avoa e pouco despois empezarían a chegar ós invitados. Xacinto estaba moi nervioso; aínda que invitara ós seus amigos non estaba seguro de que puidesen vir, por unha parte desexaba velos, xa que hoxe ía saber por fin se o aceptarían na súa familia. Por outra banda, tiña medo de que o volvesen rexeitar, e entón desexaba pospoñe-lo momento do encontro. Os rapaces non tardaron en aquelarse e baixaron xuntos todos eles ó gran comedor.
A festa resultou magnífica: a comida excelente, o ambiente agradable e festivo, os agasallos que recibiu a avoa moitos e fermosos; os seus amigos do parque apareceron cos seus pais. Xacinto estaba exultante. Antes de que marchasen falaría con Antonio e María, pero mentres tanto non se preocuparía por iso. Os rapaces estiveron xuntos todo o tempo, falando das súas cousas, percorrendo a casa, o xardín e mailas bufardas. As horas máis que pasar correron e cando se decataron era de noite e os invitados empezaban a marchar. Os seus amigos dentro dun anaco tamén volverían á súa casa; parecía o momento axeitado. Xacinto achegouse ós pais dos rapaces:
-¿Podo facerlles unha pregunta? –dixo Xacinto un pouco nervioso dirixíndose a Antonio e María.
-Claro, ¿que che preocupa? –respondeulle María.
-Non sei se saben que son orfo...
-Si, o teu tío xa nos falou –cortoulle Antonio.
-¿E tamén lles dixo que estou na procura duns pais?
-Algo dixo –respondeu María agachándose para quedar á altura do rapaz.
-Pois o caso é ..que me gustaría que vostedes foxen os meus pais. ¿Non lles gustaría adoptarme?
-Gustar, gustaríanos, pero antes temos que falar cos nosos fillos. A resposta non depende só do que nós desexemos. ¿Comprendes? –dixo Antonio.
-Comprendo –respondeu Xacinto que acougara un pouco.
-Imos face-lo seguinte: esta noite falamos cos nosos fillos e mañá pola tarde, no parque, dámosche unha resposta. ¿De acordo? –dixo María.
-De acordo –respondeu o rapaz.
-Deica mañá, Xacinto.
-Deica mañá.
Esa noite Xacinto durmiu como non o tiña feito dende facía días: de seguido e sen soños estraños. Cando espertou o primeiro que fixo foi contarlle á súa tía Claudia a conversa que tivera con Antonio e máis María., e como quedaran en darlle un resposta esa mesma tarde. Ela non dixo ren, nin amosou preocupación algunha polo que lle dixera o rapaz.
-Paréceme ben, Xacinto. Debes dicirllo a Ramón.
-Por suposto, non farei nada sen voso consentimento. Non só gañaría uns pais tamén uns irmáns –dixo Xacinto case saltando enriba da cama. –E iso sería fantástico.
-Acouga Xacinto, acouga. Veña, bule que os teus curmáns xa están espertos esperando por ti para ir ó monte.
Xacinto vestiuse rapidamente e baixou. Almorzou con fame, nervioso por explicarlles ós seus curmáns que, se cadra, xa conseguira uns pais. Colleron os emparedados, a froita e maila auga que lles tiña preparado a cociñeira, metéronse todos no enorme coche de nove prazas de Luisa e Xurxo e buliron cara ós montes de Elviña, unha aldea preto da Coruña. Estiveron camiñando un bo anaco e visitaron as ruínas do castro, logo xantaron debaixo dunhas árbores, descansaron un anaco e volveron a camiñar, esta vez monte a través, ata chegar á propia aldea, onde deixaran o coche, para volver á cidade. Chegaron á casa de Xacinto, ducháronse, cambiaron de roupa e volveron marchar, esta vez acompañados de Claudia e máis Ramón, cara a Santa Margarida, polo camiño Xacinto logrou contar ós seus curmáns a conversa cos pais dos seus amigos. Os seus curmáns alegráronse e desexaron que por fin o conseguise. Pero cando chegaron á zona de xogos non había ninguén tan só un home maior, sentado nun dos bancos, lendo o periódico, vestido cun traxe o cal pasáranlle tan ben o ferro que semellaba novo do trinque.
Xacinto empezou a entristecer. Non cumpriran á súa palabra, se cadra os fillos non desexaban ter máis irmáns. Pero non entendía porque non apareceran para dicirlles que non podían adoptalo. De súpeto o home do banco ergueuse e camiñou cara ós seus tíos:
-Perdoen, ¿son vostedes Ramón e María, os tíos de Xacinto?
-Somos. ¿Quen é vostede? –dixo Ramón.
- O meu nome é Gabriel Soutomaior: son o representante de Antonio e María. ¿Cal deses rapaces é Xacinto?
-O de cabelo rubio. ¿Como é iso que é o seu representante? –respondeu Claudia.
-Xa vexo que non os recoñeceron –respondeu Gabriel.
-¿E logo son xente importante? –preguntou a tía Claudia, non comprendendo aínda que estaba a pasar.
-Famosos, máis ben. Despois de estar a traballar nas televisións doutras comunidades autónomas á serie Seis e máis dous, xa abonda vai emitirse na canle galega. Por iso tiveron que trasladarse a vivir á Coruña, en outubro empezarán a emitirse, coma sempre en directo, a vida desta familia tan particular. Onte pola noite chamáronme para contarme á oferta que lles fixera o seu sobriño e para pedirme consello.
-¿E logo? –dixo Xacinto que se achegara rapidamente en canto escoitara o nome dos pais dos seus amigos.
-Sinto moito ter que darte a mala nova, Xacinto –dixo o home volvéndose cara ó rapaz. –Pero, aínda que todos eles che teñen moito cariño e estarían dispostos a adoptarte, non poden facelo.
-¿Por que? –dixo Xacinto a quen as bágoas estaban empezando a correr polas meixelas, pois non se esperaba outro rexeitamento.
-Encantaríalles ter un fillo máis, e os rapaces estarían felices tendo outro irmán, pero o seu contrato non lles permite ter máis de seis fillos pois a produtora da serie Seis e máis dous, xa abonda nolo aceptaría ata que un dos seus fillos chegase á maioría de idade e tivesen que cambialo por outro.
-¿E por que non mo dixeron antes? –preguntou Xacinto, mirando ó home coa cara empapada de bágoas.
-Porque non o sabían; non tiveran nunca unha oferta coma a que lles fixeches, e tódolos seus fillos naceron coa serie e a produtora non considerou importante dicirllo ata este momento en que cubriron o cupo.
-Pois logo podemos seguir sendo amigos e esperar, e mesmo poderían mentres vivir na miña casa, que é grande de máis para que vivamos todos xuntos. –replicou Xacinto crendo que atopara a solución.
-Sinto, pero aínda que aceptasen a túa proposta tampouco poderían, chegado o momento, adoptarte. Resulta que no contrato hai unha cláusula ...
-¿Que é unha cláusula? –dixo o rapaz.
-É como se esqueceses escribir unha cousa no seu sitio e tiveses que escribila ó final dun documento –explicoulle Claudia.
-Si, algo semellante –respondeu o representante. –Pois como che dicía, hai unha cláusula que lles obriga e ter sempre seis fillos na serie, e en canto se aproxime á maioría de idade dun deles, teñen a obriga de ter outro, e o fillo de reposto ten que ser propio, non pode ser adoptado. Sinto moito Xacinto. Espero que teñas sorte na túa busca. Adeus.
-Adeus –dixeron os tíos de Xacinto apertando a man de Gabriel.
-Dígalles –berrou ó rapaz a Gabriel –quen non lles gardo rancor e que, senón lles importa, me gustaría seguir sendo o seu amigo.
-Direillo –respondeu o home.
Aínda que os seus curmáns tentaron consolalo e facerlle rir e esquecer o que acabara de ocorrer non conseguiron nada. Xacinto sentou no tobogán e empezou a choromicar coa cabeza baixa entre as mans e non fixo caso de cantos aloumiños lle facían tanto os seus tíos coma os seus curmáns. Nese intre non podía deixar de pensar no novo rexeitamento e en que endexamais podería conseguir adoptar uns pais. Deixárono só un bo anaco. Mesmo os seus curmáns pasáralles as ganas de xogar e quedaron sentados pretos de Claudia e Ramón observando o gran desacougo do pobre rapaz, sabendo que non podían facer ren por el e esperando que axiña volvese a ser o raparigo revoldeiro de sempre. Ó cabo dun rato Xacinto ergueuse e foi cara a eles:
-¿Poderiamos ir á casa da avoa? –preguntou.
-Claro, meu rei, onde queiras –respondeu Claudia.
Pouco a pouco, mentres camiñaban cara á Pardo Bazán, Xacinto foi acougando; volveu falar cos seus curmáns e mesmo a amosar un chisco de alegría polo ben que o estaba a pasar. A súa tía Claudia coñecíao ben, sabía que por dentro Xacinto estaba moi triste, pero como era un rapaz cun corazón de ouro, non desexaba preocupar máis da conta á xente que o apreciaba, e agora mesmo estaba a disimular a fonda tristura que sentía. O único que podía facer era deixalo en paz e esperar que lle pasase, e vixiar que  se fose recuperando do derradeiro intento por facerse cuns pais, que non se obsesionase coa súa teima de conseguir uns e que fose o máis feliz posible.
A avoa estaba a toma-lo té cunhas amigas; todas elas excelentes mulleres que recibiron moi ben a aquela caterva de rapaces.  Estiveron na súa compaña un bo anaco e logo volveron á casa. Xacinto tentaba evitar por tódolos medios amosar a tristura que sentía e conseguino ata que estivo deitado na súa cama, momento en que rompeu a chorar con tal desacougo que a súa tía, que estaba detrás da porta disposta a darlle as boas noites, marchou de contado por non soportar escoita-los seus choros. Só esperaba que se recuperase canto antes. Sabía, por experiencia, que sería inútil neste momento todo o que lle puidese dicir ó rapaz, que era el quen tiña que convencerse de esquece-lo ocorrido, que todo o que lle dixese non conseguiría que Xacinto volvese a ser o rapaz que era antes.
Pola mañá ergueuse coma sempre ás oito, almorzou con normalidade, e pasou a mañá xogando cos seus curmáns no xardín como se nada do ocorrido o día anterior tivese sucedido. Despois do xantar os seus curmáns marcharon a Monforte, non os volvería a ver, se cadra, ata as vacacións de Nadal. Que aparecesen polo seu aniversario, alá polo mes de decembro, dependían de como caese a ponte da Inmaculada. De calquera xeito en Nadal volverían a reunirse e podería volver a xogar e idear argalladas con eles.
Pero as cousas ocorreron dun xeito ben diferente. As dúas semanas que quedaron do mes de agosto Xacinto pasounas indo as praias e de festa en festa polos pobos. Polo día semellaba o rapaz alegre de sempre, pero polas noites a súa tía escoitábao chorar ata quedar durmido. Preocupáballe moito que Xacinto non dese esquecido o rexeitamento e que non levantase cabeza por iso.
O mes de agosto rematou e na primeira semana de setembro a tía Claudia e máis Xacinto estiveron moi ocupados indo de tenda en tenda e de libraría en libraría para mercar todo o material axeitado para a volta ó colexio, alá polo día quince. Algo estraño ocorreu nesa semana pois o tío Ramón non paraba de entrar e saír da casa e de meterse no seu despacho para falar por teléfono durante horas. Nin a tía Claudia nin Xacinto sabían o que se traía entre mans Ramón e el tampouco deu explicación ningunha.
Para sorpresa de Xacinto a fin de semana anterior á súa volta ó colexio apareceron por Coruña Luisa e Xurxo cos seus tres fillos. Xacinto, que non os esperaba pois ninguén lle dixera nada, púxose moi ledo de telos alí. Os rapaces, coma sempre, subiron as escaleiras para meterse na bufarda mentres os maiores quedaban falando. Non levaban nin cinco minutos nela cando apareceron por ela Claudia, Ramón, Luisa e Xurxo.
-¿Podes vir un anaco Xacinto? Temos que falar.
¿Que quererían dicirlle? Xacinto marchou con eles, foron á biblioteca, sentaron todos nun cómodo sofá de pel mentres o rapaz facíao nunha butaca que había fronte del.
-Claudia e Ramón contáronnos, cando marchamos en agosto, o teu desexo de adoptar uns pais. –dixo Luisa.
-Si –dixo Xacinto, expectante polo que ían dicir.
-E tamén os teus intentos frustrados por conseguilo –interveu Xurxo.
-Si –dixo Xacinto que estaba empezando a poñerse triste con só lembrar tódolos seus esforzos por conseguir uns pais.
-Pois ben. Nós queríamos preguntarte unha cousa. ¿Que che parecería se nós fóxémo-los teus pais? Se ti queres. Xa temos todo disposto para trasladarnos a vivir aquí, os colexios dos teus curmáns, os teus futuros irmáns, os nosos traballos, todo está preparado. Se ti queres. ¿Que respondes Xacinto?
Xacinto quedou pampo. ¿Como non se lle ocorrera antes? Tanto tempo tentando conseguir uns pais axeitados e tíñaos tan preto que non os viu.
-Xacinto, ¿que dis? –preguntou a súa tía Claudia vendo a cara de abraio do rapaz.
-¡Si, si, si! ¡Canto vos quero! ¡Claro que si! –respondeu Xacinto pegando un salto dende a butaca ata eles e enchéndoos de bicos a todos.
Claudia, Luisa, Ramón e Xurxo rían con el. Era tal o balbordo que montara Xacinto que apareceron pola porta os seus curmáns, a cociñeira, o mordomo e mailas serventas para ver que estaba a pasar.
-¡Xa teño pais! ¡Xa teño pais! –berrabas Xacinto mentres pegaba saltos por toda a biblioteca como se foxe un indio bailando ó redor do fogo do campamento.
Os seus curmáns uníronse á súa alegría e a biblioteca, o lugar máis serio da casa, onde o seu pai traballara tantas horas, e onde el xogara de cativo ós seus pés, converterase coa alegría dos rapaces no lugar máis fermoso do mundo.
-Así que iso era o que estabas a facer estes días –dixo Claudia a Ramón.
-Argallando todo para que, no caso de que Xacinto aceptase a oferta, que eu xa pensaba que ía aceptar, puidesen eles instalarse na casa o antes posible.
-Teño un marido que vale un mundo –dixo Claudia.
-Telo, non o dubides –riu Ramón.
-Isto hai que celebralo –dixeron Luisa e Xurxo.
E marcharon todos da casa a un restaurante onde Ramón, sempre previsor, reservara unha mesa esa mesma mañá.
Ó día seguinte formalizaron os papeis de adopción de Luisa e Xurxo e mailos seus fillos. Xacinto estaba contento acababa de adoptar unha familia enteira e iso era máis do que pensara o principio. Xa non volvería estar só polas noites e tería tódolos agarimos do mundo e que tanto botara de menos dende que morreran os seus pais.
Xa non volvería a estar só polas noites.




[1] Serie moi popular en España nos anos sesenta, nos oitenta a TVG fixo unha versión en galego que xa foi reposta varias veces. Aprendía valores como a amizade, a lealdade, a honradez.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Podedes deixar aqui os vosos comentarios, ideas e suxerencias.
Podéis dejar aquí vuestros comentarios, ideas o sugerencias.
Spazio per scrivere le vostre osservazioni e idee.